Comedor Social San Froilán

Como cada ano chegando o tempo de Nadal, comezan na nosa mente os interrogantes sobre os preparativos a levar a cabo para decorar, elixir o menú, número de voluntarios que colaborarán nos días sinalados e para facer deste Nadal, un Nadal cheo de novidade, non outro Nadal máis. Despois de tres anos, este é o primeiro Nadal que volve ser como o de antes, todos xuntos e en “familia”, acabáronse os tapers e a distancia física.

Por iso, segundo comezamos coa decoración das instalacións en colaboración co equipo que formamos o comedor, irmás e traballadoras, xurdiunos un interrogante. Como facer que este Nadal sexa novamente próximo e inclusivo, e facer que os usuarios que veñen comer todos os días se consideren como no seu fogar en Nadal, aínda que sexa por un intre.

Certamente, é difícil cubrir ese sentimento de familia e que nos vexan como algo máis que as irmanciñas que nos dan para comer, como eles din cariñosamente. Pero iso, non impediu que nós seguísemos empeñadas en xerar ese ambiente con aroma a fogar, acollida, proximidade, escoita e como non, a festa, a celebración… “Deus naceu no medio de nós”. Por iso, decidimos para o día de Nadal, realizar a felicitación en versión sementadores de estrelas, con eles e o voluntariado. As estrelas colocaríanse na lapela da chaqueta xunto co desexo dun bo Nadal segundo fosen entrando un por un a comer, e á saída, eles mesmos colocarían a estrela no nacemento que se atopa situado na zona de entrada. Así todos estamos presentes xunto a Deus feito neno como a gran familia universal que somos, onde non existe diferenza de raza, nación, nin relixión.

Así que nos puxemos ao choio, buscamos diferentes cores de gomaeva para realizar as estrelas e colocar a frase “Deus nace para ti”. Tarefa que axudou a facer realidade parte do voluntariado.

Chegado xa o día vinte e cinco, ás 12.45 h puñamos a punto as luces do belén e panxoliñas para realizar a acollida e felicitación. Sen esquecer traballadoras, irmás e voluntarios ataviados co noso mellor traxe de festa, ilusión e alegría de compartir e por suposto, para ser luz mediante a estrela de Belén que cada un de nós forma parte do Comedor Social San Froilán neste Nadal.

Chega o momento de abrir as portas para a acollida, usuarios sorprendidos á súa chegada de vernos con adornos do Nadal que facían máis relucentes os nosos uniformes, pero aínda máis sorprendidos da felicitación en forma de estrela e coa simboloxía que dabamos a ese momento. Isto non finaliza aquí neste intre, senón que se revive cada día ao chegar ao comedor. Eles mesmos sinalan a súa estrela como a gran ofrenda realizada ao Neno Xesús.

Desde o Comedor Social desexámosvos Bo Nadal e próspero 2024.

Desde o Comedor San Froilán: Grazas!

Cada día, unhas cento cincuenta persoas achéganse ao Comedor San Froilán. Hai un par de meses, antes de que comezase esta situación, os que acudían eran a metade. Todos somos conscientes do gran drama que vivimos neste momento.

No ano 2000, a diocese de Lugo decidía, cos donativos procedentes do xubileu daquel ano, abrir esta institución. O obxectivo era lograr que nin unha soa persoa ou familia deixase de gozar de, polo menos, unha comida diaria. Fai vinte anos, facelo era unha necesidade, hoxe lamentablemente segue séndoo. E nada indica que vaia a mellorar.

O Papa Benedito XVI, na súa encíclica Deus Cáritas Est, di “que o amor sempre será necesario, mesmo na sociedade máis xusta. Quen tente desentenderse do amor disponse a desentenderse do home en canto home. Sempre haberá sufrimento que necesite consolo e axuda”. E baixo esta premisa existe o labor asistencial da Igrexa. Existe polo amor. O Comedor San Froilán é froito dese amor.

Desde que abriu as súas portas viu pasar polas súas instalacións centos, miles, de persoas. Non dá igual o número porque ninguén o é, aínda que sexa máis doado reducirnos a iso, a unha cifra. Centos de traxedias, horrores, equivocacións, desconsolos, soidades, miserias… que non se curan cun anaco de pan ou unha sopa quente. Pero o alimento material é o básico sustento, e ás veces a escusa, para recibir algo máis: un sorriso, unha chiscadela ou un oído ao que contarlle o que pasa, alguén que se preocupe por ti. É poñer rostro ao sufrimento do outro, que pode chegar a ser reflexo do propio. Ningún estamos libres de sufrir nin de vernos abocados a pasar por malos momentos ou necesidades.

Cando a sociedade vese sacudida por algunha crise, agrávase ese sufrimento. As miserias materiais e espirituais duplícanse. Pero tamén se multiplica o amor. E faino exponencialmente.

En vinte anos, o Comedor San Froilán non deixou de abrir as súas portas por falta de recursos. Se se incrementa o número de necesidades, á vez crece sen medida o apoio que recibe. E é moi necesario agradecelo. E hoxe segue dando para comer a quen o solicita. Cónstame que as Fillas da Caridade que o rexentan preocúpanse de cada un dos que por alí pasan. Sei que cada un dos traballadores pon no seu labor as mellores calidades de si mesmos. Estou segura de que cada un dos voluntarios desborda entusiasmo e dispoñibilidade. E que cada empresa, comercio ou persoa particular que achega alimentos faino desbordando xenerosidade. Xamais faltou o seu apoio ou axuda. Nunca.

Esta reflexión é para eles. Para darlles as grazas en nome deste Comedor; casa de acollida de moitos ou de todos, dependendo do momento. Grazas aos que non escatimades en amor. Grazas pola vosa xenerosidade. Grazas. “O amor é unha luz que ilumina constantemente a un mundo escuro e dános forza para vivir e actuar. O amor é posible, e nós podemos poñelo en práctica porque fomos creados a imaxe de Deus” (Benedito XVI).

Por ese amor o Comedor San Froilán seguirá aberto. Por ese amor seguiremos actuando. Por ese amor, a Igrexa, como di tamén Benedito XVI, “non pode nin debe substituír ao Estado. Pero tampouco pode nin debe quedar á marxe na loita pola xustiza”.

Por ese amor e desde o amor, dámosvos as grazas!

Miguel Ángel Gómez Vázquez

Resposable do Comedor San Froilán

Agradecemento da Fundación Comedor San Froilán

A Fundación Comedor San Froilán desexa agradecer a todos os lucenses a súa solidariedade cos irmáns máis desfavorecidos.

– A todas aquelas persoas que de forma altruísta aportan donativos económicos e alimentos. Son innumerables, constantes e extraordinarias as mostras de xenerosidade por parte de persoas anónimas.

– Ás empresas e entidades privadas que de forma habitual aportan produtos e alimentos. Agradecemos enormemente o seu compromiso con este labor social, porque sen o seu apoio sería moi difícil facelo posible.

– Aos voluntarios e traballadores do comedor, polo seu esforzo desmedido e a súa dedicación constante nos labores necesarios para prestar este servizo. O seu tempo e xenerosidade é imprescindible para levar a cabo esta misión.

– Ás parroquias, sacerdotes e fregueses, pola súa imprescindible colaboración económica e detección de urxencias entre os seus parroquianos.

– Ás Fillas da Caridade, responsables da xestión do Comedor San Froilán, polo seu inestimable traballo e a súa incansable entrega cos necesitados.

E, en xeral, o noso máis sincero agradecemento a todos os que, dunha ou outra forma, fan posible que este proxecto solidario da Diocese de Lugo poida atender diariamente aos irmáns que máis o necesitan.

No ano 2014 repartíronse máis de 40.000 comidas a familias e transeúntes (unha media de 120 comidas diarias) e, nestas datas navideñas, coas achegas extraordinarias recibidas puidéronse distribuír máis de 140 caixas de alimentos a familias da nosa cidade.

A todos GRAZAS, e os nosos mellores desexos para este ano que comeza.

A %d blogueros les gusta esto: