Cultivar o coidado laboral para mellorar a realidade das persoas

O vindeiro 1 de maio de 2024 conmemoramos o Día Internacional dos traballadores e traballadoras e a festividade de San Xosé Obreiro. Iniciouse hai 135 anos, como homenaxe aos Mártires de Chicago, coas reivindicacións “oito horas para traballar, oito horas para durmir e oito horas para a casa”.

Agora, no presente, queremos continuar poñendo a mirada na necesidade de cultivar o coidado laboral, para protexer a estabilidade psicolóxica e emocional das persoas traballadoras. O tempo que investimos no traballo supón entre o 40-50% do noso día, tendo en conta unha xornada laboral de 8 horas diarias, sen o tempo de desprazamento que se debe facer para chegar ao traballo. En moitas ocasións, esta porcentaxe increméntase porque non se cumpre coa desconexión dixital, que fai que se interrompa o noso descanso.

A saúde laboral non só implica evitar os accidentes ou as enfermidades que poidan afectar ao ser humano, senón tamén para garantir o benestar das persoas ao desenvolver a súa profesión.

Queremos lembrar as palabras do papa Francisco, na mensaxe no Cume Mundial do Traballo da OIT (2021), chamando a promover o traballo que coida da dignidade humana, a creación e a propia vida das persoas traballadoras. Como relación que é debe contemplar tamén “a dimensión do coidado, porque ningunha relación pode sobrevivir sen coidado”, chamando a estender, o coidado, en primeiro lugar, aos traballadores. “Un traballo que non coida, que destrúe a creación, que pon en perigo a supervivencia das xeracións futuras, non é respectuoso coa dignidade dos traballadores e non pode considerarse decente”.

Como Traballadora Social, na práctica cotiá, incidimos na situación actual das persoas migrantes e as súas familias, especialmente aquelas nas que a súa situación administrativa non está regularizada e que traballan con horarios irracionais (como internas, limpeza, construción, hostalaría…), podéndose producir ademais situacións de trata e de explotación laboral, vivindo en condicións de masificación e en situación de pobreza.

O movemento ITD de Lugo (Igrexa polo Traballo Decente), integrada por Cáritas, CONFER, Irmandade Obreira de Acción Católica (HOAC), Taller de Solidariedade e Fundación JuanSoñador, chamamos a “un maior compromiso en favorecer o coidado das persoas traballadoras, promovendo políticas que permitan unha conciliación real”, apoiando o diálogo social para lograr a redución do tempo de traballo. Reclamamos que a saúde laboral sexa un dereito fundamental para todas as persoas, independentemente da súa situación administrativa, e que sexa prioritario en calquera contorna.

 

Mª Tania Cobas González

Movemento Igrexa polo Traballo Decente (ITD)

Traballadora Social. Fundación JuanSoñador Lugo

Un traballo decente ten que ser un traballo saudable

            “Toma esta pastilla que te fará sentir como nunca antes te sentiras e poderás volver ao teu ambiente laboral “non agradable” máis animada”. Esta frase que é posible escoitar nunha consulta médica é máis habitual do que pensamos e forma parte do imaxinario social e da vida cotiá de moitas persoas. Se ti es unha delas que antes de saír da casa toma a súa ración diaria de psicofármacos, calmantes ou antiinflamatorios, sen os cales non poderías desenvolver as túas “obrigas” laborais, tal vez entendas mellor que ninguén o título deste artigo.

            A realidade do sistema laboral e do sistema sanitario únese nesta frase para facernos tomar nota de que non é tan natural como aparentemente cremos que teñamos que solucionar os nosos problemas de saúde por un lado e os nosos problemas laborais por outro cando constatamos que existen ambientes laborais “non agradables”, “tóxicos”, “nocivos” e ata “mortais” que xeran constantemente e a diario sufremento ás persoas. Ambos sistemas comparten un cancro cada vez máis estendido e invisible cal é o da deshumanización e a indiferencia ante o sufrimento humano: o propio (que tantas veces nos ocultamos para “tirar p´alante”) o dos demais e o que nos infrinximos uns aos outros consciente ou inconscientemente.

            Coincidindo co Día Mundial da Seguridade e a Saúde no traballo (28 de abril) e o Día do Traballo (1 de maio) a Iniciativa Igrexa polo Traballo Decente fai visible esta realidade sufrinte recordando que no ano 2022 se produciron en España 826 accidentes laborais mortais e en Galicia 73, o que fai que sexa a terceira comunidade autónoma co maior índice de mortalidade no traballo. Nos datos oficiais non se recolle o que lle sucede a quen se atopa na economía somerxida, traballa sen contrato, nin a quen non se lle diagnosticou unha enfermidade laboral porque non se especifica a súa orixe, ou as súas patoloxías non son recoñecidas como tales ou os profesionais descoñecen os procedementos para cualificala como laboral.

            Esta situación é máis grave do que nos din as estatísticas e palpámola a diario nos nosos corpos, nas nosas familias, nos nosos centros de traballo e nos nosos centros de saúde.

            As causas desta situación, coñecémolas, están nun sistema socioeconómico posuído pola lóxica economicista que separa o traballo da persoa e que constrúe precariedade e inseguridade dende o abuso de poder.

             As secuelas non son só persoais e familiares, senón tamén sociais, pois inciden na convivencia e nas relacións, converténdose así nun problema político que require unha resposta tamén política, que non partidista necesariamente.

            Velar pola saúde e a seguridade no traballo non é cousa só da inspección de traballo (que tamén), ou dos tribunais cando o último recurso é xudicializar os incumprimentos. Empregadores/as, traballadores/as, técnicos/as de prevención,  sindicalistas, persoal sanitario, educativo, administracións públicas e todos os sectores de produción estamos chamados/as a  reverter esta situación de inxustiza co noso compromiso persoal e comunitario desde a cultura do coidado. Vainos a vida niso!

Begoña Sánchez Roura

Iniciativa Igrexa polo Traballo Decente

20 de febreiro, Día mundial da xustiza social

O 20 de febreiro é o Día Mundial da Xustiza Social, que busca apoiar o labor da comunidade internacional encamiñada a erradicar a pobreza e promover o emprego pleno e o traballo decente, a igualdade entre os sexos, e o acceso ao benestar social e a xustiza social para todos.
A Rede de Técnicos/as de Inserción Laboral de Lugo (Rede TIL), da que forma parte Cáritas, entende que os axentes de emprego, as administracións e o conxunto da sociedade, deben velar por garantir resultados equitativos para todos, a través do emprego, a protección social, o diálogo social e os principios e dereitos fundamentais no traballo.
Neste labor de compromiso, a Rede TIL nos últimos anos vén conmemorando o Día Mundial da Xustiza Social coa celebración de diferentes actos. Este ano organizouse unha xornada o 19 de febreiro, baixo o nome “Xustiza Social e Emprego: Emprego e Economía mergullada en tempos de Covid” na que se presentou o novo panorama socioeconómico que está a deixar a Covid na nosa sociedade por parte de diferentes relatoras:
– Zinthia Alvarez Palomino.
– Raquel Lombao Fernández. Psicóloga Sanitaria e Forense
– Begoña Sánchez Roura. Traballadora social no Concello de Bóveda. Profesora asociada de traballo social na UVIGO. Militante da HOAC. Membro de Igrexa polo Traballo Decente.
– Teresa Rodriguez Vilaseco. Voceira da Asociación de Empregadas de Fogar XIARA

Francisco Porcar fala da dignidade do traballo e do traballo digno

O luns 7 de outubro ás 19 h o salón de actos do Vello Cárcere, Lugo, acolle unha charla coloquio na que Francisco Porcar Rebollar (da Irmandade Obreira de Acción Católica – HOAC) falará do traballo decente desde a Doutrina Social da Igrexa. Transcríbese a continuación a entrevista a Francisco Porcar emitida no programa radiofónico “”El Espejo de la Iglesia en Lugo”.

– A expresión “traballo digno” soa ben pero a realidade non vai por aí

– Desgraciadamente, a realidade que construímos é moi distinta. Hoxe non se recoñece a dignidade do traballo e cada vez son máis persoas cunhas condicións de emprego son máis indignos. E hai persoas que traballan en ámbitos que non son considerados como emprego e que teñen moi pouca valoración, moi pouco recoñecemento social. Por iso a importancia de expoñer a cuestión da dignidade do traballo e crear condicións de traballo dignas para todas as persoas. É unha prioridade humana e cristiá, como insiste tanto o Papa Francisco.

– Por que a Igrexa se preocupa destes temas?

– Para a Igrexa, se hai algo fundamental é a dignidade das persoas, e que todos deben poder vivir segundo esa dignidade. E o traballo, na reflexión da DSI e de calquera persoa humanista, é un elemento decisivo para que se realice esa dignidade da persoa. Nós temos un concepto de traballo como actividade que se paga, pero o traballo é moito máis que iso: traballo é toda actividade que desenvolven as persoas para responder ás nosas necesidades, para construír a vida social. Traballando desenvolvemos as capacidades que temos, podemos servir aos demais e contribuír a crear un mundo máis humano. O traballo é decisivo para poder crecer a nivel persoal e poder construírse a sociedade. Como iso está moi relacionado coa dignidade do ser humano, a Igrexa dálle bastante importancia. Porque traballar en condicións indignas é un dos mecanismos fundamentais que provoca que haxa fraudes na nosa sociedade.

– De quen depende cambiar o modelo de sociedade? Do goberno, dos traballadores, dos empresarios?

– Depende de todos. En primeiro lugar, as persoas debemos recoñecer a dignidade que ten o noso traballo, e o importante que é para realizar a nosa humanidade e para construír unha sociedade máis xusta. Pero loxicamente, non só depende das persoas a nivel individual; depende de que nos organicemos para xerar condicións dignas de emprego, para que se recoñezan socialmente  os traballos que non son emprego. En fin, para construír unha sociedade.na que todo o mundo teña a oportunidade de achegar as súas capacidades aos demais. Tamén depende de todo tipo de organización sociais, das institucións políticas. Hoxe a vida política dá importancia a outros temas e non ao traballo digno. As institucións políticas deben cambiar os seus comportamentos para que sexa posible ese recoñecemento da dignidade do traballo e que todos os traballos se realicen en condicións dignas. 

– Temos unha estrutura que aguantaría unha posible nova crise?

– Creo que non, porque o problema non está tanto na crise como no feito que teñamos construído un modelo social que permanentemente pon en crise as posibilidades de vida de moitísimas familias. Cada vez é máis frecuente que persoas con emprego non teñan ingresos abondo para acceder a bens básicos para unha vida digna, E iso converteuse en algo estrutural. O modelo necesita grandes cambios. Cando volva haber dificultades económicas, volverá a pasar o que sucedido hai moi poucos anos:  quen viva precariamente, sufrirá moitísimo máis as consecuencias dos problemas  económicos. O actual modelo económico fai moi difícil a vida digna das persoas. Coa lóxica económica que temos hoxe non é posible responder ás necesidades das persoas, das familias e da sociedade

– Que podemos facer nós na medida en que poidamos?

– A xente normal e corrente pode facer moitas cousas. Vou mencionar tres: 1) cambiar a mentalidade sobre a forma de entender o traballo, que é algo moito máis que un medio para obter uns ingresos. 2) impliquémonos en reivindicacións que son fundamentais ante as institucións públicas para mellorar as condicións de emprego. Por exemplo, reivindicar unha lexislación laboral que estea construída desde os dereitos e necesidades das persoas que traballan e non desde a lóxica de incrementar sempre o beneficio. 3) Promover e apoiar iniciativas doutras formas de traballar e vivir: ir construíndo na vida cotiá experiencias de solidariedade, de fraternidade, empresas que valoren as persoas que traballan nelas. Son moi importantes as prácticas de consumo e aforro, que se orienten no apoio a esas iniciativas de solidariedade. Non debemos agardar todo das institucións públicas, na sociedade temos que ir construíndo formas distintas de vivir, de traballar xuntos. Para cambiar a realidade, situémonos a carón das familias que sofren máis o desemprego e a precariedade laboral. É decisivo camiñar xuntos coa xente, combater a soidade na que están moitas familias. Isto que pode parecer unha tontería, é algo fundamental, pois teremos unha sociedade máis humana, na medida en que compartamos a vida con quen peor o pasa. Sen isto, todo o demais non vai servir de moito.

O Movemento Obreiro e a Igrexa

Repítese mecanicamente que o Movemento Obreiro (MO) naceu á marxe da Igrexa e mesmo contra ela. Esa opinión é sostida en xeral nos diversos medios, pero a realidade é máis plural e complicada, como espero poñer de manifesto.

É certo que se un pensa que o primeiro sindicato que se funda en España é a UXT, entón só pode concluír que o MO en España empeza en 1888, cando se celebra en Barcelona o seu congreso constituínte (12-14 agosto), aínda que os seus prolegómenos estarían na folga da Asociación da Arte de Imprimir de febreiro de 1882, pola que encadean a Paulo Iglesias e toda a xunta directiva.

Anteriormente organízase en España a AIT (Asociación Internacional de Traballadores fundada en Londres en 1864) a partir da visita de G. Faneli a Barcelona e Madrid en novembro de 1868. Nela xoga un papel destacado Anselmo Lorenzo (Ver o seu libro El Proletariado Militante). Anselmo xunto con Mora e Morago esténdena a Portugal (1871).

Non obstante as primeiras asociacións obreiras de España son a Sociedade de Teceláns do Algodón, que era un sindicato con máis de 8000 afiliados en Barcelona, e a Asociación Mutua de Teceláns de Barcelona que era a paralela asociación benéfica para afrontar problemas de previsión social. Este sindicato busca defender a dignidade do traballador, non usar tecidos estranxeiros e impedir o traballo obreiro por un salario inferior ó fixado. Faríase folga en caso de non acadar ese salario.

Estas sociedades celebran os seus aniversarios na igrexa parroquial de Santa María do Mar, un templo de grande beleza. Celébrano cun solemne Te Deum con predicador (1841, 42, 43). Para mostra citamos este texto da convocatoria:

Consocios e compañeiros: antes do dez de maio do ano pasado xacíamos en completa abxección, arrastrando unha ominosa cadea cuxos elos labraron a cobiza dos fabricantes, auxiliados polo despotismo: xemíamos de miseria, e xemían as nosas familias invocando o auxilio do ceo contra tanta humillación, xa que non nos era dado dirixirnos aos homes cando castigaban ata os lamentos do desvalido. Escoitou os nosos clamores o Deus das misericordias e permitiu que, -na pragada sociedade española, unha revolución, a sombra da cal nos levantamos ousados-, secundara cos nosos febles esforzos a grande obra da rexeneración social…

Compañeiros: achégase o primeiro aniversario de aquel memorable día. Os representantes da Asociación invitámosvos a todos, con fervor e entusiasmo, para que concorrades a celebralo. Imos todos prostrarnos ante as aras dese Deus, protector dos pobres…”

Xa dende o primeiro ano tiveron problemas coa legalidade e sobre todo a partir de 1844 tiveron que vivir basicamente na clandestinidade.

É un feito incuestionable que os sindicatos e o MO apareceron na humanidade nos países de tradición cristiá, porque este contexto cultural-relixioso o fixo posible, non así outros contextos. (Miguel Ángel Pizarro, Lo Cristiano y los Cristianos en los Orígenes del Movimiento Obrero).

Como dato anecdótico posterior temos que na folga revolucionaria de 1934 en San Miguel de Bembibre os obreiros e sindicalistas fixeron unha barricada para enfrontarse a tiros coas forzas da orde, dirixidas polo capitán Rodríguez Lozano, entre outros. Trouxeron da igrexa a imaxe do Sagrado Corazón co seu manto vermello para a barricada e puxéronlle o letreiro: “A Ti defendémoste porque es dos nosos”.

Por outra parte, se ollamos á época Franquista, teríamos que recoñecer un papel fundamental na recuperación do MO e sindical ao Apostolado Obreiro como pode verse nestes feitos:

– Militantes da HOAC crean o primeiro bufete de avogados laboralistas de España en Santander.

– A primeira Comisión Obreira que deu orixe ao sindicato CCOO púxose en marcha na mina “A Camocha” de Asturias e está formada por un grupo de militantes da HOAC. Na primeira Comisión Obreira de Bizcaia de 8 membros, 7 eran militantes da HOAC. Daquela o Partido Comunista lanzara como organización sindical a OSO, e ante o seu fracaso buscaron facerse có control de CCOO.

– No final do franquismo, a UXT estaba falta de militantes. Para reactivar a organización buscáronos mediante a fusión-ruptura doutro sindicato promovido pola militancia apostólica obreira, a USO.

– Ademais de participar noutros sindicatos esta militancia apostólica creou a editorial ZYX.

Esta escolma de feitos coido que é suficiente para revisar o estereotipo de que o MO xurdiu contra a Igrexa ou que no Franquismo se reorganizou á marxe da Igrexa. Hai espazo para teses doutorais que repensen estas realidades, se hai atrevemento, valentía e rigor científico. Tamén nos queda á xente de Igrexa o reto de continuar na loita contra as explotacións e opresións de hoxe.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Imaxe: Cathopic

A %d blogueros les gusta esto: