A hora dos laicos

Afronto este tema desde a normativa e a ensinanza da Igrexa, non desde opinións persoais. Todo sociólogo sabe que todo grupo humano ten normas de comportamento explícitas ou implícitas. Eu son dos que as prefiren escritas, explícitas, porque así todos poden remitirse directamente a elas. Unha asociación cultural ou deportiva ten estatutos e regulamento de réxime interno. Así na Igrexa tamén existen normas que se recollen no Código de Dereito Canónico, que no nº 215 afirma:

Os fieis teñen dereito a fundar e dirixir libremente asociacións para fins de caridade ou piedade, ou para fomentar a vocación cristiá no mundo; e tamén para reunirse para procurar en común eses mesmos fins”. Isto é de gran importancia para os laicos e a eles correspóndelles practicalo con responsabilidade e autonomía.

En 1991 a Conferencia Episcopal Española publicou o documento Os Cristiáns laicos, Igrexa no Mundo (C.L.I.M.) e de aí quero resaltar esta afirmación:

Polo Bautismo os laicos son feitos fillos de Deus, membros de Cristo e do seu corpo que é a Igrexa; son consagrados coma templos do Espírito e participan da mesma misión de Xesucristo. Ao seu modo participan da triple función de Cristo, profética, sacerdotal e real, o que subliña a súa condición eclesial, a súa pertenza á Igrexa. Por iso, a “enteira Igrexa”, e cada unha das nosas Igrexas particulares non está plenamente constituída se, xunto aos bispos, sacerdotes e relixiosos, non existe un laicado adulto e corresponsable”. (nº 24)

Ante esta afirmación tan clara podemos preguntarnos: Está así constituída a nosa Igrexa? Hai ese laicado adulto e corresponsable? Queremos realmente que o haxa?

Convén recordar que na Conferencia Episcopal non se aproba e fai público ningún documento se non ten polo menos dous terzos de votos afirmativos dos seus membros. Por iso todo documento publicado ten o respaldo entre o 67 % e o 100 % dos bispos: unha clara maioría ou, no mellor dos casos, a unanimidade ou case unanimidade. Normalmente estase no segundo caso.

Pero é que ademais o documento remata cunha conclusión que a máis de un pode sorprender. Calquera pode comprobar que conclúe coas seguintes palabras: “A nova evanxelización farase, sobre todo, polos laicos, ou non se fará”. (nº 148).

Dito doutra maneira, se o peso e estilo de evanxelización non o levan os laicos nas nosas comunidades, non se está evanxelizando esta xeración. Ou, acaso non di iso o texto? Se revisamos a nosa situación ante esas afirmacións vemos que estamos moi lonxe do que a Conferencia Episcopal proclama. Quen subscribe de feito que a nova evanxelización farase polos laicos ou non se fará? Máis ben seguimos pensando que a evanxelización é cousa de bispos, cregos, relixiosos e monxas.

Ninguén a principios do século XX imaxinaba que na Igrexa española se puidese escribir o que se escribe a finais do século no C.L.I.M. en 1991. Mesmo hoxe nos resulta sorprendente a rotundidade das afirmacións que fan os bispos do noso país. Isto só ten a explicación se se cre que o Espírito Santo guía á Igrexa no seu maxisterio, aínda que logo moitos non lle fagamos caso na nosa vida cotiá.

Pero se miramos á Igrexa Católica no mundo temos datos que confirman este protagonismo dos laicos na evanxelización, pois en 1999 había 80.662 misioneiros laicos, 172.331 no 2003 e 368.520 no 2016, un incremento de 287.858 en 17 anos. En catequistas pásase de 2.449.659 en 1999 a 3.264.768 en 2016, cunha subida de 815.109.

No mesmo código de Dereito Canónico afírmase no nº  517.2:

Se, pola escasez de sacerdotes, o Bispo diocesano considera que ha de encomendarse unha participación no exercicio da cura pastoral da parroquia a un diácono ou a outra persoa que non ten o carácter sacerdotal, ou a unha comunidade, designará a un sacerdote que, dotado das potestades propias do párroco, dirixa a actividade pastoral”.  Non son experto en dereito pero, non significa iso que un home ou muller laicos poden rexer unha parroquia? Creo que así hai que entendelo, sabendo que non poden exercer o ministerio do perdón, da Eucaristía… propios do ministerio sacerdotal.

Por iso penso que o que corresponde é aceptar estas ensinanzas e vivir conforme a elas. Que todos asumamos a corresponsabilidade que nos corresponda, e que non nos escudemos detrás dos fallos dos outros!

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Santos da porta do lado

O papa Francisco acaba de publicar o seu último documento. Trátase da exhortación apostólica Gaudete et exsultate (Alegrádevos e reloucade), que trata, como di o subtítulo, sobre a chamada á santidade no mundo actual.

É sabido que os documentos pontificios titúlanse coas dúas ou tres primeiras palabras do texto. Neste caso, trátase dunha cita do Evanxeo de Mateo (5, 12).

Nestas palabras iniciais, xunto co subtítulo xa mencionado, temos a clave de todo o documento: unha vez máis o papa Francisco fainos unha proposta de vivir a fe con alegría, invítanos a buscar a santidade, sen medo e como algo normal e lóxico por parte dos que seguimos a Xesucristo, o absolutamente santo.

Gaudete et exsultate está na liña das anteriores exhortacións do papa Francisco. Vemos como, outra vez, aparece no título a palabra “alegría”, do mesmo xeito que en Evangelii gaudium (A alegría do Evanxeo) e Amoris laetitia (A alegría do amor).

Aínda que, neste caso, a exhortación non é postsinodal, senón simplemente “para facer resoar unha vez máis o chamado á santidade, procurando encarnalo no contexto actual, cos seus riscos, desafíos e oportunidades. Porque a cada un de nós o Señor elixiunos «para que fósemos santos e irreprochables ante el polo amor» (Ef 1,4)” (Nº 2).

No texto poderemos atopar algunhas das expresións propias da linguaxe bergogliana. A unha delas xa nos ten moi habituado, pois con frecuencia recórdanos que Deus sempre nos “primerea2, isto é, que Deus sae ao noso encontro moito antes de nós busquémolo a el. Deus sempre toma a iniciativa.

Pero nesta ocasión quería fixarme noutra expresión que tamén é clave neste documento, “santos da porta do lado”, que foi a que escollín para o título deste artigo.

Cando pensamos na santidade, sempre consideramos que é algo reservado para persoas con capacidades especiais e non para o común dos mortais. Hai xente que pensa que isto da santidade é só para os curas e as monxas. E outros cren que para ser santos hai que ser pouco menos que ermitáns e estar todo o día dentro dunha capela rezando painosos e avemarías.

Pois non, non é así: a Gaudete et exsultate vainos aclarar que as cousas non son así e que o santo pode estar moi preto de nós.

A chamada á santidade é para todos, non é necesario facer nada especial nin tampouco nos fai ser uns bichos estraños. Aínda que pareza un trabalinguas, o único que se nos pide é facer ben o que temos que facer en cada momento. O Papa dio coas seguintes palabras:

“Gústame ver a santidade no pobo de Deus paciente: aos pais que crían con tanto amor aos seus fillos, neses homes e mulleres que traballan para levar o pan á súa casa, nos enfermos, nas relixiosas anciás que seguen sorrindo. […]. Esa é moitas veces a santidade «da porta do lado», daqueles que viven preto de nós e son un reflexo da presenza de Deus”. (Nº 7)

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

Texto orixinal

Concertos solidarios

Concerto solidario de Mans Unidas

O domingo 6 de maio o Círculo das Artes de Lugo acolle o Concerto Solidario que organiza Mans Unidas. A partir das 20h actuarán:

– Escola Municipal de Música de Lugo, dirixida por Carlos Méndez Castro

– Nacho Samena, mago

– Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Manuel Fernández Mosquera

Gala Solidaria en Melide

A Gala Solidaria será no Palacio de Congresos e Exposicións o venres 4 de maio e dende ás 16h haberá persoal para a recollida de alimentos

A Asociación da Hostalería Melide Móvese organiza por quinto ano consecutivo unha nova edición da Gala Solidaria na vila. No acto de presentación no Salón de Plenos do Concello de Melide estiveron presentes membros de Cáritas Parroquial de Melide, Dolores Rodríguez e Amparo Taboada.

O Combo Dominicano será a orquestra encargada de presentar a súa xira 2018 con moitas sorpresas xunto coa orquestra Garibaldi.

Dende Cáritas Parroquial din sentirse orgullosos de que en Melide se poñan en marcha iniciativas deste tipo, non só agora coa gala solidaria senón que son moitas as accións que se levan ao longo do ano para axudar a facerlles máis fácil a vida aos máis necesitados. “todos os alimentos serán aceptados, pero é preferible que sexan alimentos non perecedoiros como aceite, pasta, arroz ou azucre. Tamén se necesita leite ou alimentación infantil xa que nos últimos tempos é moi necesario para as familias de Melide e supón un gasto importante para as persoas con poucos recursos”.

O ano pasado, esta Gala Solidaria en Melide foi quen de recaudar 13 toneladas de alimentos e de reunir a máis de 3.000 persoas.

Creo no Deus de Xesucristo?

No primeiro mes de ano toca facer as contas das parroquias. Se ao comprobalas falta aínda que só sexa un céntimo, hai que revisar todo ata que apareza. Tampouco é que pasase nada porque falte un céntimo ou uns poucos euros, pero é que están nalgún sitio e hai que atopalos, para que as contas estean como teñen que estar e todo estea perfectamente xustificado. Ademais, se os números que figuran nos papeis non coinciden coa realidade, estamos falseando as cousas e os primeiros enganados seremos nós mesmos.

Ninguén quere cometer erros, todos queremos facer as cousas dun modo perfecto. E no caso de que non quede máis remedio que xogar con pezas defectuosas, queremos coñecer onde están os fallos para compensalos doutro xeito e minimizar as consecuencias. Poño un exemplo: se son consciente de que as rodas do meu coche non están en bo estado, sei que teño que extremar as precaucións ao máximo e reducir a velocidade para evitar un accidente, pois o coche non vai ser tan seguro nesas circunstancias.

Creo que así funcionamos todos, mais ou menos, excepto aqueles que se gañan a vida enganando aos demais. Pero tamén estes quéreno facer dun modo “perfecto” para non ser descubertos.

Pero buscamos esta mesma perfección nas cousas da fe?, cremos calquera cousa ou de calquera xeito? Cando algo non nos gusta ou  molesta, prescindimos dela e facemos unha relixión á nosa medida?

Dito doutro xeito, creo que Xesucristo é Deus? ou fago como o que contan daquel cura que “cría en todo o que hai que crer e dubidaba todo o que había que dubidar”?

Para ser cristián dun modo auténtico temos que saber e crer que Xesucristo é Deus. Pero isto non o conseguiremos por encantamento ou facendo un Cristo á nosa medida. Como dixo o papa Benedicto: “Non se comeza a ser cristián por unha decisión ética ou unha gran idea, senón polo encontro cun acontecemento, cunha Persoa, que dá un novo horizonte á vida e, con iso, unha orientación decisiva” (Deus caritas est, n. 1).

Creo que todos sabemos o que é atoparnos cunha persoa. As cousas podemos facelas á nosa medida, adaptalas, modificalas, ou desbotar delas o que non nos gusta. Pero non podemos facer todo isto coas persoas. As persoas son atopadas, aceptadas, queridas e isto é unha tarefa persoal de cada un. Non serven os intermediarios. Creo que o mesmo serve para o noso encontro con Xesucristo e a nosa relación con el.

Por outra banda, facer un Deus á nosa medida só serve para enganarnos e caer unha vez máis no mito de Narciso. O resultado dun deus feito á miña medida son eu mesmo e, por moitas calidades que teña, vou seguir sendo caduco, limitado, pequeno. Podo crerme como me dea a gaña, pero a realidade é a que é.

Se desposúo a Xesucristo da súa divinidade, o Evanxeo queda reducido a un conxunto de chíos sen valor. Se Xesucristo non é Deus, as súas palabras son as dun visionario que promete o que non pode dar, porque as súas palabras son sempre de “vida eterna” e, ata a data, non atopei unha persoa neste mundo que poida prometer a vida eterna a ninguén.

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Texto orixinal]

Taller de informática básica para a procura de emprego organizado por Cáritas

O obxectivo deste Taller de informática básica para a procura de emprego que organiza Cáritas Lugo é dotar aos participantes de coñecementos básicos do uso do ordenador e como utilizar Internet na procura de emprego.

O curso está divido en 4 bloques de contidos:

1. Técnicas de procura de emprego.

2. WINDOWS. Word e Internet.

3. Igualdade de oportunidades.

4. Fomento do coidado e do respecto do medioambiente.

O taller durará 30 horas, comezando o 23 de abril de 2018 e concluíndo o 7 de maio no Centro de Servizos de Cáritas Diocesana de Lugo da avenida das Américas, 93-97 polas mañás, de 10h. a 13h

O taller está destinado a persoas en situación de desemprego, mulleres en situación de vulnerabilidade, ou exclusión, inmigrantes, xente nova proveniente do fracaso escolar. Deberán estar previamente dadas de alta no Programa de Emprego de Cáritas Diocesana de Lugo, (Rúa da Cruz, 1).

A %d blogueros les gusta esto: