Os inimigos da ciencia

Foto Mario Recentemente, o meu compañeiro Antón Negro publicaba unha entrada sobre o problema da relación entre a Relixión e a Ciencia titulado “Sobre o Big Bang“. Alí lembraba que Georges Henry Lemaitre, autor da teoría do Big Bang, foi un sacerdote católico, xa que en moitas obras científicas tende a ocultarse esta cuestión. No fondo, latexa a triste realidade dun dos tópicos máis frecuentes no pensamento único actual: a Igrexa e a Relixión son inimigas da ciencia. Ou dito doutra forma: non se pode ser crente e científico. O certo é que, desgraciadamente para moitos, a fe e a relixión son incompatibles e o que aínda é peor: tamén a fe e a razón. Coma se crer non fose razoable ou polo menos, tan razoable como non crer. Ou coma se esquecésemos xa que unha gran maioría de científicos e pensadores foron e son crentes. De feito, na historia antiga e actual, a realidade foi e é ben distinta. Non pode ser unha mera casualidade o feito de que o pai da teoría do Big Bang (por certo, expresión acuñada de forma despectiva polo ateo Fred Hoyle) sexa un sacerdote xesuíta belga a quen inicialmente Einstein tratou como un principiante en delirio. Pero, e así o relata a teóloga e escritora Lucetta Scaraffia, cando poucos anos despois Nature e The New York Times recoñeceron a xenialidade das intuicións de Lemaitre, Einstein tivo que cambiar de actitude. Desde entón, Deus entrou oficialmente na física por máis que moitos estudosos aínda non queiran asumilo. Sen dúbida, o concilio Vaticano II contribuíu á confirmación da conciliación entre a Igrexa e a ciencia. Pero tamén é certo que moitos científicos a través dos séculos puideron conxugar a paixón polo rigor científico coa súa pertenza á Igrexa, e ata, en moitas ocasións, vestidos de hábito. Relixiosos eran, Lazzaro Spallanzani (1729-1799), Nicolás Copérnico (1473-1543), Gregorio Mendel (1822-1884), e laicos crentes como Juan Kepler (1571-1630), Isaac Newton (1642-1727), Luís Pasteur (1822-1895), entre outros moitos.

 Os crentes temos todo o dereito e o deber de desexar entender un universo creado por un Deus que nos ama e que está na orixe de todo. Iso non cambia os resultados científicos, pero si o seu significado. Así o afirmaba con claridade o padre Michael Heller: “A ciencia dános a Sabedoría, a relixión o Significado“.

 Na actualidade, a influencia dalgunhas ideoloxías con gran poder mediático, pagadas por poderes fácticos con escuros intereses ocultos, chega a tal punto de fanatismo e desprezo do relixioso, que as incapacita para a compresión da realidade.

 Con todo, máis aló de lecturas cheas de pretextos, hai que lembrar que ao longo da historia, a Igrexa soubo puntualizar as súas propias teses científicas e asumiunas con gran apertura respecto, por exemplo, ás novas fronteiras da medicina.

 J. Mario Vázquez Carballo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: