Un novo ano camiñando co Señor

Se o domingo pasado terminaba un ano, necesariamente este domingo temos que comezar outro. Estamos, por tanto, ao comezo do Ano Litúrxico.

Non podemos esquecernos do significado que ten para nós o ano cristián. Trátase de facer o camiño da nosa vida seguindo os pasos de Xesucristo. Para iso temos por diante 365 días para contemplar os misterios da vida de Xesucristo e infinitude de oportunidades para deixarnos santificar por El.

Comezamos así este novo ano, preparando o camiño para o que vai vir, para que despois sexa El mesmo quen nos vaia marcando o camiño que nos leve á casa do Pai.

Este ano, as catro semanas de Advento vense reducidas a tres, porque a Noiteboa será un luns. Así que teremos que aplicarnos máis para ter a nosa alma a punto e limpa para acoller ao Mesías esperado.

Dispómonos para celebrar o comezo da nosa salvación. Xesucristo asumiu, desde o minuto cero, dun modo perfecto toda a natureza humana. Deus non quixo que nada do humano lle resultase alleo. Por iso, desde o momento mesmo da encarnación, co anuncio do anxo, comezou a súa tarefa salvífica da humanidade. Nese intre empezou a sentir o mesmo que calquera persoa. Xesucristo non escatimou ningún esforzo para experimentar, con todas as consecuencias, as alegrías e os sufrimentos dos homes aos que veu salvar.

Miguel Ángel Álvarez

Cura da Fonsagrada

[Ver artículo en castellano]

Coa Relixión a voltas

Queque Bayo

Menos mal que nos queda Portugal…e Finlandia!

Por enésima vez coa Relixión a voltas. Xa tocaba. Refírome á materia de Relixión na escola. E cinguireime á materia de Relixión Católica, non por exclusivismo, senón por proximidade académica, vivencial e emocional.

Os que levamos varias décadas nisto do ensino da Relixión pasamos por distintas  e variadas  experiencias profesionais, algunhas curiosas, todas apaixonantes.

Sabemos que a lexislación actual ampara a presenza da materia de Relixión nas distintas etapas educativas. Sabemos tamén que non só ampara á Católica. Sabemos que este feito xurídico vén reflectir unha demanda social que, aínda co paso do tempo…e coa que “foi caendo” mantense en niveis máis que aceptables.

Tivemos que ir pasando por diversas etapas. Houbo “materia espello”… en ocasións… en ocasións, non. Computou a materia de Relixión para medias e demais cuestións de ámbito administrativo, en ocasións, e en ocasións non.

Podiamos cantar aquí as virtudes sociorrelacionais da materia; podiamos falar de que transmite valores, cultura histórica…; podiamos falar da solidariedade e empatía que emana da Relixión… e estariamos a dicir cousas asisadas e axustadas á realidade.

Poderiamos seguir coa listaxe dicindo que a Relixión contribúe a responder ás grandes cuestións da existencia humana… quen somos, de onde vimos, onde imos? e, permítanme que traia a memoria ao coñecido grupo galego Siniestro total, que tantas veces nos deleitou con esta  suxestiva e antropolóxica canción do seu álbum Menos mal que nos queda Portugal.

Poderiamos dicir tamén que a Relixión na escola favorece o crecemento persoal, que contribúe á creación dunha sociedade máis xusta, que axuda a unha  mellor comprensión da nosa cultura, a nosa historia e a nosa sociedade.

Poderiamos dicir todo iso e dicímolo. E dicimos ademais que, guste máis ou menos, a relixión, todas e cada unha, han ir formando parte do camiño histórico da humanidade. Que postos a rastrexar as distintas épocas históricas e culturas que en el mundo han sido, -por citar agora a un clásico, frade para máis inri-, a relixión aparece como un fenómeno universal no espazo e no tempo.

É digno de non estudarse con seriedade académica tal fenómeno como o que vimos describindo? Parece razoable que ao alumnado español non lle caiba a posibilidade de enfrontarse academicamente ao fenómeno relixioso dentro dunha materia equiparable ao resto de materias  fundamentais, tal e como reza a lexislación?

(Art.II Acordos Igrexa-Estado 1979).

Os nosos  veciños portugueses, aínda sumidos en pleno rescate por parte da U.E. conseguiron un aumento envexable no que toca a calidade educativa. Preguntámonos, prescindiron da Relixión nas reformas levadas a cabo e que tanto éxito obxectivo conseguiron?. Pois non.

Viaxemos agora até o norte de Europa. A tan envexada Finlandia, polo seu sistema educativo desbordante de calidade, aínda que non só por iso. En Finlandia, poderiamos supor que dada a calidade do sistema educativo, a Relixión non está na escola de ningunha maneira -desculpen o ton irónico-. Pois, non. A Relixión está presente en todas e cada unha das etapas educativas: desde infantil, unha ou dúas horas semanais, pasando polo ensino obrigatorio, entre unha e tres horas semanais, até a postobrigatoria -preuniversitaria- unha hora semanal. Se nos achegamos á Europa da U.E. a práctica totalidade dos Estados contan nos seus currículos de ensino coa materia de Relixión.

Pois iso. Vivamos como europeos.

Menos mal que nos queda Portugal…e Finlandia!

Queque Bayo

Profesor de Relixión

Impacto das novas tecnoloxías no cerebro e o comportamento dos nenos e mozos (II)

Quen nos venden as novas tecnoloxías convéncennos de que posibilita a capacidade da multitarefa. Favorece isto aos nosos nenos e mozos?

Cando un adolescente está sentado fronte ao ordenador con catro pantallas abertas no seu monitor, realmente non está a realizar catro tarefas ao mesmo tempo. Está a realizar o que os neurocientíficos denominan «alternancia continuada da atención». É dicir, dedica uns minutos (ou menos) a realizar unha tarefa. Despois pasa á seguinte e aos poucos minutos a outra máis. E isto é así por unha sinxela razón: o noso cerebro non é capaz de realizar dúas tarefas á vez se estas implican á mesma zona do cerebro.

Un adolescente pode estudar mentres escoita música instrumental, por exemplo. Pero se ten que reter información verbal ao mesmo tempo que escoita cancións con letra no seu idioma, resultaralle extremadamente difícil memorizar. O seu cerebro saltará constantemente da letra da canción ao texto escrito. Non se concentrará, esgotará ao seu cerebro e a información non quedará ben fixada. Isto é así porque ambas as tarefas requiren a activación do mesmo centro da linguaxe.

O profesor Jim Taylor, da Universidade de Denver, explica que a multitarefa só é posible cando se cumpren dúas condicións:

  1. Que as tarefas impliquen distinto tipo de procesamento cerebral.
  2. Que unha tarefa non requira pensamento e estea tan ben aprendida que se realice de forma automática (correr, montar en bicicleta…).

O problema é que este falso concepto de multitarefa non é inocuo e ten consecuencias significativas. Numerosos estudos, como os de Eppinger demostran que cando o cerebro pasa dunha tarefa a outra os circuítos neuronais fan un receso entre a unha e a outra. Este proceso non só consome máis tempo, senón que tamén reduce a eficacia no desenvolvemento das tarefas. É o que explica que cando os nosos nenos e adolescentes teñen á vez aberto o libro, acendido o ordenador para consultar algunha rede social e o móbil sobre a mesa para recibir e enviar WhatsApp, o seu rendemento escolar baixa vertixinosamente e a súa fatiga mental aumenta.

O psicólogo David Meyer e o seu equipo, da Universidade de Michigan, comprobaron que cando se cambia rapidamente de exercicio mental en sucesivas ocasións, en lugar de completar unha tarefa antes de iniciar a seguinte, a eficacia do cerebro pódese ver diminuída até nun 50 %. Por iso, moitos mozos perderon a súa capacidade de concentración e de ler e escribir textos longos.

O noso cerebro traballa mellor cando se emprega nunha soa tarefa de forma continua, en lugar de saltar de tarefa en tarefa reiniciando procesos unha vez tras outra. Por iso, desde o COF diocesano de Lugo aconsellamos sempre aos nenos e adolescentes que acompañamos, así como ás súas familias, a que o estudo se faga de forma que non haxa distraccións nin actividades en paralelo. Comprobamos unha e outra vez que o rendemento académico mellora asombrosamente en pouco tempo.

 

Xosé Manuel Domínguez Prieto

COF Diocesano de Lugo

Impacto das novas tecnoloxías no cerebro e o comportamento dos nenos e mozos (I)

Xosé Manuel Domínguez

Non se trata de alarmar senón de tomar conciencia de que o uso das novas tecnoloxías non é tan inocuo como pensabamos. Segundo o que a psicoloxía e as neurociencias van revelando, quizais non sexa tan boa idea regalar aos fillos un móbil ao facer a Primeira Comuñón nin deixar ao mozo que pase unhas cantas horas cos videoxogos ou a consola, nin sequera o uso exclusivo do ordenador para estudar.

En 2008 Gary Small, catedrático de Psiquiatría da UCLA e director do Centro de Memoria e Envellecemento, describiu con precisión que o uso diario de tecnoloxía informática afecta ao noso cerebro e ao seu rendemento, producindo efectos inesperados (perda de capacidade lectora, de memoria, sobrecarga cognitiva…)

Manfred Spitzer, director do Centro de Transferencia de Coñecementos para as Neurociencias e a Aprendizaxe en Alemaña, vai aínda máis lonxe e no seu libro Demencia Digital (cuxa lectura recomendamos vivamente) afirma: «Os ordenadores non fomentan a formación de nenos e adolescentes, senón que máis ben impídena ou, no mellor dos casos, non producen efecto algún…». Relaciona o uso de ordenadores co fracaso escolar. Fixémonos nun dos efectos máis patentes: a perda de capacidade lectora.

O Dr. Jakob Nielsen descubriu, tras realizar un estudo de seguimento ocular, que os usuarios de Internet non realizan unha lectura lineal, senón que “escanean” a pantalla. Os usuarios realizan unha “lectura en F”: Len as dúas primeiras liñas, e baixando pola esquerda volven deterse no centro. Despois abandonaban de novo a lectura lineal e baixan cara á parte inferior esquerda. Segundo as investigacións de Nielsen, as persoas realmente len menos do 20% do contido dunha páxina web.

Pola súa banda, a empresa israelí de software ClikTale, recolleu durante dous meses datos do comportamento dun millón de visitantes de páxinas web. Constatou que na maioría dos países os usuarios de Internet só pasan entre 19 e 27 segundos en cada web que visitan. Case nunca len unha páxina enteira. O uso da rede debilita a nosa capacidade de pensamento profundo e a capacidade de lectura.

Por iso, a proposta que facemos desde o Centro de Orientación Familiar aos nenos e mozos que acompañamos é a de combinar a lectura dixital coa lectura en papel, a lectura de libro, que permite manter a capacidade de razoamento e a capacidade de abstracción. Isto supón obrigar ao noso cerebro a realizar unha tarefa dificultosa, pero só esixindo esforzo podemos mellorar resultados e capacidades.

Xosé Manuel Domínguez Prieto. COF diocesano de Lugo.

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: