Quizais no mundo rural non estamos moi afeitos a escoitar falar de confesións no Advento. Case todo o mundo lembra os preceptos en Coresma e moitos dos nosos cristiáns, por desgraza, só acoden a confesarse nos días próximos á Semana Santa e fano máis por unha obrigación que por unha necesidade que brote da dor dos pecados.
A situación pode ser paradoxal. Todos sabemos que non hai ninguén sen pecado (“O que estea sen pecado que tire a primeira pedra”), pero ao mesmo tempo cada vez temos menos conciencia dos nosos pecados, aínda que coñecemos ben os dos demais; xa saben o da palla no ollo alleo.
O Deus de Xesucristo vén visitarnos e a traernos o gran agasallo da boa nova da nosa salvación. Ante tal visita a todos gustaríanos ter a nosa casa en perfecto estado de revista para acoller ao Mesías.
É, por tanto, o momento de facer unha limpeza a fondo da nosa conciencia e de pór en orde as cousas da nosa vida. Toca levantar as alfombras e limpar eses recunchos ocultos nos que se vai acumulando sucidade. Por iso, o Advento tamén é un bo momento para confesarse. Ademais, a limpeza hai que facela cando hai sucidade, non imos andar como uns desaxeitados ata que chegue a Coresma.
Nos últimos anos a terapia de parella foi dando máis peso á relación que ás dificultades individuais que os membros da parella “traían”. Enténdese a parella e o matrimonio coma unha terceira realidade que os dous se comprometen a coidar.
Así, se pos en primeiro lugar a túa relación podes ter un efecto paradoxal de satisfacer as túas necesidades de maneiras que nunca serían posibles se as puxeses en primeiro lugar. Ata o funcionamento do noso cerebro mellora nunha relación así. Quen non quere sentirse amado? Ser nós mesmos, sentirnos aprezados, valorados e protexidos. A infidelidade racha esta seguridade e confianza. Pero a infidelidade non é só un asunto de relacións sexuais. A cercanía emocional cun terceiro deixando á marxe á parella; compartir un segredo de parella con outra persoa; coquetear con outra persoa (tamén virtualmente); o uso de pornografía para excitarse a soas… En xeral todo aquilo que faga dano á intimidade da parella pode ser exemplo de infidelidade, doe e dinamita a confianza.
Restaurar a confianza é complicado pero non imposible. É necesario o primeiro que se rompa sinceramente a relación coa terceira persoa. Necesitamos retomar a historia da parella e tamén a historia da infidelidade. Coas palabras dos dous construímos un relato compartido do que aconteceu, que sexa verdade para os dous. É importante que a persoa que fixo a ofensa asuma o 100% da súa responsabilidade. Que sinceramente recoñeza e poida mirar a ferida xerada buscando reparación, perdón, conexión emocional. O proceso require tempo e espazo para que cada quen poida situarse no momento actual, pensar que quere facer, facer balance da súa relación. Resistiremos a présa porque o perdón é tamén un proceso.
O que foi infiel, a miúdo debe respostar a algunhas demandas que noutros momentos serían estranas. Por exemplo ás veces necesítase certo alonxamento de ambientes, evitar certas expresións, consultar o teléfono do outro de cando en vez, tirar certas cousas que traen recordos, etc.
Pouco a pouco a dor vai cedendo espazo ao impulso de reconstruir a relación. Entón búscase re-conectar emocionalmente. Retoman cousas que lles gustaba facer xuntos, lecturas, traballos, caricias, citas, diálogos, mirarse aos ollos, tocarse, momentos de intimidade. Pouco a pouco revisan como se van atopando e que pasos queren dar para facer medrar o amor.
Comprender ao outro non significa xustificar os seus actos. O outro pode ter dificultade para vencellarse de forma auténtica, ou ben, pode ser unha persoa moi impulsiva e con baixa auotestima. Falar disto, recoñecer o que lle custa ao outro, é importante para poder ser un mellor equipo, e mellorar a seguridade na relación. Unha infidelidade non significa ser infiel para sempre, as persoas podemos cambiar, mellorar, aprender.
Quizais a relación de parella estaba tamén danada previamente, decatarse abre posibilidades de atoparse de novo nunha relación mellor. En ocasións a infidelidade ocorre tras un periodo de alonxamento emocional na parella, falta de relacións, aburrimento e rutinas, insatisfacción. Recoñecer que algo disto aconteceu ponnos nun camiño creativo, que require acción sempre, xa que AMAR é un verbo.
Cristina Bandín Potel
Psicóloga e Terapeuta Familiar no Centro Diocesano de Orientación Familiar
A Asociación Xuvenil Ateibo, en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, organiza a IV Xornada de Contacontos o venres 14 de decembro ás 18:30 h na Sala Moza do Colexio salesiano Divina Pastora de Lugo (entrada polo recanto da rúa Camiño Real)
Teatro na igrexa O Bo Pastor, Lugo
Moisés Mato presenta en Lugo o seu proxecto “Cartografía de la desobediencia”. Será o venres 14 de decembro ás 20h na Parroquia O Bo Pastor. A través do humor e a ironía, Moisés Mato vai mostrando aquelas desobediencias que só o son en aparencia e aqueloutras que buscan realmente a xustiza e o amor. Moisés Mato interpreta a 20 personaxes distintos, moitos deles exemplos da aplicación da non violencia.
Festival solidario e exposición en San Francisco Xavier
A igrexa de San Francisco Xavier acolle o sábado 15 de decembro ás 5 da tarde un Festival solidario. Sortearase unha cesta en beneficio de Cáritas Parroquial.
Ese mesmo día comeza unha exposición de artesanía no salón parroquial de San Francisco Xavier. Estará aberta ata o domingo 16 e organízaa o Centro ocupacional de San Vicente de Paúl.
De esqda. a dta: Francisco Prat, Ginés Plaza e Ramiro Martínez
Baixo o lema “A acción de Cáritas como encontro” o 12 de decembro ten lugar unha xornada de formación para os voluntarios de Cáritas Diocesana de Lugo. As intervencións son as seguintes:
Oración dirixida por Antón Negro Expósito, Delegado Episcopal de Cáritas Diocesana de Lugo.
Presentación da Xornada por Ginés Plaza Fernández, Director de Cáritas Diocesana de Lugo.
O Camiño do Voluntariado en Cáritas por Ramiro Martínez Carballosa. Presidente Cáritas Interparroquial Navia-Cervantes.
A Acción de Cáritas como Encontro por Francisco Prat, do Equipo de Desenvolvemento Institucional de Cáritas España.
Clausura a cargo da Secretaria Xeral de Cáritas Diocesana de Lugo, Mónica Yáñez Devesa.
Hai alguén que non busque a felicidade ou non queira vivir alegre? Todos buscamos vivir alegres e felices. O mesmo desexamos para todo o mundo, especialmente para os que están ao noso carón e para as persoas ás que queremos.
Buscamos a felicidade onde sexa e facemos todo o que está nas nosas mans para escapar da tristeza e vivir digna e alegremente.
Pero, algunha vez ocorréusenos buscar a alegría en Cristo? Acudimos a Deus para pedir saúde, traballo, etc. Repito a pregunta: pedímoslle a Xesucristo que nos faga persoas alegres? Dito doutro xeito: Cristo é a nosa alegría?
Quizais, se fracasamos en todos os intentos anteriores de buscar a alegría, agora poidamos tentalo en Cristo. Como dicimos moitas veces: por probar non imos perder nada.
Pois ben, neste camiño do Advento estamos a chegar ao domingo da alegría ou Gaudete. Chámase así porque o nacemento do Fillo de Deus xa está preto. Isto ten que provocar en nós unha alegría sen medida. Primeiro, porque un nacemento sempre é unha alegría. Segundo, porque é Deus o que nace. E terceiro, porque o Deus de Xesucristo vén salvar as nosas vidas da tristeza eterna.
“Neste tempo de Advento, a Palabra de Deus convídanos a esperar a vinda gloriosa do noso Salvador, cunha conduta santa e relixiosa, procurando vivir en paz con Deus, limpos e irreprensibles ante El”. (Bieito XVI. Ángelus 7 de decembro de 2008)
A palabra “alegría” é a que máis se vai a repetir na liturxia do terceiro domingo de Advento.
Así que, xa o sabemos: “Alegrádevos sempre no Señor; repítovolo, alegrádevos. O Señor está preto“ (Flp 4, 4-5).