Obsolescencia programada… das persoas?

Moitas persoas saben que hai lámpadas con máis de cen anos alumando. En concreto, na Estación de bombeiros de Livermore (California) aluma desde xuño de 1901 (ABC, 4.VI.2018). Tamén coñecemos que na actualidade as lámpadas duran pouco tempo. Igualmente calquera é consciente que hoxe os electrodomésticos duran menos que hai uns anos, e que os teléfonos móbiles é raro que duren máis de dous anos.

A isto os economistas chámanlle OBSOLESCENCIA PROGRAMADA. A cousa comezou en 1924 coa creación dun Cártel mundial chamado Phoebus para a produción de lámpadas que durasen 1000 horas e repartirse o mercado mundial. Un amigo informático ensinoume unha vez onde estaba o chip que provocaba que a fotocopiadora fallase (caducase) ao chegar a un número de copias realizadas. Esta é unha realidade máis acentuada no Neocapitalismo actual que no Capitalismo Industrial do pasado. A razón pola que fabrican con esta obsolescencia programada é que así pronto nos farán volver comprar outro produto que nos seguirán vendendo sen que se sature o mercado. Para que isto se faga mentalidade e cultura na sociedade contemporánea engádense tamén a ITV, as datas de caducidade, de consumo preferente… Tampouco esquezamos as modas pasaxeiras ou modas de tempada.

Para afianzar esa mentalidade de caducidade das cousas e, sobre todo, que tamén se estendan a unhas relacións pasaxeiras entre persoas temos as catequeses mediáticas, nas que se mostran múltiples exemplos de caducidade nas relacións entre persoas. Quen non viu centos, que digo, miles!, de fin de amores románticos e novos amores nas películas, novelas, telenovelas… na súa vida? É máis, no caso de ver os programas televisivos de corazón, da prensa rosa… serían miles de exemplos cada ano!. Con isto e os “realities” afiánzase na sociedade unha mentalidade de usar e tirar… ás persoas!

Hoxe xa está a ser cultura asentada que o amor no matrimonio ten caducidade. Así é frecuente que lles pregunten aos que xa levan moitos anos de convivencia: “Pero segues aínda con ese/a?, oh, que aburridos!”. Cando en clase de Socioloxía trato o tema da familia cos alumnos fago frecuentemente unha pregunta: “A unha sociedade neocapitalista e de consumo, de usar e tirar, vaille mellor a estabilidade nos matrimonios ou é para ela máis axeitada unha serie de divorcios? E outra pregunta: Aos poderosos e gobernantes, que lles vai mellor?: a fidelidade ou a infidelidade na vida dos matrimonios?” Igualmente non está fóra de lugar esta pregunta: “Para loitar por unha sociedade máis libre, xusta, humana e solidaria é máis eficiente a estabilidade e solidariedade familiares ou a falta delas?”.

Loxicamente esta obsolescencia programada, esta sociedade de consumo de usar e tirar, esténdese a máis ámbitos da vida humana e tamén afecta as relacións de amizade e, de feito máis tráxico, ao final da vida das persoas: A súa “calidade” de vida xa caducou e, por tanto, hai que darlles o pasaporte á outra vida, se é posible, de maneira rápida e indolora.

Esta mentalidade e realidade social, aplicada aos novos membros da vida familiar nas súas consecuencias, resumiuna de maneira moi perspicaz Forges nunha viñeta, na que dous nenos levando as súas mochilas escolares conversan na volta ao cole en setembro:

– Onde estiveches de vacacións?

– Un mes rotando coa miña medio irmá polos chalés das súas 5 avoas; 15 días en Irlanda polo inglés; 2 semanas de agosto cos fillos da miña nai en Marbella; 7 días cos sobriños da noiva do meu pai en Palma e 250 horas na consulta do psicólogo.

-Vaia.”

É tanta a claridade do intelixente Forges que calquera comentario non faría máis que escurecer esta lección maxistral.

Pero quédanos o consolo de que aínda quedan na sociedade persoas resistentes a esta imposición cultural e que optan por tentar manter unha fidelidade incondicional ao Amor, á Paz, á Liberdade, á Xustiza, á Amizade… é dicir, no fondo, fidelidade a Deus, fonte e garantía deses bens tan necesarios para a felicidade dos seres humanos. Por iso non é de estrañar que Francisco urxa a combater a “cultura do descarte”.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A %d blogueros les gusta esto: