Moita oración e reiniciar o sistema

Comezo contando algo que me pasa con bastante frecuencia. Moita xente acode a min, non só para auxilio espiritual, senón tamén por problemas informáticos e telefónicos, por chamalos dalgún xeito.

Xa saben: “como se fai tal cousa?”, “non me funciona isto”, “apareceume isto aquí”. Habitualmente son cousas moi sinxelas de arranxar e fágoo sen maior problema. Por iso, cando me preguntan como o fixen, respondo de forma irónica dicindo que hai cousas que só saen con moita oración. Pero o único que fago é apagar e volver acender, ou dito doutra forma, “reiniciar ou resetear”. Se a cousa é moi grave, a intervención ten que ser máis agresiva e hai que restaurar o sistema, volvéndoo aos valores de fábrica. Outras veces hai que formatear ou poñer un disco duro novo ademais de ampliar memoria. É frecuente que os equipos se volvan lentos por virus ou por acumulación de arquivos e aplicacións de todo tipo que non serven para nada. Xa, no peor dos casos, non queda outra alternativa que comprar un equipo novo porque o que tiñamos quedou obsoleto e non cumpre coas esixencias actuais.

Non son experto nin técnico nin científico, pero é fácil pensar que os móbiles, que non se apagan nunca, acaban saturados e fallando. Ata as máquinas necesitan un pequeno descanso ou desconexión para empezar de novo e funcionar correctamente. Trátase de que o sistema poña as cousas no seu sitio.

Outras veces as máquinas acenden mal e prodúcese un fallo no proceso de arranque. Cando isto pasa, a única opción é empezar de novo para facer o proceso completo sen saltarse ningún paso.

Pois se así ocorre coas máquinas que só fan unha cousa e sempre do mesmo xeito, e non teñen sentimentos e alma, pensen agora canto máis as persoas.

Opino que isto mesmo tamén serve para a Igrexa e todos os que a formamos. Todos necesitamos rezar máis, moita oración, e nunca mellor dito, tamén reiniciar o sistema ou restauralo por completo para poñer en marcha con forza a Nova Evanxelización.

Na vida de moitos cristiáns e da Igrexa hai moitas cousas que non funcionan: imos a remolque e cansos, sáltanse pasos no proceso de iniciación, ou non damos os correctos.

Non podemos volver á idade de 5 anos, pero si podemos nacer de novo, como lle dixo Xesús a Nicodemo. Necesitamos retiros, momentos de oración (moita oración), exercicios espirituais para facer un alto no camiño cotián e restaurar os nosos sistemas para comezar de novo e atoparnos de verdade con Xesucristo. Cantas veces para arranxar unha casa en ruínas hai que tirar todo e facela de novo?

Non é nada distinto ao que fixo Xesucristo: “Destruíde este Templo e en tres días levantareino […] Pero El referíase ao Templo do seu corpo” (Xn 2, 19-ss). Morrer ao home vello e resucitar ao home novo.

Esta tarefa pódenos asustar un pouco por medo a perder o que xa temos (case tanto como perder os contactos do móbil). Pero se non o facemos, corremos o perigo de que a casa termine sendo unha chea de lixo cuberto de silveiras.

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: