Agora… subsidiariedade e responsabilidade

Cando polo 11 de marzo tiven a confirmación de que a médicos con síntomas non lles estaban a facer a proba do Covid 19 fíxoseme evidente que: a) A pandemia ía totalmente fóra de control. b) O proxecto político e de imaxe do actual goberno se fora ó traste. Pero o futuro tamén depende do comportamento de todos nós, por acción ou por omisión, aínda que estar dentro da Unión Europea supón saber que hai un marco xurídico e institucional organizado para a toma de decisións e tamén unhas certas garantías no marco da economía de mercado cunha mellor financiación. Disto oirase moito nas noticias nestes próximos días.
Se nos preguntan, que pasará na nosa sociedade despois da pandemia? Pois pasará algo semellante a cando a Unamuno lle preguntaron se duraría moito a Ditadura. A súa resposta foi sensata: “Depende do que empuxemos”. Así que desta crise, segundo se actúe, sairemos con máis protagonismo da sociedade e as súas asociacións ou máis dependentes do Goberno e do Estado, máis responsables ou máis subvencionados…
No cadro macroeconómico está claro que o Estado estará máis endebedado, por tanto todos nós, e iso leva consigo consecuencias de menos salarios para funcionarios, pensionistas, traballadores… que se fará por algún, ou varios á vez, dos seguintes mecanismos:
-Baixar directamente o soldo. Por exemplo se un funcionario cobraba 30.000 € brutos ó ano pasar a 25.000, ou un pensionista se cobraba 15.000 pasar a 12.000… máis ou menos.
-Outra forma de baixalo é pasar de pagar 4.000 € de imposto do IRPF a pagar 6000,7000, 8.000…
-Tamén subir o IVE dous, tres puntos… co que se perde polo menos directamente 2 ou 3 % do valor do salario.
-Aumento de impostos especiais, por exemplo 5 cts máis no litro dos combustibles, co que se farán menos kms cos mesmos cartos e os bens custarán máis. Pódense poñer novos impostos, taxas, etc.
Ben sabemos que a tendencia dos Gobernos é facerse cada vez máis poderosos e que os cidadáns se fagan cada vez máis dependentes deles. Pero, se queremos ser cidadáns libres adultos, debemos asumir a nosa liberdade e responsabilidade social. Para iso poden ser moi importantes algunhas das ensinanzas da Doutrina Social da Igrexa aplicables aquí, das que destaco:
-O Principio de Subsidiariedade, que defende que o que pode facer unha persoa ou un grupo máis pequeno non llo impida un grupo maior ou o Goberno, co correspondente dereito á iniciativa económica e social. Poderiámolo resumir como Autoxestión.
-O Traballo sobre o Capital, é dicir, que o diñeiro debe estar ó servizo das persoas, o que implica o Destino Universal dos Bens e a Solidariedade.
Humanamente é claro que gañarse o sustento co propio traballo dignifica máis ás persoas ca outros medios de vivir ou sobrevivir. Por iso serían importantes cousas pequenas a facer como:
-Dar oportunidade a que as persoas poidan exercer o seu traballo mediante obras pequenas, ou non tan pequenas, buscando que sexan as máis eficientes económica e socialmente agora e no futuro.
-Consumo solidario, responsable e ecolóxico para soster o traballo.
-Compartir o traballo con diversas fórmulas.
-Préstamo sen interese a familiares, amigos, veciños, necesitados… para que poidan poñer en marcha o seu posto de traballo e comezar a gañarse a vida. Isto é legal polo menos desde 2011, aínda que non sexa nada anunciado nos medios por razóns obvias. (Con parte a fondo perdido?).
-Seguir pola senda daquel grupo de militantes da HOAC que en Valencia no ano 1963 crearon un novo tipo de empresa, a Sociedade Anónima Laboral (dos Transportes Urbanos de Valencia, SALTUV), para facerse cargo da Compañía de Tranvías e Ferrocarrís ante o fin da concesión ó dono anterior. Así, hoxe, crear tamén novos modelos económicos dende a solidariedade.
-Por suposto, sen esquecer o urxente de que a ninguén lle falte o sustento diario, pero coa mirada posta no importante, que poidan gañalo canto antes!.
Para rematar, quero traer aquí o criterio xusto para avaliar as decisións que poñan en marcha os Gobernos e outras institucións, que resumen moi ben os bispos de USA en “Xustiza Económica para Todos”, nº 24: “Hai que avaliar as decisións (de política económica) á luz do que fan POR os pobres, do que fan AOS pobres e do que posibilitan que os pobres fagan POR SI mesmos. O criterio moral fundamental para tódalas decisións, as políticas e as institucións económicas é o seguinte: deben estar ó servizo de todos e especialmente ó servizo dos pobres”.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A %d blogueros les gusta esto: