Non hai mal que por ben non veña

Aqui profesamos este misterio de fe

Froito dun san optimismo dicimos moitas veces que “non hai mal que por ben non veña”. Si, é así. Moitas veces aquilo que é malo ata pode traer algo bo.
Todo isto pola peculiar Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento que se celebrou en Lugo o domingo pasado. Como moitos sabedes, este ano tocáballe ao Concello de Santiago facer a Ofrenda en nome das sete antigas provincias do Reino de Galicia (Santiago, A Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Lugo, Ourense e Tui). Pero o seu novo alcalde, apelando a unha mala concepción da laicidade das institucións públicas, rexeitou presentar a Ofrenda.
Debemos respectar a fe ou a ausencia dela de cada persoa e, polo mesmo, entendo que non ten ningún sentido que un ateo se poña a simular unha oración ante quen non existe para el. Por iso, ao meu xuízo, neste caso concreto, o ideal é que o alcalde de Santiago delegase a presentación da Ofrenda nalguén da súa Corporación que profesase a fe católica.
A parte boa de todo isto, onde está?. Grazas á polémica creada, moitos lucenses e galegos tivemos ocasión de lembrar a importancia das nosas tradicións e redescubrir o valor da fe e da Eucaristía. Quizais estabamos algo adormecidos e esta revolución serviu para espertarnos.
Unha campaña nas redes sociais e internet, sen precedentes na Diocese de Lugo, axudounos a ver a importancia de estar unidos tamén para estas cousas.
Á marxe das polémicas, os últimos 15 días foron moi intensos na vida eclesial da cidade. O Corpus, as múltiples actividades do Centro Eucarístico Lucense, a Oitava do Corpus e a mencionada Ofrenda de Galicia. Dúas semanas de graza que o Señor regalounos para a reflexión, a oración, a música, a teoloxía, a liturxia, a poesía, a fotografía, en definitiva, para honrar a Cristo-Eucaristía que na Catedral de Lugo recibe culto dun modo singular desde tempo inmemorial.

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: