Apertura do Curso Pastoral e do Sínodo convocado polo Papa Francisco

O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, convoca a todos os diocesanos a participar este domingo 17 de outubro ás 18 h na solemne Eucaristía de apertura do Curso Pastoral diocesano e na que, ademais, quedará aberta a fase diocesana de preparación para o Sínodo convocado polo Papa Francisco e que culminará en 2023.

O camiño sinodal, co lema Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación e misión, iniciouse solemnemente en Roma hai unha semana cunha Eucaristía presidida polo papa Francisco. Este sínodo, no que participará a Igrexa Universal, conta cunha fase diocesana.

Na nosa Diocese, despois da apertura este domingo, celebraranse reunións sinodais ao longo dos vindeiros meses para reflexionar sobre os temas propostos pola Santa Sé.

Inauguración do Curso Pastoral 2019 – 2020

O mércores 25 de setembro iníciase do Curso Pastoral 2019 – 2020 cunha Eucaristía presidida polo sr. bispo Mons. Alfonso Carrasco ás 20 h na Catedral.

Este Curso Pastoral ten o lema “Vivimos da Eucaristía”.

O mesmo día 25, e tamén na Catedral ás 20:45h, o organista Giulio Mercati dará un concerto que será o primeiro dunha serie de tres que dará entre este ano e o que vén. No programa do concerto do mércores 25 Giulio Mercati interpretará composicións de Johann Sebastian Bach, Johann Ludwig Krebs,  Felix Mendelssohn,  Max Reger e Sigfrid Karg-Elert.

Apertura do Curso 2019-2020 no Seminario

O domingo 22 de setembro ten lugar a solemne apertura do Curso Académico 2019-2020 do Seminario Diocesano, o Instituto Teolóxico Lucense e o Instituto Superior de Ciencias Relixiosas San Dámaso. O programa é o seguinte:

17:30 h Eucaristía Votiva do Espírito Santo presidida por Mons. Alfonso Carrasco Rouco na Capela Maior do Seminario.

18:30 h Acto académico e lección inaugural na Aula Magna

A Secretaria do Seminario, Montserrat López Vázquez procederá á lectura da Memoria do Curso 2018-2019

O Sr. Bispo abre oficialmente o Curso

Lección inaugural “La reforma en la Iglesia”, que será pronunciada polo profesor emérito do Instituto Teolóxico Lucense José Fernández Fernández, na que será a súa última lectio.

Lección inaugural do Curso 2018-2019 no Seminario

O Seminario Diocesano, o Instituto Teolóxico Lucense e o Instituto Superior de Ciencias Relixiosas (extensión da Universidade San Dámaso) abriron solemnemente o Curso Académico 2018-19 o pasado día 30 de setembro.

Encargouse da lección inaugural Vanesa Ferreiro, que explicou como tralo Concilio de Trento as masas eran catequizadas por ordes relixiosas, pero tamén a arte contribuía a expandir a doutrina, como por exemplo El Greco e o seu cadro “El entierro del conde Orgaz“. En canto á literatura, Frei Luis de León adopta a postura tridentina da desvalorización do mundo terreal, cunha linguaxe simple. Pola súa parte, San Juan de la Cruz e Santa Teresa souberon expresar a súa experiencia mística, e desde o punto de vista da forma, máis complexa, prefiguran o Barroco, pois vai cambiando a maneira de comunicar a mensaxe de Trento.

Trento tamén sinalou as condicións en que se debía realizar o sacramento do matrimonio, algo que se recolle en Peribáñez y el comendador de Ocaña, de Lope de Vega, sinalou Vanesa Ferreiro que a persoa que tivese nas súas mans outra obra do mesmo autor –El peregrino en su patria, que inclúe catro autos sacramentais- podería repasar a doutrina tridentina.

Un dos puntos desa dourina trata das razóns lexítimas para entrar en combate; e a elas se refire o protagonista de El Quijote.

Finalmente, Vanesa Ferreiro referiuse á poesía moralizante de sor Juana Inés de la Cruz, que tamén fomenta o desprendemento das riquezas mundanas, como se vira en Frei Luis de León.

A Catedral acolle a inauguración do Curso Pastoral da Diocese

O luns, 2 de outubro, ás 20 h na Catedral de Lugo iníciase oficialmente o Curso Pastoral 2017-18 cunha Eucaristía presidida polo Bispo Mons. Alfonso Carrasco. Participarán membros de organismos, asociacións, movementos, catequistas, profesores de Relixión da Diocese…

As principais liñas da acción pastoral da Diocese para este curso son as seguintes:

1.- Comunidades como verdadeiras escolas de fe. É necesaria a presenza próxima do fiel cristián, do Pobo de Deus como realidade perceptible, experimentable nas nosas comunidades, coas súas tradicións, iniciativas e celebracións, para que exista unha verdadeira escola na que se cultive a fe.

2.- Prioridade da catequese. Sen dúbida un instrumento fundamental para a educación na fe e parte principal da actividade pastoral.

3.- Continuar a reorganización pastoral da Diocese. Vontade de axeitar as nosas estruturas para que sirvan mellor á tarefa da evanxelización. O anuncio do Evanxeo pasa pola constitución de lugares de referencia, vivos, próximos, en que estean presentes os trazos esenciais da fe: a palabra e os sacramentos, a unidade e a caridade. Iso non diminuirá o valor das parroquias máis pequenas, ás que se continuará coidando como parte de nosa propia identidade.

4.- Valorar, apoiar e aproveitar os privilexios da nosa Catedral (Indulxencia plenaria permanente e perpetua) e de O Corpiño (Ano Xubilar Mariano).

A %d blogueros les gusta esto: