A quen queres máis: a papá ou a mamá?

Estamos demasiado afeitos aos dualismos e a ter que escoller entre dúas opcións: A quen queres máis, a papá ou a mamá?. Esta é a pregunta típica que lles facemos aos nenos sen saber o dano que podemos provocar na súa inocencia e bondade. O normal é que contesten que queren aos dous. Pero nós, non satisfeitos, volvemos insistir.

No Evanxeo do próximo domingo tamén se nos suscita unha cuestión, que, a primeira vista, parece que tamén adoece de dualismo: “Quen dos dous cumpriu a vontade do seu pai?” Neste caso a resposta é clara. A vontade cumpriuna o que “fixo” non o que “dixo”. Xa saben iso de que “obras son amores e non boas razóns”.

Neste texto evanxélico van ser moitos os que atopen unha xustificación para a súa forma de pensar e o seu estilo de vida, precisamente por ese dualismo do que falaba ao principio. Non vai faltar quen diga que non fai falta rezar (dicir), nin ir a Misa para facer obras boas. Tampouco vai faltar quen diga que os que intentamos rezar e imos a Misa somos os peores porque “dicimos” moito, pero facemos pouco ou nada. Se cadra non lles falta razón, pero tampouco ten por que ser así. Non todo ten que ser dualismo. Precisamente para os cristiáns isto é un reto: que as nosas obras se correspondan coas nosas palabras. As dúas cousas son posibles. Non é necesario escoller nin pelexarnos porque só unha sexa a importante. Non, as dúas son importantes, ¡como non vai ser importante a coherencia!. Pero… por que imos ter que escoller só unha cousa cando podemos escoller as dúas?

Xa que hoxe imos de ditos e refráns sigo con outro máis: Non se pode repicar e andar na procesión. É certo. Hai cousas incompatibles, pero outras non o son. Nós, os cristiáns temos a sorte de poder e deber loar a Deus (rezar, falar con Deus, dicir) e facer o ben e a vontade de Deus ao mesmo tempo. Con outras palabras repetíronnos isto mesmo os Papas Xoán Pablo II e Bieito XVI: “Non teñades medo de Cristo! El non quita nada, e dáo todo”.

Miguel Ángel Álvarez

Tomado da revista dixital Falando Baixiño, nº 159

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: