Alegrádevos no Señor

Hai alguén que non busque a felicidade ou non queira vivir alegre? Todos buscamos vivir alegres e felices. O mesmo desexamos para todo o mundo, especialmente para os que están ao noso carón e para as persoas ás que queremos.

Buscamos a felicidade onde sexa e facemos todo o que está nas nosas mans para escapar da tristeza e vivir digna e alegremente.

Pero, algunha vez ocorréusenos buscar a alegría en Cristo? Acudimos a Deus para pedir saúde, traballo, etc. Repito a pregunta: pedímoslle a Xesucristo que nos faga persoas alegres? Dito doutro xeito: Cristo é a nosa alegría?

Quizais, se fracasamos en todos os intentos anteriores de buscar a alegría, agora poidamos tentalo en Cristo. Como dicimos moitas veces: por probar non imos perder nada.

Pois ben, neste camiño do Advento estamos a chegar ao domingo da alegría ou Gaudete. Chámase así porque o nacemento do Fillo de Deus xa está preto. Isto ten que provocar en nós unha alegría sen medida. Primeiro, porque un nacemento sempre é unha alegría. Segundo, porque é Deus o que nace. E terceiro, porque o Deus de Xesucristo vén salvar as nosas vidas da tristeza eterna.

“Neste tempo de Advento, a Palabra de Deus convídanos a esperar a vinda gloriosa do noso Salvador, cunha conduta santa e relixiosa, procurando vivir en paz con Deus, limpos e irreprensibles ante El”. (Bieito XVI. Ángelus 7 de decembro de 2008)

A palabra “alegría” é a que máis se vai a repetir na liturxia do terceiro domingo de Advento.

Así que, xa o sabemos: “Alegrádevos sempre no Señor; repítovolo, alegrádevos. O Señor está preto“ (Flp 4, 4-5).

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

Conferencia de Federico Fernández Buján sobre o proceso contra Xesús

O luns 12 de marzo ás 20h no salón de actos da Deputación Provincial o catedrático de Dereito Romano, Federico Fernández Buján, falou do “Proceso contra Xesús. Análise histórica, escriturística e xurídica”, comentando varias veces ao longo da súa intervención a figura de Pilato:

Os evanxelistas preocúpanse moito de situar a cronoloxía de Cristo e a Igrexa que é sabia, no credo fai recitar o nome dun personaxe histórico, que é Poncio Pilato. Repetímolo tanto de memoria que non nos preguntamos que fai Pilato no credo. Sobre a importancia de Pilato na época de Cristo hai que dicir que o alcalde do municipio máis perdido na xeografía máis perdida tería máis ou menos a mesma importancia no Imperio Romano que Pilato. Ou sexa que prácticamente é un ninguén. A Igrexa fainos dicir o seu nome porque para que un personaxe histórico sexa recoñecido como tal hai que situalo nunhas coordenas espacio-temporais. Se o credo dixese que Cristo padeceu e morreu baixo o poder de Tiberio, non quedaría ben situado no tempo. Isto é así porque Tiberio pasou como emperador romano máis anos que Pilato como procurador de Xudea. Tampouco se situaría a Cristo no espazo tan bem porque Tiberio gobernaba todo o mundo e Pilato un lugar máis concreto.

Pilato di que non é responsable do sangue deste xusto. Iso chámase prevaricación. Nunca un prevaricador di que é un prevaricador (que fai algo sabendo que non o ten que facer). Pilato, entre a súa conciencia e o poder, escolleu isto último. Temeu que se chegaba a Roma que non condenou a morte a alguén que se proclama rei (algo que iría contra o poder central) sería destituído. Unha consecuencia disto pode dicirse que o xuízo a Xesús foi o máis inicuo de todos cantos xuízos queda constancia na historia.

 O acto enmarcábase no ciclo de conferencias que nas semanas previas á Semana Santa organizan a Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo e a Delegación de Misións.

A %d blogueros les gusta esto: