Memoria democrática

O 21 de xullo de 2021 o Goberno aprobou o Proxecto de Lei de Memoria Democrática para a súa defensa. Arredor desta lei óense moitos slogans, manipulacións, frases grandiosas e baleiras de contido… A cuestión relevante é: que memoria democrática quedará da actuación deste Goberno? Para iso convén ter claro o que é unha democracia e como se debe exercer o poder democraticamente. As esixencias teñen que ser as mesmas, tanto para os partidos máis afíns como para os máis opostos.

A democracia deféndese sobre todo exercendo o poder democraticamente con respecto aos dereitos dos demais, e iso vai ser a memoria democrática real que queda “na memoria”. Por iso entendo que é necesario ter claro polo menos o seguinte:

1) A democracia como a mellor forma de goberno das sociedades xustifícase por si mesma. Isto é así para a inmensa maioría dos cidadáns, pois nesta faise un exercicio do poder máis xusto e adecuado á condición humana que o de calquera ditadura ou despotismo ilustrado. A democracia é máis respectuosa coa liberdade e co protagonismo das persoas para construír a sociedade futura coa colaboración de todos.

2) Defender a democracia por medio de leis penais, de leis represivas, manifesta que non se cre que este sistema de goberno sexa o mellor posible ou, o que aínda é peor, que non se está exercendo o poder de xeito democrático. Neste caso o gobernante considérase o único propietario lexítimo do poder e, por tanto, os adversarios son inimigos da democracia e, aínda que fosen elixidos polo pobo, non os consideran gobernantes lexítimos, por iso pretenden reprimilos. Neste senso pode iluminarnos aquela viñeta da revista El Hermano Lobo na que un político dicía nun mitin: “Ou eu ou o caos”, e a xente contestáballe: “o caos, o caos”, entón el concluía: “É o mesmo, o caos sono eu”.

3) Na democracia os gobernantes son servidores do pobo, non xefes de súbditos. Isto maniféstase no exercicio do poder na medida en que respectan aos cidadáns e se comportan democraticamente. Así é importante ver se realmente respectan a separación de poderes, as institucións sociais e os dereitos dos cidadáns (das persoas e das minorías, familias e asociacións). Todos os cidadáns, individualmente ou agrupados, teñen dereitos que o goberno debe respectar, que poden reclamarse nos tribunais ata chegar aos de fóra de España: o de Dereitos Humanos de Estrasburgo ou o da Unión Europea en Luxemburgo.

Para os demócratas é importante que lles quede na memoria consciente que ao goberno se lle pode limitar o seu abuso do poder e así o fixeron os tribunais. Por exemplo:

a) O Tribunal Supremo obrigou ao goberno a darlle ás Comunidades Autónomas o IVE que lles retivera (10-V-21), a que dese información sobre os seus asesores (14-II-21) e que as Comunidades Autónomas paralizasen decretos do Ministerio de Sanidade nos tribunais durante a pandemia do Covid.

b) O Tribunal Constitucional considerou parcialmente inconstitucional o decreto do 1º Estado de Alarma (14-VII-21) e igualmente o 2º (27-X-21), polo que houbo que anular moitas sancións que se aplicaron en base a el. Tamén declarou nulo o peche do Congreso dos Deputados (5-X-21) e anulou o decreto polo que o vicepresidente 2º entraba a formar parte do CNI (13-V-21). Igualmente o Tribunal Constitucional considerou non axustado a dereito como se fixaba o imposto ás plusvalías das vivendas.

Poderíanse citar máis sentenzas que anularon decisións gobernamentais e leis, pero abondan para que na nosa memoria democrática quede claro que un goberno non pode actuar caprichosamente, é dicir, sen aterse á xustiza, pois está ao servizo dos cidadáns e ten que respectar os seus dereitos, tanto os persoais coma os das súas agrupacións. En democracia os cidadáns persoalmente ou agrupados nas súas institucións poden recorrer aos tribunais contra os actos, decretos e leis promovidos polos gobernos que entendan que lesionan os seus dereitos. Para iso os pobres debemos ter presente que a forza dos febles radica na súa unión, na solidariedade, que xa o expresaba moi ben aquela pancarta do 3 de xullo de 1855 en Barcelona que dicía: ASOCIACIÓN OU MORTE! Illados non se sae da miseria e da opresión.

Así que das actuacións deste Goberno resulta que a “mellor” Memoria Democrática que queda é o feito de que os tribunais invalidaron varias decisións del, pois a súa actuación gobernamental abusaba dos cidadáns e doutras institucións. Estes feitos ensinan e serven máis aos demócratas que a previsible Lei de Memoria Democrática.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Si á democracia nos impostos

Na teoría política afírmase que nas democracias as persoas non somos súbditas do Estado, nin do partido político gobernante, senón que somos cidadáns libres e responsables. Isto leva consigo protagonizar a nosa vida persoal e asociada como membros da sociedade para facer que o mundo camiñe cara á meta que desexamos. Iso é a teoría.

Pero a día de hoxe podemos afirmar, sen medo a equivocarnos, que en xeral non temos dereito a decidir o que se vai facer cos impostos. Na actualidade non nos permiten decidir como se van investir os impostos que pagamos no IVE e en moitos outros. Entre os impostos especiais convén destacar, por exemplo, o das gasolinas onde está gravado máis do 50 % do seu custo.

A lexislación actual só nos permite decidir sobre o que pagamos no IRPF (Imposto sobre o Rendemento das Persoas Físicas), e tan só nunha ínfima porcentaxe, como moito o 1,4 % no caso de que poñamos as dúas cruces na Declaración da Renda, a da Igrexa Católica e a dos Fins Sociais.

Por outra parte, hai concellos que falan da elaboración de orzamentos participativos para que os cidadáns decidan onde gastar os cartos, pero trátase de decidir sobre unha ínfima parte deles (con frecuencia menos do 1 %). Por exemplo o PSOE criticaba a Compostela Aberta que nos orzamentos participativos do concello para 2016 só lles permitían aos cidadáns decidir sobre o 0’09 % do orzamento total de Santiago. Ademais a participación é só accesible aos usuarios de internet, sendo moi poucos os que participan (por exemplo en Madrid o proxecto máis votado rexistrou só 4405 votos).

Mesmo no IRPF hai persoas que queren quitar esa ínfima posibilidade de decidir que temos só nese imposto, é dicir, queren rebaixarnos a democracia nos impostos!! Iso supón quitarnos liberdade e desconfiar das nosas decisións. Na sociedade o que os demócratas necesitamos é ter máis democracia e, por tanto, máis capacidade de decisión sobre o destino dos impostos para que, a modo de exemplo, haxa tamén “casiñas” para dar ou non un aporte económico aos partidos políticos, aos sindicatos, á promoción de deportes, á axuda á arte e ó cine, etc. etc. porque iso non debe quedar á libre decisión dos políticos gobernantes.

Curiosamente, como case sempre ocorre, quen abriu o camiño neste exercicio democrático de decidir sobre os impostos foi a Igrexa Católica, en contra dos estereotipos propalados de que esta é unha institución contraria á democracia, o que está lonxe da verdade como este feito manifesta.

Recordemos que a democracia debe ser “o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo”, segundo a clásica definición. Entón do que se trata é de ampliar a democracia no campo dos impostos ata que sexamos os cidadáns os que xestionemos todos os impostos, ata chegar a decidir a economía do país e do mundo nunha plena democracia.

Por iso, opoñerse á posibilidade de que os cidadáns decidan ese ínfimo  0,7 % para a Igrexa Católica, só se pode entender desde opcións ditatoriais ou inquisitoriais, por tanto, inimigas da liberdade, da democracia e do protagonismo económico e social dos cidadáns, especialmente dos pobres. Hai que aceptar a maioría de idade dos cidadáns para facilitarlles exercer a súa responsabilidade en liberdade dentro dunha sociedade plural e dialogante conforme ós Dereitos Humanos.

Consecuente co dito, a decisión é non renunciar a este chisquiño de democracia que me permiten na declaración do IRPF. Por iso poñerei as dúas cruces por estar basicamente de acordo coas institucións aí sinaladas, que ademais fan unha xestión do diñeiro recibido en favor dos cidadáns bastante mellor cá xestión dos nosos impostos que fai o Estado. Tamén quero seguir traballando e colaborando con outras persoas e institucións para acadar unha maior democracia neste ámbito dos impostos que pagamos e incluso da economía toda.

Antón Negro

Hai que ser máis esixente cos crentes?

Moitas veces se oe dicir que tal persoa vai moito á Misa pero é igual cós demais, ten os mesmos defectos, ou mesmo ten máis. Cando xulgamos desde unha perspectiva ética na nosa sociedade tendemos a ser máis esixentes co Bispo que co Alcalde, co cura que cun laico, co crente que co ateo, co bispo que cun cura… e se non percibimos mellores aos primeiros ca aos segundos, facilmente nos sentimos escandalizados.

Esta mesma postura mantiñan varios dos meus compañeiros de estudo na Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía. Nos diálogos que tiña con eles, soían dicirme que había que esixirlle máis ao crente, crego ou bispo. De seguido eu facíalles a seguinte observación: entón habería que chegar á conclusión de que o voto destas persoas, loxicamente, tería que ter máis valor, debería contar máis… cousa que poría en crise o modo actual de entender a democracia, porque levaría a diferenciar entre cidadáns de primeira e de segunda.

Nunha democracia con Estado aconfesional (ou laico en sentido normal) o nivel de esixencia ética ten que ser o mesmo para tódalas persoas, pois os cidadáns debemos ser iguais ante a lei, sexa crente ou ateo, cura, político, deportista, profesor, empresario, etc. Do contrario teríamos un Estado sectario e inxusto con algúns.

Por outra parte, si que é comprensible e explicable que un lles esixa máis aos amigos e familiares, porque, ao ser do círculo próximo a cada un de nós, querémolos máis formados, xustos, honestos… e que desenvolvan ao máximo as súas capacidades e virtudes, pois, a máis cariño tido ás persoas, menos atoladas as queremos e, por tanto, as desculpamos menos que coas que temos menos cercanía afectiva. Neste senso, que me esixan máis do que lle esixen ao bispo manifesta que me aprecian.

Se na sociedade hai tendencia a ser máis esixentes cos crentes, bispos, curas… a explicación sociolóxica máis posible e plausible, que se pode formular, é que hai tradición e experiencia de que aportan máis ao común, como mesmo afirma este dito popular: “Á porta do rezador non poñas o trigo ao sol, e á porta de quen non reza nada, nin trigo nin cebada”. Se na conciencia popular hai unhas expectativas de que se espera máis destas persoas, iso ten que remitir a algunhas experiencias históricas do pasado que levaron a esa conclusión.

De tódolos xeitos, coido que na nosa democracia pecamos máis por falta de esixencia ética con un mesmo e cos demais que por exceso de esixencia. Neste senso quixera traer aquí á que eu considero a mellor definición de democracia, a de María Zambrano no seu libro “Persoa e Democracia”, onde a define como a forma de goberno “NA QUE NON SÓ SEXA PERMITIDO, SENÓN ESIXIDO SER PERSOA”. Para aclararnos algo máis sobre o que é ser persoa nese libro afirma o seguinte: “Soamente se é de verdade libre cando non se pesa sobre ninguén, cando non se humilla a ninguén. En cada home están tódolos homes”.

Non deixa de ser un empobrecemento social e cultural para o noso país o esquecemento que temos desta autora, María Zambrano, que tivo que ir ao exilio no 1939 e non volveu para asentarse aquí ata 1984, aínda que xa recibira o premio Príncipe de Asturias en 1981.

Para rematar, temos que ser moito máis esixentes con nós mesmos e para isto acudimos de novo a María Zambrano, que no tempo da cruel guerra civil española pregúntalle ao seu pai, Blas, como tiña que tratar aos demais: “Como se merecen?” Pero seu pai respondeulle: “Non, moito mellor do que se merecen”, segundo nos conta no seu libro “Delirio e Destino” de 1952.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A %d blogueros les gusta esto: