Acción de grazas pola renovación da indulxencia plenaria cotiá e perpetua na Catedral de Lugo

A Penitenciaría Apostólica renovou o privilexio da Catedral de Lugo de 1860 polo cal concedía indulxencia plenaria cotiá e perpetua ás persoas que visitasen a Catedral, segundo as condicións habituais.

Con tal motivo o 22 de decembro ás 19h na Catedral hai un concerto do grupo de música Antiga 1500 (María Giménez, voz e percusións; Belén Bermejo, voz e órgano percutido; Víctor Blanco, guitarra renacentista, harpa; Roberto Santamarina, fídulas e Andrés Díaz, viola de man, frautas e dirección).

No concerto, baixo o título Aquesto foi en Galiza. Cantigas arredor da Eucaristía, interpretaránse, con instrumentos de época, sobre todo cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio.

O mesmo día ás 20h na Catedral, solemne Eucaristía de acción de grazas, presidida polo sr. Bispo, Mons. Alfonso Carrasco.

A indulxencia ou o perdón de Lugo

Desde o día 10 de outubro, os diocesanos e cidadáns de Lugo deberiamos celebrar con gran algarabía a graza do gran privilexio que acabamos de recibir. Aínda faltaban uns días para o día da clausura do Ano da Misericordia na Catedral, cando chegaba o noso Bispo de Roma cunha gran cesta de “pans e peixes” debaixo do brazo. O beneficio da graza da Indulxencia Plenaria cotiá e perpetua concedida, de novo, pola Santa Sé á Igrexa Catedral Basílica de Lugo non é un acontecemento menor. Se recentemente recibimos, con alegría, a declaración dos nosos camiños do Norte e Primitivo e das nosas catedrais (Lugo e Mondoñedo) como Patrimonio da Humanidade, non debería ser menos este plus espiritual que agora se engade ao xa recoñecido patrimonio inmaterial da humanidade. Aquí, nas rutas destes camiños xacobeos, na Cidade do Sacramento, no interior dunha fermosa Catedral onde está secularmente exposto día e noite o Señor sacramentado, aquí, pódese gañar a Indulxencia plenaria cotiá e perpetua.

É un gran milagre que me parece lexítimo comparar co relato evanxélico da multiplicación dos pans e os peixes. É unha dignación de Deus e da Igrexa para Lugo que, como católicos, e tamén como cidadáns, debemos agradecer, valorar e aproveitar, primeiro espiritualmente e despois como consecuencia diso, cultural e turísticamente.

Espiritualmente, porque a Indulxencia é un gran don para todos nós. Ela vai unida inseparablemente aos sacramentos do Perdón e da Eucaristía, á comuñón eucarística e, en consecuencia, á caridade, ás obras de misericordia, e á solidariedade cos máis necesitados. Porque a Eucaristía esíxenos proximidade cos que se atopan sós, enfermos, con fame e sede, explotados polas inxustizas, estranxeiros sen fogar, encarcelados que queren ser escoitados e refacer a súa vida…

A Indulxencia lévanos a experiencias de oración ante o Santísimo e á pregaria en comuñón coas intencións do Sumo Pontífice. Experiencias de fe que sen dúbida son sanadoras para quen pola súa conduta ou pola súa forma de vida habitual están afastados da graza. Pénsese en quen delinquen habitualmente ou se alistan en grupos criminais, os promotores ou cómplices de corrupción, os que non conseguen romper cunha situación permanente de pecado grave facéndose dano a si mesmos e á convivencia social.

Lugo convértese así, por este beneficio, nun lugar privilexiado para deixarse tocar o corazón, para borrar a pegada negativa e a pena temporal que os pecados teñen nos nosos pensamentos e comportamentos. Hai accións tan terribles no ser humano que soamente se poden cancelar a través da solidariedade e da fraternidade en comuñón coa Igrexa: isto é o que significa a indulxencia. Se polo perdón sacramental (ou polo menos o desexo deste se non é posible recibilo) Deus libéranos das consecuencias que para a eternidade terían os nosos pecados graves, a pena temporal que debemos satisfacer nesta vida ou no purgatorio cancélase polas indulxencias mercé á mediación da Igrexa e da comuñón dos santos. Así, a Igrexa é capaz coa súa oración e a súa vida de saír ao encontro da debilidade duns coa santidade doutros. Vivir a Indulxencia significa pois, achegarse á misericordia do Pai coa certeza de que o seu perdón alcanza toda a vida do crente. Velaquí o sentido de solidariedade e responsabilidade da Igrexa na rehabilitación e sanación dos enfermos polo pecado. En conclusión, a Indulgencia é un favor que debemos acoller con gozo porque nos recorda que non hai un momento na nosa vida no que non podamos tomar un novo camiño. Cada vez que agora en diante, entremos polas portas da nosa Catedral, poderemos orar e cantar ao Amor dos amores coa certeza de que Deus sempre sae ao encontro daqueles que o buscan.

 

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral

O fascinante misterio dunha muller

Durante a semana que acaba de transcorrer entre os domingos 4 e 11 de decembro celebramos en España dúas festas en feminino singular: A Constitución e a Inmaculada. Sobre a primeira e a súa necesidade de reforma e actualización escribiuse xa demasiado. Non así, con todo, sobre a segunda, moito máis antiga e importante, máis universal e venerada en miles de recunchos da nai terra e sobre todo, amada e celebrada como ningunha muller da historia. Na teoloxía máis recente, desde finais do século pasado, houbo e hai unha nutrida literatura en clave de muller, algunha misoxinamente elaborada, que redescobre e demostra non só todo o que as mulleres deron á Igrexa no curso dos séculos, senón tamén todo o que a Igrexa deu ás mulleres, ofrecéndolles posibilidades que a sociedade laica do seu tempo nin sequera concibía nin imaxinaba. A afirmación anterior, por se a alguén se lle ocorre pensar que quen o di é un home, non é miña, é o pensamento de Giulia Galeotti, xornalista, doutora e escritora italiana especialista en temas cristiáns.

Un dos tópicos do pensamento dominante contrapón facilmente ás mulleres entendidas como grupo social que loita pola súa propia emancipación e, por outra, á Igrexa católica vista como o gran obstáculo para o logro dunha plena liberación feminina. Non é que todo sexa falso. É certo que a Igrexa pode ter aínda algún problema coas mulleres e con todo, é indubidable que a mensaxe de Xesús foi e é en grao sumo liberadora, non só en relación coa sociedade do seu tempo, senón tamén respecto ao contexto actual, como mulleres e homes do terceiro milenio. Soamente quen nunca coñeceu e meditou os Evanxeos sería quen de afirmar o contrario. O cristianismo xorde poñendo a mirada no protagonismo dunha muller a través dunha mensaxe divina sobre a Encarnación do Fillo de Deus a unha novísima rapariga de Nazaret. E trinta anos despois, aparecéndose a María Madalena para que vise e testemuñase ao mundo que aquela historia non acababa na Cruz senón na Resurrección do Fillo de Deus.

Os Evanxeos describen a María de Nazaret, a Inmaculada, como unha sinxela muller singular que soborda espiritualidade, fe e silencio. A nai que canta á liberdade, a un Deus que acode á terra facéndose pobre cos pobres para enriquecelos coa súa divinidade, que fai marabillas cos pequenos, que desbarata os plans dos poderosos e que enaltece aos humildes. Esta historia singular que considera a María como expresión suprema do feminino desbordouse dun xeito especialísimo na piedade tradicional do pobo cristián español. Foi o pobo cristián movido polo Espírito Santo o que impulsou o dogma da Inmaculada e mesmo ante a oposición de teólogos e algúns grandes santos. Por iso, cada ano, na praza de España de Roma, ao pé do monumento adicado á Inmaculada, os Papas renovan, pola tarde, a homenaxe á doce Nai da Graza. Unha festa que ilumina, como un faro esplendoroso, este tempo de preparación para o Nadal e que brilla como signo de esperanza segura e de consolo para o pobo de Deus en camiño.

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral

Celebración do Día internacional do voluntariado

dia-do-voluntario-wp

Asociacións de Lugo (entre elas Cáritas) organizan o 5 de decembro a partir das 18h no Mercado de Abastos e a praza da Soidade unha serie de actos con motivo do Día internacional do voluntariado:

  • 18h Pintacaras e xogo Jungle Speed

  • 18:30h Exhibición de Gravitty

  • 19h Maxia, con Nacho Samena

  • 19:20h Lectura de manifesto

  • 19:30h Rap, com Corti Time

Cal é a misión da Igrexa?

O Concilio Vaticano II supuxo un punto de partida para a Igrexa. Comezaba unha nova época e era necesario poñer unhas bases que clarificasen cal era a misión da Igrexa.

 Este acontecemento non estivo exento dalgunhas crises. Aínda hoxe moitos sacerdotes recordan a crise de identidade sufrida polo sacerdocio naquel momento.

 Outra crise, quizais fose ou segue sendo, determinar cal é a misión esencial da Igrexa neste momento da historia. A que se ten que dedicar a Igrexa: aos pobres ou anunciar o evanxeo de Xesucristo? Que é o primordial, ou o máis necesario, ou o mellor?

 Imos facer un pouco de historia. O Vaticano II dinos que, polo bautismo, todos (non só os curas) estamos chamados á misión evanxelizadora.

 Un pouco máis tarde, o beato Paulo VI nun documento que aínda segue sendo actual, na Evangelii Nuntiandi 22, dinos que “non hai evanxelización verdadeira, mentres non se anuncie o nome, a doutrina, a vida, as promesas, o reino, o misterio de Xesús de Nazaret Fillo de Deus”.

 San Xoán Paulo dará un paso máis e usará o término “nova evanxelización”. En Redemptoris missio 3 di que “ningún crente en Cristo, ningunha institución da Igrexa pode eludir este deber supremo: anunciar a Cristo a todos os pobos”.

Benedicto XVI recordaranos que a auténtica evanxelización prodúcese cando se dá un encontro persoal con Cristo.

 Para rematar, o papa Francisco, pouco antes de ser elixido sucesor de Pedro, dicía: “Pensando no próximo Papa: un home, que desde a contemplación de Xesucristo e desde a adoración a Xesucristo axude á Igrexa a saír de si cara ás periferias existenciais, que a axude a ser a nai fecunda que vive da doce e confortadora alegría de evanxelizar”.

 A seguinte pregunta é: onde queda, entón, o exercicio da caridade?. O exercicio da caridade na Igrexa é unha consecuencia directa da súa misión evanxelizadora e non ao contrario.

Os cristiáns temos que movernos cunha actitude conxuntiva e non disxuntiva. Non é cuestión de escoller unha dimensión e rexeitar a outra, senón de integrar as dúas, porque unha leva necesariamente á outra.

 A salvación que nos trae Xesucristo é unha salvación integral. Por iso tratamos de adiantar a este tempo as condicións de vida perfecta que esperamos gozar na eternidade.

Fai poucos días o Rei Felipe VI, na visita á Conferencia Episcopal, recoñecía a achega social da Igrexa. Noutros tempos os sacerdotes tiveron que construír estradas e traídas de auga, que era o máis necesario e urxente.

 Pero a misión da Igrexa segue sendo necesaria hoxe. É importante que as persoas poidan alimentar e cultivar os seus desexos de transcendencia. Isto só será posible con Xesucristo e nunha comunidade eclesial na que nos podamos atopar con El.

 Se claudicamos desta misión evanxelizadora, pasaranos algo similar ao que dicía un médico ao constatar a desproporción entre o diñeiro destinado á investigación do alzheimer e os tratamentos estéticos. Cando pasen uns poucos anos, na Igrexa e na sociedade presumiremos dunhas catedrais e museos de arte relixiosa espectaculares, pero ninguén saberá o que significa o seu contido nin cal é a súa orixe.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco de San Froilán

 

A %d blogueros les gusta esto: