“Señor, que mandades facer de min?” Día do Seminario

Día do Seminario 2015 Durante os próximos días os que sintonicedes a COPE ou Radio María teredes ocasión de escoitar esta mensaxe: “Por San Xosé, día do Seminario” ou tamén algo referente ao lema escollido para este ano: “Señor, que mandades facer de min?” tomado de Santa Teresa de Xesús.
É que os seminarios existen, e existen todos os días do ano. Por iso temos que celebrar o día do seu patrono dunha forma especial. Os seminarios existen porque existe Deus e porque hai homes que seguen escoitando a súa chamada e decídense a seguilo como sacerdotes de Xesucristo.
Estamos afeitos ver o Seminario como lugar de formación, pero é moito máis. O Seminario é unha verdadeira familia, porque a presenza de Deus Pai e do seu Fillo Xesucristo séntese dunha forma especial.
Os seminaristas son mozos que atoparon un tesouro que, nestes tempos, está escondido á maioría das persoas da súa idade. Eles saben de “quen se fiaron” e quen “manda na súa vida”. Saben que van da man daquel que non pasa nunca, que é un valor seguro, e ademais, están dispostos a dar a súa vida por anuncialo ao mundo, e por compartir coa humanidade este tesouro.
Os seminaristas estudan, traballan, xogan, comparten, viven, pero, sobre todo, son felices porque se fiaron… Porque, quen non se vai a fiar do “Amigo que nunca falla”?…
“Por San Xosé, día do Seminario”. Nestes días reza polo Seminario, polos seminaristas, polos formadores e profesores…. Ora polos sacerdotes e pola Igrexa.
Miguel Ángel Álvarez Pérez

[Seminario Menor de Lugo]

Día do Seminario 2014. A alegría de anunciar o Evanxeo

Durante os próximos días celebraremos unha das semanas grandes do noso Seminario. Coa solemnidade de San Xosé, patrón dos seminarios, facemos unha pequena parada no camiño de Coresma, para celebrar a festa deste santo, que caladamente foi instrumento eficaz para que Deus levase a cabo o seu plan de salvación por medio de Xesucristo.

As dúas palabras craves do día do seminario deste ano 2014 non poderían ser outras que “alegría” e “evanxeo”. O novo aire que o papa Francisco trouxo á Igrexa está marcado pola alegría de anunciar e vivir o Evanxeo.

Para isto prepáranse os nosos seminaristas: para que todos poidamos vivir alegremente despois de coñecer e celebrar a boa noticia da nosa salvación. E os que temos a sorte de coñecelos, damos fe de que viven a súa vocación e o seu tempo de Seminario cunha gran alegría.

Quizais haxa quen poida pensar que o Seminario é un lugar triste e escuro. Nada máis lonxe da realidade. O que máis abunda no noso Seminario de Lugo é a alegría.

Serán poucos os seminaristas, pero viven con moita alegría, coa alegría propia de quen se atopou co mesmo Deus, e que ocupará para sempre o centro do seu corazón, no que tamén están todas as persoas de boa vontade que buscan con sinceridade atoparse con Xesucristo.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

A %d blogueros les gusta esto: