A “fama” da Pascua custa a “suor” da Coresma

Non están de moda os sacrificios, nin os recortes, nin apertarse o cinto, a non ser por motivos estéticos. Falar de restriccións, austeridade, esforzo non é popular. Pero a realidade é distinta. Independentemente das políticas económicas dun país e do sentir xeral da poboación, cada un dispón dos seus trucos para chegar a ter e ser algo na vida. E todos sabemos que para poder celebrar un día de festa antes hai que pasar pola dureza da preparación dese evento. Ademais, celébrase algo cando é orixinal, único, non habitual; e aínda se celebra máis cando se pasou un longo periodo de tempo de penuria ou escaseza, sexa do tipo que sexa.

O exemplo é moito máis concreto se imos ao mundo do deporte. Aquí o esforzo, a suor e o sacrificio son ineludibles e ben visibles. Os da “xeración EXB” seguro que lembrarán a serie de TV “Fama”. Cada episodio comezaba cunhas palabras de Lydia, a profesora de baile, que resumían a filosofía que alimentaba as tramas e que se fixeron moi populares no seu momento: “Buscades a fama, pero a fama custa e aquí é onde ides empezar a pagar. Con suor”.

Confeso que lembro moitas veces isto: a “fama” custa e hai que suar. No caso da vida cristiá pasa algo parecido. A “fama” da Pascua cústanos a “suor” da Coresma. A Coresma é tempo de preparación e, xa que logo, de sacrificio. Pídesenos un adestramento especial: máis oración, máis esmola, máis xaxún. A meta é a celebración da Pascua de Xesucristo, o paso da morte á vida, que nos procure a todos unha vida nova. A vitoria definitiva sobre a morte merece todos os sacrificios e tamén todas as celebracións das que sexamos capaces.

Comezabamos este tempo de adestramento coa imposición da cinza. É un símbolo que fala por si só e non necesita explicacións. Ademais, actualmente, todos estamos familiarizados coa incineración dos defuntos, polo que vemos claramente no que nos convertemos a non ser que “alguén” faga algo.

O único mediador para que a nosa vida non quede reducida a cinzas é Xesucristo. El carga sobre os seus ombreiros coa cruz dos nosos pecados e miserias e lévanos á pousada do Pai para reparar a nosa natureza caída e facer que rexurda das cinzas unha vida nova e eterna. Este novo modo de vivir, o do Reino de Deus, foi inaugurado aquí na terra e xa empezamos a gozar dos seus beneficios porque no Fillo herdamos todos. (Cf. Rm 8,17) En Cristo fomos salvados e con San Paulo podemos dicir: “agora a salvación está máis preto de nós que cando abrazamos a fe” (Rom 13, 11)

A “suor” da Coresma vai ter a súa recompensa. Asegúrovolo. Non vos desanimedes.

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: