350 anos dunha gran festa

Marcos Calles

A cidade de Lugo, se por algo se caracteriza, ademais do seu profundo espírito traballador, é pola magnitude da celebración das súas festividades. Proba diso é a secular tradición das festas do patrón da cidade, San Froilán, que outubro tras outubro, reúnen a xente de toda España para gozalas. O século XXI non fixo senón referendar esta verdade, cun Arde Lucus que todos os meses de xuño atrae a miles de turistas desexosos de compartir ese espírito festivo, tan propio dos lucenses.

A chegada masiva de xente de fóra da cidade para celebrar festas ten, xunto coas de San Froilán, o seu punto de partida nas festas do Corpus Christi e, máis concretamente, o domingo posterior á festividade do Corpus, coa celebración da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento (sempre exposto na Capela Maior da Basílica de Lugo).

Un repaso aos principais festexos acontecidos ese día, ao longo do primeiro terzo do século XX, permítenos revivir esas primeiras exhibicións de avións, como a celebrada o domingo da Ofrenda, un 18 de xuño de 1911, na zona de Montirón, ante máis de 15.000 persoas, que foron testemuñas dun breve voo, de pouco máis dun minuto, que terminou co piloto, Benito Loygorri, estrelándose nos campos de centeo das aforas de Lugo, aínda que afortunadamente saíu con vida.

A Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento engloba, como poucas cerimonias, un carácter relixioso e civil. Este feito tivo os seus inicios o 1 de marzo de 1669, cando os sete representantes das capitais do Reino de Galicia, incluíron a condición da cerimonia, dentro do donativo de 30.000 ducados, para colocar catro luces máis diante do Santísimo. Ese domingo posterior ao Corpus foi, e segue sendo, un día onde a música alagaba as rúas, con bandas como a de Isabel a Católica, Municipal de Lugo ou Municipal de Ribadeo en 1914, ou a de Infantaría de Mariña, en 1912, ano no que os fogos artificiais asombraron aos lucenses co uso dunha traca de máis de 500 metros, ou 25 tipos distintos de pirotecnia, que precederon os fastuosos bailes que se celebraban ese domingo da Ofrenda, no salón do Casino, a partir das 11 da noite.

Na década dos anos vinte, Lugo foi testemuña de chegadas masivas de xente o domingo da Ofrenda. En 1923, a cidade engalanouse para recibir a miles de peregrinos chegados de Santiago de Compostela, Ferrol ou Betanzos. A chamada realizada polo sacerdote Alfredo Lorenzo López, callou tamén na provincia lucense, onde vilas como Sarria enviaron “máis de seiscentas persoas, que viñeron en tren especial e advertíase a presenza de moitas señoras das máis distinguidas daquela vila”. En 1924, os miles de peregrinos que chegaban a Lugo, son lembrados desfilando polas rúas cantando o Himno do Santo Cristo de Limpias, acompañados en todo momento por bandas municipais e orquestras de toda Galicia.

O vindeiro 30 de xuño a nosa cidade será testemuña, na súa Catedral, do 350 aniversario dunha cerimonia dun solemne carácter devocional cara ao Santísimo Sacramento, tan propio da identidade cristiá da Diocese de Lugo, pero que tamén engloba ao resto da cidade, como o demostran os festexos antes citados, e a interminable choiva de flores que acompaña, ano tras ano, a procesión posterior á Ofrenda polas milenarias rúas de Lugo, a Cidade do Sacramento.

Marcos G. Calles Lombao

Doutorando en Historia da Arte na U.S.C.

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: