Santos da porta do lado

O papa Francisco acaba de publicar o seu último documento. Trátase da exhortación apostólica Gaudete et exsultate (Alegrádevos e reloucade), que trata, como di o subtítulo, sobre a chamada á santidade no mundo actual.

É sabido que os documentos pontificios titúlanse coas dúas ou tres primeiras palabras do texto. Neste caso, trátase dunha cita do Evanxeo de Mateo (5, 12).

Nestas palabras iniciais, xunto co subtítulo xa mencionado, temos a clave de todo o documento: unha vez máis o papa Francisco fainos unha proposta de vivir a fe con alegría, invítanos a buscar a santidade, sen medo e como algo normal e lóxico por parte dos que seguimos a Xesucristo, o absolutamente santo.

Gaudete et exsultate está na liña das anteriores exhortacións do papa Francisco. Vemos como, outra vez, aparece no título a palabra “alegría”, do mesmo xeito que en Evangelii gaudium (A alegría do Evanxeo) e Amoris laetitia (A alegría do amor).

Aínda que, neste caso, a exhortación non é postsinodal, senón simplemente “para facer resoar unha vez máis o chamado á santidade, procurando encarnalo no contexto actual, cos seus riscos, desafíos e oportunidades. Porque a cada un de nós o Señor elixiunos «para que fósemos santos e irreprochables ante el polo amor» (Ef 1,4)” (Nº 2).

No texto poderemos atopar algunhas das expresións propias da linguaxe bergogliana. A unha delas xa nos ten moi habituado, pois con frecuencia recórdanos que Deus sempre nos “primerea2, isto é, que Deus sae ao noso encontro moito antes de nós busquémolo a el. Deus sempre toma a iniciativa.

Pero nesta ocasión quería fixarme noutra expresión que tamén é clave neste documento, “santos da porta do lado”, que foi a que escollín para o título deste artigo.

Cando pensamos na santidade, sempre consideramos que é algo reservado para persoas con capacidades especiais e non para o común dos mortais. Hai xente que pensa que isto da santidade é só para os curas e as monxas. E outros cren que para ser santos hai que ser pouco menos que ermitáns e estar todo o día dentro dunha capela rezando painosos e avemarías.

Pois non, non é así: a Gaudete et exsultate vainos aclarar que as cousas non son así e que o santo pode estar moi preto de nós.

A chamada á santidade é para todos, non é necesario facer nada especial nin tampouco nos fai ser uns bichos estraños. Aínda que pareza un trabalinguas, o único que se nos pide é facer ben o que temos que facer en cada momento. O Papa dio coas seguintes palabras:

“Gústame ver a santidade no pobo de Deus paciente: aos pais que crían con tanto amor aos seus fillos, neses homes e mulleres que traballan para levar o pan á súa casa, nos enfermos, nas relixiosas anciás que seguen sorrindo. […]. Esa é moitas veces a santidade «da porta do lado», daqueles que viven preto de nós e son un reflexo da presenza de Deus”. (Nº 7)

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

Texto orixinal

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: