Cristiáns asintomáticos á espera de novo Pentecoste

Esta tempada oímos moitas veces a palabra «asintomático», referida a aquelas persoas que se contaxiaron do virus, pero non tiveron síntomas e que pasaron a enfermidade de maneira satisfactoria e sen consecuencias.

Pero o que vale para o virus, non é bo para a vida cristiá. Que un cristián non dea síntomas da súa fe en Xesucristo non é normal. Se dicimos que somos cristiáns, pero a presenza, teórica, de Xesucristo na nosa vida non produce ningún síntoma que poida ser percibido (en primeiro lugar, por nós mesmos e despois polos demais), mal vai a cousa.

Por iso non nos podemos enganar. No caso do coronavirus pódese pasar a enfermidade de xeito asintomático. Pero se os cristiáns non mostramos síntomas da nosa condición, temos que facer unha profunda reflexión para non seguir vivindo nunha mentira e deixar de perder o tempo.

É certo que ás veces, desde a Igrexa, aferrámonos a calquera vestixio que mostre un mínimo de vida cristiá e que xustifique moitas das cousas que facemos os curas. Pero a realidade é que tamén isto é un autoengano.

Pero do mesmo xeito, tamén digo que esta ten que ser unha ocasión para purificar a nosa condición de bautizados, aínda que isto supoña empezar de cero. Temos que chegar a ser cristiáns que dean síntomas de que Cristo habita en nós ou non seremos nada. Cumprir coas tradicións só por cumprir xa só serve para que as estuden os antropólogos culturais, pero para nada máis.

Nos días pasados dicía que o coronavirus acelerou aínda máis un proceso de enfraquecemento da vida cristiá que xa avanzaba a bo ritmo en Occidente. Sígoo dicindo e cada vez máis convencido. Moitos templos xa só abrirán para os funerais e o día da festa da parroquia no mellor dos casos.

Temos que revitalizar as consecuencias de ser fillos adoptivos de Deus polo Bautismo. Temos que superar o medo e a vergoña a actuar e pensar como verdadeiros fillos de Deus. Non é calquera cousa, é, sen dúbida, a mellor das opcións: gozar da presenza de Deus e sabernos salvados para toda a eternidade polo seu Fillo Xesucristo.

Esta é a miña reflexión aos poucos días da gran solemnidade de Pentecoste que pon fin aos 50 días da Pascua. Xesús non nos deixa sós, non marcha para desentenderse de nós, senón nos que envía ao Espírito Santo defensor, que boa falta nos fai ante este desánimo do noso pobre espírito persoal.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Escrito original]

De verdade, é esixente ser cristián?

En varias ocasións teño lido a certos autores e tamén atopado persoas que contan que non son cristiás porque conciben o cristianismo como unha moral demasiado esixente, como unhas normas ríxidas que van máis alá do que eles entenden que é unha vida humana normal. En consecuencia, conclúen que eles non poderían asumir esas obrigas rigoristas.

Entendo que a cuestión non se debe afrontar desde esa perspectiva, pois todos somos membros dunha mesma humanidade e, por tanto, temos as mesmas responsabilidades ante os nosos semellantes e iguais obrigas. Tamén somos responsables da creación, ou como se di hoxe, temos deberes ecolóxicos coa natureza. O que si é difícil, ou mesmo imposible é ser unha persoa completamente xusta, honesta, veraz, servicial, honrada, solidaria, auténtica, etc. Quen pode dicir que non ten ningún fallo? Quen non comete ningunha inxustiza? Quen non participa de ningunha corrupción pública ou privada?

Na primeira parroquia na que colaborei sendo cura, un grupo de persoas adultas tivera unha reunión co párroco e, á saída, foron tomar algo a un bar. Entón, o do bar saudou ao párroco e este comentoulle que viñan de ter unha reunión de formación na parroquia. O do bar e un dos reunidos na parroquia tiveron o seguinte diálogo:

-B. J.L., eu para ser boa persoa non necesito ir á parroquia.

-R. É que ti es tan imbécil que te cres bo.

-B. Oiga!, sen faltar, eh!.

-R. O que empezou faltando foi vostede que nos dixo que é boa persoa e que nós somos malos, por iso necesitamos ir á parroquia. A diferencia entre vostede e nós está en que sendo todos inxustos, nós recoñecémolo e procuramos unha axuda para non ser tan inxustos.

Por iso se entende facilmente a pasaxe evanxélica do mozo rico, na que este se volta atrás na pretensión de seguir a Xesús ante o reto de repartirlles os bens aos pobres (Mc. 10, 17-27). O texto continúa co comentario que Xesús dirixe aos seus discípulos: “Fillos, que difícil é entrar no Reino de Deus! É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla, do que para un rico entrar no Reino de Deus”. A ninguén sorprenderá como continúa a pasaxe evanxélica cos pensamentos dos discípulos: Eles, aínda moi asombrados, comentaban entre si: “Entón, quen se vai poder salvar?”.

Se quedaramos aquí no texto, sen avanzar, só nos quedaría a frustración e a desesperación…, pero esta pasaxe evanxélica conclúe da seguinte maneira: Xesús, mirando para eles fixamente, dixo: “Si, para os homes é imposible; pero para Deus todo é posible”.

En consecuencia temos que dicir que ser cristián é unha axuda, unha Gracia, para ser máis honesto, xusto, solidario… O cristianismo é unha relixión de salvación, de liberación; é un encontro persoal amoroso con Deus Pai, con Xesús o noso irmán maior e co Espírito Santo, que nos aman incondicionalmente, que nos perdoan e nos dan as forzas necesarias para o camiño, cumprindo a nosa misión, e, cando fallemos, para que poidamos levantarnos e seguir camiñando.

É máis, Xesucristo convértese nunha necesidade existencial para ser honrado de xeito eficaz, para ser solidario ata dá-la vida polos semellantes. Coa Gracia da súa axuda enténdese o que El di no evanxeo de Lucas: “Amade aos vosos inimigos, facédelles o ben aos que vos odian, bendicide aos que vos maldín e rogade polos que vos calumnian… Sede compasivos como o voso Pai é compasivo” (Lc. 6, 27-36). Ou en versión de Mt.5, 48: “Daquela sede bos sen exclusivismos, como o voso Pai celestial é totalmente bo”. E, por suposto, temos a necesidade de cultivar esta Gracia, esa axuda, na oración e nos sacramentos para lograr tales niveis de humanización.

Termino cun recordo da miña época de estudante de socioloxía na Universidade Complutense. Os compañeiros frecuentemente tiñamos conversas sobre crer ou non crer e cuestións relacionadas co cristianismo. Nunha conversa sobre que é ser cristián con agnósticos e ateos, un deles díxome: “Sabes que che digo? Que ser cristián é unha ledicia!”, e eu só lle engadín: “Pois niso estou completamente de acordo contigo

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A %d blogueros les gusta esto: