Recuncho de Nadal de Mans Unidas Lugo

Recuncho Nadal Mans Unidas 005

Desde o pasado día 24 de novembro e ata o 16 de decembro Mans Unidas Lugo instala o seu tradicional Recuncho de Nadal na cidade de Lugo. Nesta ocasión, está na rúa San Pedro, 9, co seguinte horario: de 11 h. a 13:30 h. (mañás) e de 17 h. a 20:30 h. (tardes) de luns a venres laborables, e de 11:00 h. a 13:30 h. os sábados non festivos.

Todo o diñeiro recadado destínase aos dous programas financiados este ano por Mans Unidas Lugo: en Sudán do Sur rehabilitación e equipamiento de catro escolas de ensino secundario, e en Guatemala defensa do dereito a unha vivenda digna para poboación en extrema pobreza.

As persoas interesadas en colaborar con esta iniciativa poden pasar pola r/ San Pedro nas horas de apertura ao público sinaladas anteriormente, ou ben poñerse en contacto coa Mans Unidas no teléfono 982 25 55 67.

Ellacuría, vinte e cinco anos despois

XXV aniversario mártires xesuitas UCA

Vinte e cinco anos despois da morte martirial de Ignacio Ellacuría, cos seus compañeiros e dúas mulleres traballadoras na UCA (Universidade Centroamericana), o seu pensamento segue fecundando a filosofía e a teoloxía. O seu legado, sobre todo a súa vida e as súas razóns, son unha clave válida de interpretación para comprender a misión da Igrexa hoxe no mundo, analizar as estruturas socio-políticas e económicas e suxerir canles sobre a dirección na que deberían ser transformadas.

Vinte e cinco anos sepárannos daquel vil asasinato perpetrado polo exército salvadoreño na madrugada do 16 de novembro de 1989, no campus da UCA do Salvador. Con Ellacuría, o xesuíta vasco nacionalizado salvadoreño, morreron tamén os seus compañeiros Segundo Montes, Ignacio Martín-Baró, Amando López e Elba e Celina Ramos, traballadoras domésticas refuxiadas xunto á residencia dos Padres xesuítas durante aqueles días de toque de queda.

Nos anos 60 e 70 do século pasado, en América Latina había, e segue habendo, grandes desigualdades económicas froito de séculos de colonialismo con ditaduras militares que abortaban calquera intento de cambio estrutural. Os movementos pacíficos alentados pola Igrexa, así como a forza da Teoloxía da Liberación que invitaba ás comunidades cristiás a loitar por cambiar as estruturas de opresión e participar na transformación da sociedade, recibiron como resposta sanguentas represións.

Ignacio Ellacuría, como Rector da UCA, defendeu, con coraxe, un modelo de universidade que fose capaz de analizar cientificamente a realidade histórica e que apoiase os procesos de transformación estructural desde a fe en Xesús de Nazaret, o Cristo Libertador. En coherencia coa súa fe, exerceu de mediador para lograr a paz ata o último día da súa vida. Paradoxicamente, a morte dos oito mártires da UCA, provocou que chegasen os Acordos de Paz, entre 1991 e 1992.

O pensador que invitaba a “facerse cargo da realidade”, a “cargar coa realidade” e a “encargarse da realidade”, segue anunciando hoxe que Deus é o Deus da vida, o Señor da historia e invitándonos a un cristianismo adulto, á refundación dunha vida relixiosa ao servizo da paz e da xustiza e a un novo xeito de facer teoloxía.

Na miña tese de doutoramento, citando a J. Moltmann, conto a anécdota, histórica por certo, de como o corpo do P. Ramón Moreno foi arrastrado polos soldados ata a habitación de J. Sobrino, que casualmente non estaba na casa. No medio do sangue atoparíase máis tarde un libro que caera da estantería, era un exemplar da obra de Moltmann: O Deus crucificado. Este libro sería recollido e conservado como expresión simbólica daquel martirio. Certamente, o Deus cristián, o Deus crucificado, segue morrendo nas vítimas da opresión, da violencia e da inxustiza, desgraciadamente, cada día no mundo.

J. Mario Vázquez Carballo

Retiro de preparación ao Advento

Delegacion Apostolado Segrar

O sábado 22 de novembro, de 10 a 13:50h, hai un retiro de preparación ao Advento organizado desde a Delegación de apostolado segrar. O lugar é o Seminario diocesano de Lugo, e cóntase con Alberto Leiva, párroco de San Antonio.

Será un bo momento para estar atentos ao que nos pide o Señor aquí e agora, e acoller este novo tempo de igrexa misioneira aberta ao mundo.

Miguel A. Álvarez: Como coñecín a novena da Medalla Milagrosa

Teño que comezar  facendo unha confesión que me avergoña bastante. Cheguei a Lugo no ano 1988, fun ordenado sacerdote no 1999, e ata fai 4 anos non sabía da existencia da novena da Medalla Milagrosa que congrega a unha cantidade considerable de devotos. Para min foi unha agradable sorpresa ver, aos poucos días de estar na parroquia de San Froilán, como se enchía a igrexa de persoas para rezar o Santo Rosario e a Novena e celebrar a Eucaristía.

No longo, escuro e triste mes de novembro esta Novena da Milagrosa supón un foco de luz e alegría. Non en balde, a imaxe da Milagrosa irradia luz. Os raios que saen das mans da Virxe María son símbolos das grazas que María alcanza aos homes, Cristo mediador e salvador.

Lembro coma se fose hoxe que a primeira igrexa na que entrei na cidade de Lugo foi na da parroquia da Milagrosa. Tiña 9 anos e fora con motivo da voda da miña prima Nieves. E no 1988, cando xa viñen definitivamente para Lugo, a primeira igrexa na que entrei foi tamén a da Milagrosa. Pero non remata aquí a historia. Ordenáronme de presbítero nesta mesma igrexa. E a miña primeira parroquia non foi a Milagrosa, como poderían estar esperando, senón a de San Froilán, que no seu día foi a nai da parroquia da Milagrosa, cando fai 50 anos a cidade de Lugo expandíase cara á zona norte. E como na parroquia de San Froilán venerábase a Virxe da Medalla Milagrosa, por influencia das Fillas da Caridade, púxose baixo o seu patrocinio a nova parroquia que despois deu nome a ese extenso novo barrio da cidade. Como ven, a miña vida en Lugo está moi marcada pola Milagrosa, aínda que non soubese da existencia da súa novena tan popular ata hai pouco tempo.

Todos necesitamos que Deus faga algún milagre en nós ou en alguén a quen coñecemos. Hoxe preséntolle ao Señor por medio da súa Nai, a Virxe María da Medalla Milagrosa, todas as intencións dos que están lendo isto e necesidades. Pido tamén polas parroquias de San Froilán e da Milagrosa, polas Fillas da Caridade e polos alumnos e profesores do seu colexio. !¡

O María sen pecado concibida! Roga por nós que recorremos a ti.

Miguel Ángel Álvarez

Novenas en honra da Virxe Milagrosa

A Medalla Milagrosa

Na Parroquia da Milagrosa, a partir do mércores 19 ata o xoves 27 de novembro ten lugar a novena na honra da Virxe Milagrosa, cos seguintes actos:

  • Rezo do Santo Rosario ás 19:00 (sete)
  • Eucaristía ás 19:30 (sete e media)
  • Exposición do Santísimo despois da misa
  • Confesións de 19 a 19:30 h.

Na Parroquia de San Froilán a novena, os mesmos días, terá o horario seguinte:

  • 19:15 h  Santo Rosario e exercicio piadoso da novena
  • 19:30 h Celebración eucarística. A proclamación da Divina Palabra estará a cargo do misioneiro comboniano P. Damián Bruyel.
  • ás 11 da mañá do día 27 será Misa solemne da festa da Santísima Virxe da Medalla Milagrosa.
A %d blogueros les gusta esto: