A vida consagrada: parábola e profecía

Consuelo Martínez
Consuelo Martínez García

1. XESÚS DE NAZARET. PARÁBOLA DO PAI.

Podemos imaxinarnos a Xesús percorrendo os pobos e cidades; contemplando os campos, descansando a beira do mar de Tiberiades, camiñando cos seus amigos ou subindo á montaña, para pasar a noite en oración. Sobre todo podémolo imaxinar “contemplando”. Na súa mente e no seu corazón, debuxaríanse tantas situacións da súa contorna, do seu ambiente, dos seus paisanos, do seu traballo…

  • Vería aquela figueira que se resistía a dar froito, aínda que era moi fecunda en follas…
  • Os viñedos cargados de acios en sazón…
  • O sementador que madruga para esparexer a mans cheas, o mellor da súa semente…
  • O xornaleiro que contrata obreiros para a súa leira, a distintas horas do día…
  • Aquel personaxe que, baixando de Xerusalén a Xericó, é asaltado polos ladróns
  • Con agarimo e tenrura pensaría naquel fillo menor, que pide ao seu pai a parte da súa herdanza, para vivir lonxe del, pero… libre?.

En fin, todas aquelas situacións, que vivían os seus paisanos día a día. Apiñábanse nel: a vida do seu pobo, as preocupacións cotiás, a cultura do seu tempo, a enfermidade, a morte, os leprosos exiliados, os paralíticos. Interiorizaba as situacións con detalle, con agarimo, con tenrura. A contemplación enchía os seus ollos daquela realidade e os seus beizos expresábana con relatos saídos do corazón. As PARÁBOLAS. Saían dos seus labios de forma sinxela, entendíanas ata os máis pequenos. As súas PARÁBOLAS, chegaban ás multitudes, aos grupos pequenos, ao seu grupo de amigos, ao leproso, ao paralítico, a todos.

As PARÁBOLAS de Xesús, son relatos sinxelos, extraídos da realidade do seu tempo: relatos sinxelos que provocan preguntas profundas. Lembramos algunhas daquelas preguntas:

  • Pero non é este o fillo do carpinteiro?

  • Quen é este que ata perdoa os pecados?

  • De onde lle vén tanta sabedoría?

  • Como se atreve a curar en sábado?

  • Por que come con publicanos e pecadores?

Pero os seus relatos, as súas parábolas eran cribles. E é que a parábola non é máis que unha sinxela metáfora agradable aos oídos, que esperta gran interese en quen a escoita. As parábolas de Xesús eran creíbles. Porque a credibilidade dun relato, non reside no mesmo relato, senón en quen o proclama. Xesús era crible. A súa vida, era crible. Xesús de Nazaret, falaba, como “quen ten autoridade”…

Xesús é A PARABOLA DO PAI: “Eu non vin a este mundo para facer a miña vontade, senón a vontade do que me enviou…o meu Pai”

2. Os CONSAGRADOS. COMUNIDADES PARÁBOLA

A todos nós, relixiosos, relixiosas, consagrados, as parábolas de Xesús, encántannos, escoitámolas con gusto, comentámolas, reflexionamos, facemos con elas, a lectio divina, pero suscitáronnos preguntas como estas:

  • Como andas ti, consagrado, consagrada, nisto de SER PARÁBOLA, para os demais?

  • A nosa vida, a nosa experiencia de Deus, é unha parábola, para os que nos rodean?

  • A vida dos consagrados, é unha parábola como a vida de Xesús?

  • As nosas comunidades, son unha parábola crible? Suscita preguntas, interróganos?

  • Os que se achegan ás nosas comunidades, perciben a nosa vida como unha parábola de hoxe?

Moitas parábolas de Xesús, comezan coa frase: O reino dos ceos parécese… Quero facer mención daquela que empezou dicindo: O reino dos ceos, parécese a un tesouro escondido nun campo (Mat. 13. 44-46). Esta parábola, pode provocar en nós relixiosos, relixiosas, polo menos unha sinxela reflexión: O noso tesouro, o tesouro da nosa vocación de consagrados:

Sacámolo á luz para que brille máis, para que a xente o vexao, o toqueo, o palpe? actualizámolo, con palabras e xestos, na linguaxe de hoxe, para que sexa unha parábola crible? A vida consagrada, é unha experiencia de impacto. Que as nosas comunidades, sexan hoxe, parábola lexible, para que, quen nos vexa, quede impactado.

3. COMUNIDADES PROFECÍA

Se pensamos nos profetas do Antigo Testamento, descubrimos que a súa principal característica é a escoita da palabra que vén de Deus. Esta escoita, obriga, compromete ao profeta de tal xeito, que ten que transmitir a mensaxe, con frecuencia moi a pesar seu. O profeta, é o voceiro de Deus. O profeta, non improvisa, non copia, non repite. O PROFETA, ESCOITA. Esta escoita da palabra oída, conleva necesariamente, a proclamación da mesma, que sempre busca unha acción transformadora da historia, da vida, do grupo, da persoa. O testemuño profético é comunicar, transmitir, como por ósmose, a experiencia de Deus.

E os profetas de hoxe?

Moitos lembraredes a canción de fai moitos anos, que na voz de R. Cantalapiedra, empezaba preguntando Onde están os profetas?

Profundando un pouco na figura do profeta. Un profeta é aquel que experimenta a Deus tan próximo, que lle pode rumorear ao oído, non lle fai falta berrar. É aquel ou aquela, que sempre ten os ollos fixos naquel que lle fala. É como o criado fiel, que está atento ás mans do seu señor, para interpretar o menor xesto e servirlle naquilo que lle pide. Ser profeta, é descubrir a Deus no hoxe, escoitalo, recoller a súa mensaxe e transmitila.

A vida relixiosa, a vida consagrada, ten vocación de PROFECÍA que a impulsa a transmitir e testemuñar a presenza de Deus na Historia con maiúsculas e na historia de cada persoa.

Todos os nosos fundadores, foron profetas no seu tempo. Comunicáronnos a súa profunda experiencia de Deus. Eles viviron, pasaron. Nós vivimos, seguimos. Seremos capaces de continuar a Profecía? Hai profetas na túa comunidade, na miña comunidade, en todas as nosas comunidades? Que profecía queremos transmitir hoxe? Onde están hoxe os profetas?

É certo: Ser profeta hoxe, ten as súas dificultades, tamén as tiveron os profetas doutros tempos. Recordades ao Profeta Elías? Estaba escondido na súa cova, con medo, con dúbidas, con soño, pero a brisa convocouno á Vida, a saír da súa cova, a deixar os seus medos, para sentir na súa cara, a luz cegadora de Deus que pasaba. E Deus segue pasando, Deus pasa sempre. Desde aquela brisa de Pentecoste que soprou como un vento recio, xa nada é igual. Todo cambiou.

Ser profeta hoxe, é sementar camiños de esperanza, nunha sociedade, que a perdeu. As nosas comunidades, están convocadas a ser PROFECÍA. O carácter profético da nosa forma de vida, é un xeito de participar na función profética de Cristo. Estamos chamados a ser profetas, non cunha voz persoal, e individual, senón desde a vida das nosas comunidades, das nosas congregacións, desde toda a VIDA CONSAGRADA.

Seremos profetas en sintonía con Xesús de Nazaret, se como El, somos capaces de anunciar coa nosa vida, que: os cegos de hoxe, ven. Os paralíticos de hoxe, poden deixar as súas muletas. Os excluídos nos extramuros, son acollidos. As mulleres, son tidas en conta. Os mortos na fe e na esperanza, recobran a vida. Aos pobres anúnciaselles un tempo de graza para sempre.

Quen di que non podemos ser os PROFETAS DE HOXE?

Consuelo Martínez García. Salesiana. Filla de María Auxiliadora

1 comentario en “A vida consagrada: parábola e profecía

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: