Que botamos de menos durante todo este tempo?

Parece que se achega o final do estado de alarma. A cousa comezou con 15 días, pero as sucesivas prórrogas, porque a Covid-19 non deixaba de atacar, fixeron que se prolongase durante case 4 meses.

Moitas actividades de todo tipo tivéronse que parar dun día para outro e todos sufrimos as consecuencias en maior ou menor grao, á marxe, está claro, dos que padeceron a enfermidade de forma grave e, por suposto, os que perderon a vida. Por suspender, até se suspenderon todos os cultos con afluencia de fieis en todas as igrexas, como ben sabedes.

Non creo que me equivoque se digo que moitos non notamos a falta dalgunhas desas moitas actividades que se deixaron de realizar. Por prudencia non vou dicir as que me parecen case totalmente prescindibles, pero polo que puiden escoitar hai máis xente que pensa coma min.

Non me refiro só a actividades civís, senón tamén a moitas cousas que se fan desde a Igrexa que ninguén as notou de falta nin sequera os propios curas. Quizais esta é a proba de que moito do que facemos non está dentro do esencial da misión da Igrexa, isto é, o anuncio do Evanxeo e a celebración dos sacramentos.

Isto ten que facernos reflexionar seriamente aos sacerdotes e bispos de xeito particular. Se cadra o coronavirus fíxonos ver que estamos a perder o tempo en cousas que non serven para nada e que ninguén as bota en falta. Se despois de 4 meses foi así, é probable que siga tamén así durante o resto do ano. Xa saben, hai cousas que viñeron para quedar.

Pola contra, todos puidemos ver como o que si había era todos os días miles de persoas conectadas a internet ou á TV para participar da misa diaria, e xa non digamos da dominical, mesmo persoas que antes non era asiduas e agora «engancháronse», no bo sentido, á misa. Tamén durante este tempo proliferaron moito os comentarios e reflexións que os sacerdotes transmitían polas redes sociais, WhatsApp e demais medios porque moitos fregueses, reais e virtuais, demandaban aos seus sacerdotes unha palabra de esperanza nacida do Evanxeo.

Durante este tempo puidemos prescindir de reunións interminables, de plans, de axendas apertadas, de funerais-aniversarios convertidos en «feiras», de celebracións reducidas a «eventos sociais», de procesións «espectáculo», de bendicións de ramos confundidas con «esconxuros», de catequeses por puro requisito, de viaxes-peregrinacións, inauguracións, de andar correndo dun lado para outro e moitísimas cousas máis. E, como digo, ninguén o botou en falta. A cousa dá que pensar.

Para terminar, quero deixar claro que falo por min e que, por tanto, é a miña opinión e que podo estar equivocado.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Ver texto orixinal]

A %d blogueros les gusta esto: