Os días pequenos de outono e «o Sol que nace do alto»

Cada estación do ano ten a súa peculiaridade. Os días cada vez máis pequenos do outono condicionan o noso ánimo, que tamén ten algunhas consecuencias na forma de vivir e celebrar a fe e nas actividades das parroquias.

Por exemplo, en parroquias nas que hai bastantes funerais (na Fonsagrada desde novembro do 2020 xa van máis de 100), ás veces temos problemas para fixar a hora, porque ás 6 da tarde xa case é de noite. Ou a misa da tarde que a temos ás 7, para algunhas persoas maiores xa lles resulta un pouco difícil asistir, porque xa saímos totalmente de noite e fai frío e moitas veces chove abondo.

Persoalmente non levo ben tanta escuridade, gústanme os días grandes e a luz do sol. Non en balde, os cristiáns guiámonos polo «Sol que nace do alto», Xesucristo que venceu á morte na escuridade do sepulcro e apareceuse resucitado e luminoso ao clarexar do primeiro día da semana.

Non estamos feitos para a morte e a escuridade. Estamos chamados á vida, e a unha vida iluminada en todos os seus actos e momentos por Xesucristo.

Aínda así, «a noite é tempo de salvación», como di un dos himnos da Liturxia das Horas. O tempo de outono e inverno tamén ten as súas oportunidades para crecer na vida de fe. A sobriedade e o silencio dos días curtos e as noites grandes son tamén unha ocasión para profundar no coñecemento de Xesucristo e a súa Igrexa. Temos por diante un tempo «escuro» pero que afrontamos coa certeza da gran luz da Pascua e que comezaremos a albiscar co nacemento de Xesucristo no Nadal.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Artículo original]

Apertura do Curso Académico nos centros educativos con sede no Seminario

O venres 15 de outubro celébrase a apertura do curso académico 2021-2022 de todos os centros de ensinanza que teñen a súa sede no Seminario Diocesano, o que inclúe tamén nesta apertura de curso ao Colexio Diocesano San Lorenzo, ao Instituto Teolóxico Lucense e á extensión de Lugo do Instituto Superior de Ciencias Relixiosas (Universidade San Dámaso).

O programa é o seguinte:

  • 17:30 h na Capela Maior do Seminario

        Eucaristía presidida por Mons. Alfonso Carrasco

  • 18:30 h no patio exterior

         Memoria do Curso 2020-21; intervencións; apertura oficial do Curso

  • 19 h no patio exterior

         Aperitivo e brindis polo novo Curso

A perfección do home

Un ser é perfecto se posúe todas as calidades esixidas pola súa natureza.

As facultades específicas da persoa humana son a intelixencia e a vontade. Cantos máis coñecementos posúe o seu entendemento, máis rica é a súa intelixencia, e canto máis correcto é o seu comportamento, máis rica é a súa conduta. Nisto consiste a perfección humana, segundo Aristóteles. Se, ademais, vive en plena comuñón con Deus, a nivel de criterios, de sentimentos e de comportamentos, a súa perfección alcanza un alto nivel cristián, ao dicir de San Tomé.

Deus quere a nosa perfección, porque El mesmo é perfecto, e o home está chamado a ser a súa imaxe. A chamada positiva do home á perfección non se funda na natureza humana. Sería unha perfección meramente terreal: ollo por ollo e dente por dente. A perfección cristiá ten como referencia o ser de Deus e o seu xeito de actuar. El é bo cos bos, e é misericordioso cos pecadores. Que un pai dea a vida por un fillo, compréndese, pero que a dea por un inimigo, iso é cousa de Deus. É unha graza que o Señor, concede ao crente. Hai aquí un salto cualitativo entre o comportamento humano e o comportamento cristián. A perfección cristiá é un crecer até a forma do proceder de Xesús, que deu a vida polos xustos e polos pecadores; polos seus amigos e polos seus perseguidores.

A teoloxía espiritual distingue tres niveis no curso da perfección cristiá:

a) Cumprir o prescrito polo Señor: a súa lei, os seus mandamentos. É unha perfección humana.

b) Imitar a Xesucristo, tal cal se nos mostra no Evanxeo. É a encarnación do Pai no proceder de Xesucristo.

c) Acoller os desexos do Señor, aceptando a invitación a seguilo na vida consagrada, é superar a obrigatoriedade pola xenerosidade.

Todo isto constitúe os niveis da perfección cristiá. Pero aínda cabe distinguir outra gradación que enriquece a espiritualidade. O dito até aquí, refírese preferentemente ao por que se cumpre a vontade de Deus. Agora trátase de perfeccionar o modo de facer o que se fai. A este nivel, o primeiro grao consiste en observar a lei porque así o ordenou o Señor. O segundo grao consiste en imitar a Xesús, para parecernos a El, que nos di “Aprendede de min, que son manso e humilde”. E o terceiro nivel consiste em seguir a súa chamada para compracelo, colaborando con El, na construción do Reino.

Certo que este labor supera as nosas posibilidades, pero o Señor, que nos convida a seguirlle, tamén se compromete a acompañarnos, e co seu compromiso, tamén o noso compromiso é realizable.

A perfección cristiá non é unha utopía: é un labor, ao cal todos estamos chamados.

Adiante! Pois nunca é tarde.

Indalecio Gómez, cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: