Ellacuría, vinte e cinco anos despois

XXV aniversario mártires xesuitas UCA

Vinte e cinco anos despois da morte martirial de Ignacio Ellacuría, cos seus compañeiros e dúas mulleres traballadoras na UCA (Universidade Centroamericana), o seu pensamento segue fecundando a filosofía e a teoloxía. O seu legado, sobre todo a súa vida e as súas razóns, son unha clave válida de interpretación para comprender a misión da Igrexa hoxe no mundo, analizar as estruturas socio-políticas e económicas e suxerir canles sobre a dirección na que deberían ser transformadas.

Vinte e cinco anos sepárannos daquel vil asasinato perpetrado polo exército salvadoreño na madrugada do 16 de novembro de 1989, no campus da UCA do Salvador. Con Ellacuría, o xesuíta vasco nacionalizado salvadoreño, morreron tamén os seus compañeiros Segundo Montes, Ignacio Martín-Baró, Amando López e Elba e Celina Ramos, traballadoras domésticas refuxiadas xunto á residencia dos Padres xesuítas durante aqueles días de toque de queda.

Nos anos 60 e 70 do século pasado, en América Latina había, e segue habendo, grandes desigualdades económicas froito de séculos de colonialismo con ditaduras militares que abortaban calquera intento de cambio estrutural. Os movementos pacíficos alentados pola Igrexa, así como a forza da Teoloxía da Liberación que invitaba ás comunidades cristiás a loitar por cambiar as estruturas de opresión e participar na transformación da sociedade, recibiron como resposta sanguentas represións.

Ignacio Ellacuría, como Rector da UCA, defendeu, con coraxe, un modelo de universidade que fose capaz de analizar cientificamente a realidade histórica e que apoiase os procesos de transformación estructural desde a fe en Xesús de Nazaret, o Cristo Libertador. En coherencia coa súa fe, exerceu de mediador para lograr a paz ata o último día da súa vida. Paradoxicamente, a morte dos oito mártires da UCA, provocou que chegasen os Acordos de Paz, entre 1991 e 1992.

O pensador que invitaba a “facerse cargo da realidade”, a “cargar coa realidade” e a “encargarse da realidade”, segue anunciando hoxe que Deus é o Deus da vida, o Señor da historia e invitándonos a un cristianismo adulto, á refundación dunha vida relixiosa ao servizo da paz e da xustiza e a un novo xeito de facer teoloxía.

Na miña tese de doutoramento, citando a J. Moltmann, conto a anécdota, histórica por certo, de como o corpo do P. Ramón Moreno foi arrastrado polos soldados ata a habitación de J. Sobrino, que casualmente non estaba na casa. No medio do sangue atoparíase máis tarde un libro que caera da estantería, era un exemplar da obra de Moltmann: O Deus crucificado. Este libro sería recollido e conservado como expresión simbólica daquel martirio. Certamente, o Deus cristián, o Deus crucificado, segue morrendo nas vítimas da opresión, da violencia e da inxustiza, desgraciadamente, cada día no mundo.

J. Mario Vázquez Carballo

A %d blogueros les gusta esto: