A hora dos laicos

Afronto este tema desde a normativa e a ensinanza da Igrexa, non desde opinións persoais. Todo sociólogo sabe que todo grupo humano ten normas de comportamento explícitas ou implícitas. Eu son dos que as prefiren escritas, explícitas, porque así todos poden remitirse directamente a elas. Unha asociación cultural ou deportiva ten estatutos e regulamento de réxime interno. Así na Igrexa tamén existen normas que se recollen no Código de Dereito Canónico, que no nº 215 afirma:

Os fieis teñen dereito a fundar e dirixir libremente asociacións para fins de caridade ou piedade, ou para fomentar a vocación cristiá no mundo; e tamén para reunirse para procurar en común eses mesmos fins”. Isto é de gran importancia para os laicos e a eles correspóndelles practicalo con responsabilidade e autonomía.

En 1991 a Conferencia Episcopal Española publicou o documento Os Cristiáns laicos, Igrexa no Mundo (C.L.I.M.) e de aí quero resaltar esta afirmación:

Polo Bautismo os laicos son feitos fillos de Deus, membros de Cristo e do seu corpo que é a Igrexa; son consagrados coma templos do Espírito e participan da mesma misión de Xesucristo. Ao seu modo participan da triple función de Cristo, profética, sacerdotal e real, o que subliña a súa condición eclesial, a súa pertenza á Igrexa. Por iso, a “enteira Igrexa”, e cada unha das nosas Igrexas particulares non está plenamente constituída se, xunto aos bispos, sacerdotes e relixiosos, non existe un laicado adulto e corresponsable”. (nº 24)

Ante esta afirmación tan clara podemos preguntarnos: Está así constituída a nosa Igrexa? Hai ese laicado adulto e corresponsable? Queremos realmente que o haxa?

Convén recordar que na Conferencia Episcopal non se aproba e fai público ningún documento se non ten polo menos dous terzos de votos afirmativos dos seus membros. Por iso todo documento publicado ten o respaldo entre o 67 % e o 100 % dos bispos: unha clara maioría ou, no mellor dos casos, a unanimidade ou case unanimidade. Normalmente estase no segundo caso.

Pero é que ademais o documento remata cunha conclusión que a máis de un pode sorprender. Calquera pode comprobar que conclúe coas seguintes palabras: “A nova evanxelización farase, sobre todo, polos laicos, ou non se fará”. (nº 148).

Dito doutra maneira, se o peso e estilo de evanxelización non o levan os laicos nas nosas comunidades, non se está evanxelizando esta xeración. Ou, acaso non di iso o texto? Se revisamos a nosa situación ante esas afirmacións vemos que estamos moi lonxe do que a Conferencia Episcopal proclama. Quen subscribe de feito que a nova evanxelización farase polos laicos ou non se fará? Máis ben seguimos pensando que a evanxelización é cousa de bispos, cregos, relixiosos e monxas.

Ninguén a principios do século XX imaxinaba que na Igrexa española se puidese escribir o que se escribe a finais do século no C.L.I.M. en 1991. Mesmo hoxe nos resulta sorprendente a rotundidade das afirmacións que fan os bispos do noso país. Isto só ten a explicación se se cre que o Espírito Santo guía á Igrexa no seu maxisterio, aínda que logo moitos non lle fagamos caso na nosa vida cotiá.

Pero se miramos á Igrexa Católica no mundo temos datos que confirman este protagonismo dos laicos na evanxelización, pois en 1999 había 80.662 misioneiros laicos, 172.331 no 2003 e 368.520 no 2016, un incremento de 287.858 en 17 anos. En catequistas pásase de 2.449.659 en 1999 a 3.264.768 en 2016, cunha subida de 815.109.

No mesmo código de Dereito Canónico afírmase no nº  517.2:

Se, pola escasez de sacerdotes, o Bispo diocesano considera que ha de encomendarse unha participación no exercicio da cura pastoral da parroquia a un diácono ou a outra persoa que non ten o carácter sacerdotal, ou a unha comunidade, designará a un sacerdote que, dotado das potestades propias do párroco, dirixa a actividade pastoral”.  Non son experto en dereito pero, non significa iso que un home ou muller laicos poden rexer unha parroquia? Creo que así hai que entendelo, sabendo que non poden exercer o ministerio do perdón, da Eucaristía… propios do ministerio sacerdotal.

Por iso penso que o que corresponde é aceptar estas ensinanzas e vivir conforme a elas. Que todos asumamos a corresponsabilidade que nos corresponda, e que non nos escudemos detrás dos fallos dos outros!

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: