Alegrádevos no Señor

Hai alguén que non busque a felicidade ou non queira vivir alegre? Todos buscamos vivir alegres e felices. O mesmo desexamos para todo o mundo, especialmente para os que están ao noso carón e para as persoas ás que queremos.

Buscamos a felicidade onde sexa e facemos todo o que está nas nosas mans para escapar da tristeza e vivir digna e alegremente.

Pero, algunha vez ocorréusenos buscar a alegría en Cristo? Acudimos a Deus para pedir saúde, traballo, etc. Repito a pregunta: pedímoslle a Xesucristo que nos faga persoas alegres? Dito doutro xeito: Cristo é a nosa alegría?

Quizais, se fracasamos en todos os intentos anteriores de buscar a alegría, agora poidamos tentalo en Cristo. Como dicimos moitas veces: por probar non imos perder nada.

Pois ben, neste camiño do Advento estamos a chegar ao domingo da alegría ou Gaudete. Chámase así porque o nacemento do Fillo de Deus xa está preto. Isto ten que provocar en nós unha alegría sen medida. Primeiro, porque un nacemento sempre é unha alegría. Segundo, porque é Deus o que nace. E terceiro, porque o Deus de Xesucristo vén salvar as nosas vidas da tristeza eterna.

“Neste tempo de Advento, a Palabra de Deus convídanos a esperar a vinda gloriosa do noso Salvador, cunha conduta santa e relixiosa, procurando vivir en paz con Deus, limpos e irreprensibles ante El”. (Bieito XVI. Ángelus 7 de decembro de 2008)

A palabra “alegría” é a que máis se vai a repetir na liturxia do terceiro domingo de Advento.

Así que, xa o sabemos: “Alegrádevos sempre no Señor; repítovolo, alegrádevos. O Señor está preto“ (Flp 4, 4-5).

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: