Os privilexios da Igrexa Católica

Foto Mario

Escoito e contemplo con certa dor e estupor, como desde algúns sectores sociais, afírmase con rotundidade que a Igrexa dispón de privilexios fiscais e de importantes axudas do Estado retraídas dos impostos dos cidadáns. Ata lin, nalgúns medios e nas redes sociais, invencións tan esaxeradas como que os sacerdotes e relixiosos non cotizan a Facenda.

Convén lembrar, en honor á verdade, algunhas cuestións. En primeiro lugar, os membros das distintas relixións, os cristiáns, nós os católicos, que somos maioría en España, tamén somos cidadáns. Recordar isto parece absurdo, pero non é tan obvio para moitos.

En segundo lugar, a Igrexa, como Institución pública, cunha presenza significativa en España e en todo o mundo, estableceu Acordos, en diversas formas, coa gran maioría dos Estados. A este respecto, os Acordos asinados no ano 1979 co Estado Español e a Santa Sé, incluían a exención de impostos respecto dalgúns bens, a saber, templos e dependencias destinadas á pastoral (recórdese que nalgúns pobos os únicos lugares de reunión están nas parroquias), as residencias para sacerdotes e relixiosos e o Seminario. Os demais bens, xa que logo, pagan o IBI. Estas exencións concedéronse polo Estado nos mesmos términos a todas as confesións relixiosas que teñen convenio de colaboración.

Por outra banda, a lei de mecenado de 2002 cambiou o réxime fiscal do IBI do sector non lucrativo. Desde a súa entrada en vigor e ata hoxe, todas as entidades incluídas na lei (asociacións de utilidade pública, fundacións, ONG´s dedicadas ao desenvolvemento, federacións deportivas e confesións relixiosas) teñen os mesmos beneficios fiscais en materia de IBI. Privilexios? Claramente non.

E finalmente, o mal chamado “imposto relixioso” non é tal, senón unha “asignación tributaria”. Resulta curioso que algúns non poidan ou non queiran comprender o que isto é, en España e noutros países de Europa. Non é un imposto, porque o contribuínte non paga máis nin menos; simplemente dáselle a opción de optar na declaración da renda, e determinar así con liberdade o uso dese pequeno 0,7% do seu IRPF. Ata se poden seleccionar as dúas opcións: para as ONG´S e para a Igrexa Católica.

E por que esta asignación? Polo significado que a Igrexa ten para a vida da sociedade e de moitos cidadáns. En efecto, a Igrexa aforra ao Estado moito diñeiro e ademais é a segunda gran empresa a nivel nacional (xa que logo, creadora de postos de traballo) despois do Estado. Pero quen non quere entender difícil é axudarlle a comprender. Ademais, como moi ben di a campaña publicitaria deste ano, o peculiar labor da Igrexa fai que detrás de cada X haxa unha historia, que esta letra teña alma, corazón e vida. É a vida e a historia de cada unha das persoas que reciben a sinxela e silenciosa, pero inmensa axuda da Igrexa Católica, a través de todas as súas parroquias e institucións. Soamente Cáritas española logrou no ano 2014 emprego para 13.681 persoas en situacións moi precarias. Por iso, detrás de cada X, hai moitas historias de amor.

Así pois, privilexios?, non, grazas. Si, en cambio, solidariedade e compromiso cos máis necesitados, e esforzo dos católicos por construír un mundo mellor e máis habitable para todos.

Grazas a todos os que entendedes isto, “por tantos que necesitan tanto”.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: