Un grupo de lucenses inicia o 17 de marzo unha peregrinación a Santiago

peregrinos parten de Lugo

Distintas institucións públicas lucenses quixeron estar no punto de saída dunha das primeiras peregrinacións organizadas en grupo desde Lugo a Santiago trala declaración do Camiño Primitivo como patrimonio mundial. Despois de saír da Porta de San Pedro, a primeira parada da alcaldesa da cidade, Lara Méndez, a delegada da Xunta, Raquel Arias, o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, o presidente da Deputación, Darío Campos, entre outras autoridades, foi ante a Porta da Misericordia, onde foron recibidos polo deán da Catedral, Mario Vázquez. Dentro do templo, rezouse ante a Virxe dos Ollos Grandes e impartiuse a bendición do peregrino.

En realidade, cada unha das autoridades civís realiza as etapas que mellor lle encaixan coas súas ocupacións, compatibilizando as súas axendas coa peregrinación. A primeira desas etapas é a do día 17 de marzo. Outros peregrinos si completarán os 102 quilómetros para chegar a Santiago o domingo 20.

peregrinos pola Porta da Misericordia

Presentación do libro Titanes contra pobreza, que conmemora os 50 anos de Cáritas de Lugo

Presentación libro Titanes contra pobreza

A Deputación de Lugo acolleu o día 15 a presentación do libro Titanes contra pobreza, co que se conmemoran os 50 anos de Cáritas Diocesana en Lugo.

O autor do libro, José de Cora, explicou que “a obra é como un álbum de fotografías no que se rende homenaxe a todos os implicados nos 50 anos de historia de Cáritas na provincia; e no que se pode apreciar a grandísima evolución no seo da propia organización durante todos estes anos”

O Director de Cáritas, Ginés Plaza, sinalou a importancia desta obra para lembrar “o labor de tantos lucenses: voluntarios, socios, colaboradores e traballadores de Cáritas en apoio aos máis desfavorecidos da sociedade; todos eles foron e son parte fundamental da historia desta institución, así como de Lugo, e así se ve reflectido neste libro”

O Bispo de Lugo, quixo pór en valor a creación de Cáritas un 4 de xuño de 1964, pois foi “a expresión da fe profunda do pobo de Lugo a Xesús Sacramentado presente no altar maior da Catedral. Este libro fala da sinxeleza da nosa Igrexa e de Cáritas que ten acompañado a moitas persoas, atendido moitas necesidades e consolado moitos sufrimentos. Como Igrexa debemos estar no medio do mundo e que a nosa presenza faga posible o encontro, o diálogo e a esperanza, sen aceptar exclusións, divisións ou marxinacións”.

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, lembrou o traballo desinteresado de Cáritas na loita contra a pobreza e a exclusión social. Destacou o traballo que nos últimos anos están a desenvolver para axudar e atender ás mulleres que exercen a prostitución ou son vítimas de trata.

Presentación libro Titanes contra pobreza público

Celebración do Día do Seminario

Copia de estampa Día do Seminario galego

Ao coincidir a celebración do Día do Seminario coa festividad de San José, a oración e a colecta para o Seminario Diocesano trasládanse á tarde do sábado 12, e ao domingo 13 de marzo.

Entre as actividades previstas para esta campaña están:

– Sábado, día 12 de marzo, xornada de Portas Abertas do Seminario diocesano de Lugo que está dirixida tanto ás familias de posibles alumnos como a calquera persoa interesadas en coñecer de cerca o Seminario, particularmente a proposta educativa e o funcionamento do Seminario Menor.

Comezará ás 16.30 h no Salón de Actos de actos cunha presentación xeral do Seminario Menor e, a continuación, unha visita guiada polas instalacións coa presenza dalgúns profesores e seminaristas.

Presenza dos seminaristas e formadores nas eucaristías do sábado 12 e do domingo 13.

Oración polas vocacións o día 10 de 21h a 22h (como os demais xoves)

– A colecta das Eucaristías destes días está dedicada ao Seminario diocesano.

“O que estea sen pecado, que tire a primeira pedra”

pedra

Con estas palabras resolve Xesucristo a polémica creada polos escribas e fariseos sobre o castigo que querían aplicar a unha muller adúltera. Din que hai poucas verdades absolutas, esta é, sen dúbida, unha delas: “o que estea sen pecado que tire a primeira pedra (Xn 8, 1-11)”. Así é. Non hai ningún humano sen pecado, ata o máis santo ten pecados. No bautismo quedamos limpos da mancha do pecado orixinal, pero a condición de pecadores acompañarános toda a vida. Aínda así, malia os nosos pecados, somos moi afortunados, pois o único que non ten pecado e que podería tirar a primeira pedra non o vai facer: “Tampouco eu non te condeno. Anda, e desde agora non peques máis”.

Fai poucos días dicía o Papa Francisco: “Se non te ves pecador como vas experimentar a misericordia de Deus?” Só quen se sabe pecador pode experimentar a graza e os beneficios da proximidade de Deus, que é infinitamente misericordioso.

A adúltera do Evanxeo, do mesmo xeito que outros moitos que acudiron a Xesucristo para que os sanasen, sufriu as consecuencias do pecado pero tamén experimentou a comprensión e o amor de Deus. O pecado é condenado, pero a persoa é perdoada, restaurada e promocionada. Xa nada volve ser como antes logo de ser lavados e acariñados polas mans de Xesucristo.

O Ano da Misericordia e a Coresma son unhas boas ocasións para provocar un encontro co Deus de Xesucristo. Moitas veces condiciónannos os prexuízos e os respectos humanos. Cremos que por non pensar nos nosos pecados ou non querer velos xa deixan de existir. Outras veces consolámonos ou distraemos a atención apelando a unha liberdade ou conciencia feita á nosa medida e segundo os nosos criterios. Pero, por moito que tratemos de acalar a voz de Deus que fala á nosa conciencia, antes ou despois, todos sentiremos necesidade do abrazo tenro do Pai que cure as feridas da nosa alma.

Miguel Ángel Álvarez

O insulto como “obra de arte”

Estes días deu moito que falar o poema titulado “Mare nostra”, máis coñecido como “O nosopai de Barcelona”. Podería sumarme ás palabras do Bispo barcelonés cando lle preguntaron respecto diso: “ás veces é mellor non dicir nada”, pero esta vez non me resistirei. Os cristiáns estamos adestrados para poñer a outra fazula desde o principio, pero os nosos sacrificios deberían de ser por unha boa causa ou polo ben doutras persoas. Con todo, isto non lle dá dereito a ninguén para ofendernos apelando a unha idea equivocada do que é a liberdade de expresión.

Non é a primeira vez que se fai unha composición parodiando o Nosopai, oración que lles ensinou Xesucristo aos apóstolos cando estes dixéronlle que lles ensinase a rezar. Pero nesta ocasión chovía sobre mollado e as abundantes mostras de disconformidade non se fixeron esperar. Os cristiáns mostramos o noso malestar porque se fixo unha burla coa pregaria central dos católicos.

No entanto, a gravidade dese acto, chamado cultural, non vén dada só polo que ten de ofensa contra os sentimentos relixiosos.

Se analizamos esa “composición poética” non vemos nada, polo menos explícitamente, blasfemo, pois non se menciona a Deus. Outra cousa é a intención que puidese ter a autora, pero iso é cousa dela e da súa conciencia.

Aquí a cuestión está en que se nos vende como cultural e artístico unha peza chea de termos vulgares, pronunciados case a berros e cun ton de enfado, malia que lle estaban dando un premio.

Ante este caso e ante outros moitos similares que tamén tivemos que sufrir recentemente, xórdenme algunhas dúbidas:

-Como lles explica agora un profesor aos seus alumnos a importancia de estudar e formarse nas distintas áreas, sobre todo en humanidades? Para compoñer un “painoso” como este non fai falta estudar ata os 23 anos.

-Onde queda o labor de miles de profesores de Lingua Castelá e Literatura ou Lingua Catalá logo de semellante “obra de arte”? Para que esforzarse en coñecer aos clásicos e as súas técnicas? Onde queda a achega da relixión Católica á cultura occidental, incluída a literatura?

Protesto, xa que logo, en contra de que se ofreza iso como cultura e que ademais sexa apoiado polos cargos públicos, os mesmos que teñen que velar por conservar o patrimonio cultural e artístico dun pobo e pola mellor formación integral dos seus nenos e novos.

Para Ada Colau isto é unha “mostra de creatividade”. Non o entendo, como tampouco entendo que haxa que estar ofendendo gratuita e continuamente aos católicos. Todo isto prodúceme moita pena. “É imposible que unha persoa feliz goce ofendendo aos demais”, como dixo o bispo Munilla comentando a noticia de que aumentaran nun 13% os delitos de odio. O 80% non se denuncian.

Miguel Ángel Álvarez

A %d blogueros les gusta esto: