Xosé Filgueira Valverde: A Igrexa e as linguas vernáculas

Logos n 49

A continuación reprodúcese parte da colaboración de Xosé Filgueira Valverde no último número (49) da revista Logos :

Logos ten de cote recollido as mostras da conducta agarimosa da Igrexa cara ás culturas autóctonas. Nas verbas acesas de Torrás i Pagés, nos xurdios exemplos de Flandes, de Gales… de Nápoles mesmo, nós temos atopado compridas rectificacións a cantos, guiados por feitos esporádicos, sen tradición e sen afincamento nos criterios da xerarquía, atacan á Igrexa como “adversa á personalidade dos pobos”. Por sorte, mesmo en Galicia pódese xa escolmar probas da falsidade destes ditos. […]

Lembro unhas agudas verbas de Maritain no seu derradeiro libro. Moitas veces, na historia universal e mesmo na historia persoal a iniquidade preséntase con máscara de xustiza, e a xustiza vestida de iniquidade. E nestes intres dolorosos de crise qué certo é este paradoxo das ideas e das condutas! Diante das masas que apostatan aldráxase o catolicismo en nome da xustiza social, do pacifismo e da liberdade dos pobos. Cando a xustiza social, o pacifismo e a liberdade dos pobos son tres postulados creados polo catolicismo, que soio baixo a doutrina de Cristo poderán ter de cheo a súa realización.

É tristeiro que as masas coiden que os homes de Cristo son por doutrina e por conduta adversarios dos humildes, partidarios das guerras imperialistas, ansiosas de afogar baixo a pouta de forzas cosmopolitas a vida enxebre das culturas vivas. Mais aínda é mais doloroso que o cristián para oporse ás forzas anticristiás non vexa mellor camiño que o de asumir o rol que esas forzas queiran sinalarlle e teimar na súa vida e nas súas obras polos tres postulados que sirven de eixo aos inimigos da alma: opresión dos pobos, guerra, capitalismo; ao servicio do demo, do mundo e da carne.

Eiquí en Galicia…

Na nosa terra este problema das máscaras da xustiza é mais agudo que en ningures. O divorcio antre as vilas e a aldea é a cada intre máis fondo. Case diríamos que a vila gosta da decadencia da aldea. A fame nos aldeáns fai baixar ao mínimo os prezos, a incultura aldeá asegura a especulación. Os partidos políticos que axitan o agro, con verbas de xustiza, non son por desgraza partidos que directamente se inspiren nas ideas católicas nin que leven un ideal de salvación cristián. Mais eles defenden as eternas verdades nosas, as fondas realidades da vida cristiá -xustiza, caridade, personalidade, fe no ideal, sacrificio- cicais moitas vegadas envoltas en máscaras de iniquidade -revolta, materialismo, estatismo- cicais moitas vegadas tamén manexadas somentes en proveito de intereses políticos.

Esas xentes, non nós, son as que falan hoxe de Galicia en Galicia. A liña Sarmiento-López Ferreiro-Lago González semella terse quebrado con nós. A personalidade de Galicia que foi unha realidade católica pode trocarse nun sulco da loita contra a Igrexa. A defensa das libertades tradicionais, amparada en tódolos pobos pola poboación católica, déixase eiquí en mans dos inimigos da tradición. 

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: