O Vivente

«Está vivo», «resucitou», «Paz a vós», «Por que buscades entre os mortos ao que vive?». De diversos xeitos e con expresións de gran riqueza, en todas as tradicións e escritos que chegaron ata nós, desde as orixes do cristianismo, atopámonos cunha afirmación unánime: «A morte non puido con Xesús de Nazaret; o crucificado está vivo; Deus resucitouno». Os seguidores de Xesús condensaron en fórmulas moi sinxelas o máis esencial da súa fe. Son fórmulas moi estables que circulan na fala da xente nas primeiras comunidades entre os anos 35 a 40 e que utilizaban para testemuñar a súa fe, proclamar a súa alegría e reafirmar a súa adhesión ao crucificado-resucitado. Soamente vinte anos logo da morte de Cristo, San Paulo ofreceríanos na `Carta aos Corintios’, o testemuño escrito máis antigo da resurrección.

Segundo unha antiga tradición, o segundo Domingo de Pascua chámase domingo «in albis» porque neste día os neófitos bautizados na Vixilia pascual poñíanse o seu vestido branco para celebrar con gozo a luz que o Señor lles deu no sacramento do bautismo. Despois quitaríanse o vestido pero debían manter acesas, no mediodo mundo, as chamas da verdade e do ben, da luminosidade e da bondade de Deus. Pero este domingo, e non esquezamos que estamos no Ano da Misericordia, celébrase tamén a festa da Misericordia Divina, celebración instituida por San Xoán Paulo II. É curioso que San Xoán Paulo II terminaba a súa existencia terrea (ano 2005) nas primeiras vésperas da festa que el mesmo instituíra.

Coincidindo con este tempo no que o cristianismo celebra a resurrección de Xesucristo, estréase tamén nos cines unha nova historia do «Vivente» titulada Resucitado. Non tiven oportunidade de vela aínda, pero os críticos din que merece a pena esta historia contada a través dos ollos dun non crente. Pode ser unha ocasión para achegarnos, de novo, a tan significativo acontecemento. É unha ocasión necesaria. Cada Pascua, de feito, recórdanos que non se pode ser cristián sen crer na Resurrección de Cristo, porque os acontecementos que ocorreron cara ao ano 30 en Xerusalén non son ningunha historia inventada. Baixo a impresión da morte de Xesús e da derrota da súa causa común, os discípulos fuxiron ou se refuxiáronse en agochos.

Bonhoeffer

Só a experiencia do encontro con Cristo resucitado liberounos do seu espanto e encheunos dunha fe entusiasta no Señor da vida e da morte. O teólogo D. Bonhoeffer (1906-1945), loitador da resistencia contra Hitler, asasinado no campo de concentración de Flossenbürg, afirmou con toda vehemencia: «Quen coñece a Pascua non pode desesperar» (Cf. Youcat, px. 69). Unha boa noticia que refresca o corazón cando fai unhas horas lía nos medios estatísticas tan terribles como que os suicidios seguen crecendo nesta.sociedade que algúns chaman do «benestar».

Retornar ás fontes da Esperanza pode ser unha boa medicación para tantas persoas sumidas no tedio. A fe é resposta a un Deus que sae ao encontro, como na pasaxe do encontro do Resucitado cos discípulos de Emaús. É froito dunha relación interpersoal, dun Deus que se interesa polo ser humano sabendo que non forza a resposta, pero a quen se lle pode atopar no camiño cando non se lle busca con microscopio, radiografías ou métodos científicos. As cousas da vida, do amor, da fe e da esperanza, de momento, non se poden manipular con aparellos de laboratorio, pero sabemos, os que temos a sorte de crer, que a fe é un vento intenso que atrae as certezas do Amor e afasta todo medo e inseguridade, toda dúbida e cálculo humano.

Mario Vázquez

Vicario xeral da Diocese

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: