A Eucaristía, misterio de fe

A fe nútrese de certeza, de crenza, de verdade e de responsabilidade.

Existen tres niveis de certeza:

O primeiro é a certeza evidencial, a que salta á vista, que se fundamenta, á súa vez, na certeza matemática, que resulta da axeitada relación das partes, a certeza empírica, que ten por fundamento a experiencia repetida do acontecemento e a certeza lóxica, que é aquela á que se chega mediante o raciocinio.

O segundo é a certeza histórica, a que ten por fonte o testemuño dos contemporáneos dos feitos.

E, por último, a certeza moral, a que se fundamenta na maior ou menor veracidade de quen nos fala.

Hai clases de certeza que non poden negarse, porque a súa veracidade é evidente ou se constata por raciocinio, ou por experiencia. Na certeza histórica e na certeza moral, a garantía de verdade que nos transmite depende da valoración que fagamos das fontes transmisoras.

Certeza é a adhesión ás proposicións ou verdades que nos fan os demais.

As crenzas favorecen a fe, pero aínda non son fe. Ante a certeza o home é receptor, (recibe a verdade obxectiva). No campo das crenzas o home é buscador (é suxeito activo).

Como se desenvolven as crenzas? Para que haxa crenzas, requírese, en primeiro lugar, interese por parte do que desexa crer; en segundo lugar, modelos de identificación que merezan credibilidade, e, por último, selección dun modelo de crenzas, (cristianismo, marxismo…) e optar por el.

Nesta elección, conta máis o corazón que a razón. Aquel aforismo: «nada se desexa se antes non se coñece», hai que substituílo por estoutro: «nada se coñece de verdade, se non hai interese por posuílo». Aquí inflúe máis a simpatía, a amizade, o interese subxectivo, que a valoración obxectiva. De aí a importancia de coidar o modo de presentar as propostas para facelas cribles. De aí tamén a importancia de facer atraente a verdade relixiosa, para que o oínte a acepte de bo grado.

Certo que tamén se requiren a racionalización, a comprobación de que aquilo que se nos dixo e que nós desexamos crer, é crible. Tras esta comprobación, eu fágome crente e misioneiro e testemuña das miñas crenzas ante os demais.

Por suposto, as crenzas non son fe, pero predispoñen para a fe; suscitan interese pola fe…; deixan expedito o camiño para a fe, a cal nos será infundida por Deus, fonte de verdade e de vida.

Non podemos confundir crenzas e fe. A fe é gratuíta, pero as crenzas, non: estas son labor humano e temos que suscitalas co noso labor persoal, como un ben para nós, e co noso labor pastoral, como un ben para os demais. Abrámonos á apertura de Deus, e a fe virá a nós, e, por nós, aos nosos irmáns.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: