Un minuto de silencio e algo máis

minuto de silencio

Creo que nalgunha outra ocasión escribín sobre isto mesmo. Hoxe non me resisto a volver facelo. Nesta ocasión, ademais, fágoo despois de que Arturo Pérez Reverte use un argumento parecido en Twitter «Os xihadistas deben de estar acolloados polas florciñas, as candeas e o noso enérxico “todos somos Bruxelas”. E ata a próxima» (23 de marzo de 2016). Claro que se o digo eu, non se decata ninguén. Se o di Pérez Reverte, van ser miles e miles os que reflexionen sobre a cuestión, aínda que ao mesmo tempo sexa criticado por outros moitos.

Candeas, flores, minutos de silencio, concentracións diante dos concellos e centros de traballo… é algo ao que xa estamos afeitos e que facemos con moi boa intención para mostrar o noso apoio e solidariedade ás vítimas.

Pero póñanse por un momento na situación dunha das vítimas. Se estás morto, a ver de que che serve o minuto de silencio… Se estás malferido nun hospital, a ver se unha manifestación ou unha candea alíviache a dor e transmíteche algo de paz e tranquilidade.

Sen deixar de facer isto, que é unha expresión correcta da fraternidade humana, creo que debemos dar un paso máis, polo menos os que intentamos ser cristiáns. Xesucristo invítanos a acudir a El cando estamos cansos e angustiados (Mt 11, 28) e dinos que lle podemos pedir ao Pai aquilo que necesitamos: «Pedide e darásevos» (Mt 7, 7). É verdade que Deus sabe mellor que nós mesmos o que máis nos convén en cada momento, pero iso non é óbice para que lle presentemos as necesidades dos homes, os nosos irmáns, sobre todo cando nos vemos superados e as situacións son especialmente duras e inxustas.

Dito doutro xeito, os cristiáns debemos converter o silencio en oración para escoitar a voz de Deus nestes momentos de tanta desesperanza e incerteza e para pedirlle o eterno descanso para os defuntos e a recuperación para os feridos.

Seguimos no tempo de Pascua. Ao sufrimento e morte seguiulle o silencio do sepulcro naquel primeiro Sábado Santo da historia. Minutos e horas de silencio ao final dos cales escoitouse unha das mensaxes máis esperadas: «son eu, non teñades medo» (Mt 14, 27). Xesús venceu á morte e unidos a El tamén nós imos gañar esta batalla. «A esperanza non defrauda, porque o amor de Deus foi derramado nos nosos corazóns polo Espírito Santo que se nos deu» (Rm 5, 5) e do mesmo xeito que a vida vence á morte, do mesmo xeito o ben vencerá ao mal, xa neste mundo.

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: