A voltas co mandato imperativo

Preguntaba unha profesora da Universidade Complutense, por que os políticos non lle explican ao pobo o que significa o artigo 67.2 da Constitución? que di así: “Os membros das Cortes Xerais non estarán ligados por mandato imperativo”. Nunca atopei que o explicasen, e iso é o que vou intentar.

Para entendelo convén recordar antes o artigo 66.1, que afirma que “As Cortes Xerais REPRESENTAN ao pobo español”. Que se entende por “representan ao pobo”? Debemos saber que fundamentalmente hai dous tipos de representación, a libre e a vinculada:

  1. a) A representación vinculada supón que os representantes elixidos teñen un poder representativo limitado por un mandato imperativo e dereito de revocación en todo momento. As súas tarefas están ligadas ao asentimento dos representados, é dicir, que os representantes son servidores daqueles aos que representan. O Mandato Imperativo supón que os nosos representantes teñen que facer o que nós lles mandemos.
  2. b) A representación libre implica que o representante elixido non está ligado a instrución algunha dos representados, senón que é señor da súa conduta en función da propia conciencia ou dos seus intereses. Non ten ningunha obriga de facer o que os representados queren ou necesitan. Este representante así elixido convértese en señor investido polos seus electores e non en servidor deles.

No primeiro caso de representación hai que render contas ante os representados, os seus xefes, e no segundo caso será ante si mesmo ou… outras instancias fóra dos electores.

As democracias vixentes no noso entorno son de representación libre, pola que o representante unha vez elixido queda xa fóra do control dos seus representados, de xeito que en vez de ser servidor dos seus electores pasa a servirse deles.

Para que non haxa dúbidas que o artigo 66.1 alude á representación libre está o artigo 67.2 que prohibe a representación vinculada ao afirmar: “Os membros das Cortes Xerais non estarán ligados por mandato imperativo”.

A prohibición do mandato imperativo ten varias consecuencias sociopolíticas, das que destacaría que:

1) Ampara o transfuguismo das persoas elixidas, de maneira que a Constitución as protexe e poden seguir co escano ata o final da lexislatura. Fronte a isto algúns propoñen unha alternativa aínda peor, que o escano pertenza ao partido, co que facultarían aos dirixentes dos partidos para cambiar a calquera parlamentario, concelleiro… que lles resultase incómodo, ou simplemente o cambiarían por outro máis amigo, servil, ou un familiar… Así quédase curto o dito, “o que se move non sae na foto”.

2) Garante que os partidos e representantes políticos non teñen por qué cumprir os programas e promesas electorais. Xa o dicía Tierno Galván: “Os programas electorais están feitos para non cumprilos”. Lembro a amigos que me dixeron nas eleccións de outubro de 1982 que votaran ao PSOE para saír da OTAN e eu respondinlles: “pois se os votaches por iso, perdiches o voto. Se queres, apóstoche unha cea a que nin con referendum saímos da OTAN”. No referendum de 1986 preguntáronme qué votar e contestei: “Se queres que che fagan caso, vota SI e seguimos na OTAN. Se queres que non che fagan caso, vota NON e seguimos na OTAN”. Alguén lembra as tres condicións de permanencia na OTAN que ían coa pregunta?

3) Os elixidos por un distrito ou provincia con representación libre representan a toda a nación, á soberanía nacional, e non propiamente aos seus electores. Representan a vontade da nación, non a vontade dos seus votantes… Outro tema de actualidade, que non analizamos hoxe, o resumimos nunha pregunta: Os traidores da nación, patria… poden decidir o seu futuro?

Ante este realidade de prohibición do mandato imperativo a resposta non é ser máis “pasotas e indiferentes” en política, senón que debemos actuar responsablemente na acción política tendo en conta que:

-Na vida sociopolítica e en moitos sitios hai persoas, grupos e institucións comprometidas co ben, coa xustiza, coa verdade… Hai que descubrilos e colaborar con eles en aras ao servizo dos empobrecidos.

-Tamén hai outras formas de acción e incidencia política máis aló da participación nas eleccións e nos partidos políticos. Neste campo resulta moi valiosa a afirmación de D. Tomás Malagón: “Facer Igrexa é a mellor forma de facer sociedade”.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A %d blogueros les gusta esto: