Zoon politikon

“Estes son os meus principios, se non lle gustan… teño outros” Permítanme empezar citando a  Marx, Groucho Marx.

O home, é un animal político, como dicía Aristóteles, zoon politikon: “o que é incapaz de vivir en sociedade ou o que ningunha necesidade ten diso por abondarse a si mesmo, ese ha ser unha besta ou un deus”. Enmarcamos no Libro da Política o ámbito do que estamos a falar.

Qué é a política? O ser humano, naturalmente, vive asociado con outros, ata o punto de que se a existencia deixa de ser social non estariamos falando xa, seguramente, de existencia humana.

A sociedade vóltase condición de posibilidade do propio existir humano, é máis, da súa propia personalidade…os trazos verdadeiramente humanos do home, son sociais. Dende esta perspectiva de comprensión do home como animal social e político  retomamos a cuestión: que é a politica?

Acceder ao ámbito do publico, ao espazo de interrelación entre os seres humanos, é entrar de cheo na política. Política como goberno da sociedade en canto ao público, en canto ao ben común. Tarefa da política é a vida boa, o bo vivir, o vivir-con.

Amén deste concepto de ben común, hai outro eixo central na política: o poder. Ambos conceptos  van configurar o que  sexa a política; é máis, acentuando un ou outro, teremos visións e execucións políticas diferenciadas. De calquera xeito, ao miolo; a  sociedade é unha realidade políticamemnte organizada.

Desde este posicionamento avanzamos unha pregunta máis… terá algo que ver a ética coa política?

Permítaseme contestar a esta cuestión propoñendo algunhas preguntas máis… que lle queda a ética se dalgún xeito non se fai política? Que lle quedaría á política se dalgunha maneira non conta con referencias éticas? A ética na política, é unha utopía?, a política sen ética, é humana?

A necesidade da ética na política é hoxe, se cabe, máis reclamable que nunca. Faise necesaria unha repolitización  da vida cidadá que devolva aos integrantes da comunidade o protagonismo de tomar parte nas decisións que constrúen a vida social  e  que a todos afectan.  A ética, esixirá á política non só a democratización real dos procedementos, senón  a democratización da economía.

O propio poder político esixe lexitimación ética nun senso concreto, que non é outro que o ben común. Unha política ética  amósase como a esperanza utópica  da realización histórica da liberdade e a xustiza. E, en todo caso, unha ética sen política corre o perigo de permanecer estéril; unha política sen ética é, a bo seguro, proposta de deshumanización.

E para ir terminando esta reflexión volvamos a Marx: os principios, lonxe de ser algo funxible, lábil, un “quita ti para poñerme eu”, un mercadiño á conveniencia, son  fundamentos da acción humana,  da acción ética e política… sustentados nas máis diversas columnas, pero sustentados. Os principios orientan a acción e mantéñena. Os principios son valores, e os valores principios. Pois iso, comecemos polo principio.

Queque Bayo

Licenciado en Filosofía

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: