A miña experiencia na Capela Universitaria

capilla universitaria

 O mércores pasado tiven a ocasión de asistir á Capela Universitaria e acompañar aos mozos que, cada semana, reúnense alí para celebrar a Eucaristía e facer un intre de oración persoal diante de Xesús Sacramentado. Facía tempo que tiña intención de ir, pero a última hora sempre aparecía algunha escusa que mo impedía e outras veces era a preguiza quen gañaba a batalla.

 Atopei o que me esperaba. Grazas ás redes sociais xa seguía as súas actividades e por iso sabía como respiraba este grupo de estudantes e outros amigos da Delegación de Mocidade. É verdade que faltaban moitos dos que van outros mércores, pero iso non restou intensidade a este encontro semanal. Nin que dicir ten que me sentín moi ben acollido. Onde hai cristiáns un séntese sempre en casa.

Sen présa e moitísimo recollemento celebramos a Santa Misa. Despois, como vos dicía, a Adoración Eucarística, que foi o que máis me impresionou. Todo ás escuras, só un foco aceso e alumando directamente ao Señor na custodia, e máis silencio e máis recollemento… Unha fina columna de fume de incenso que se elevaba cara ao ceo axudábanos a estar máis cerca do Amigo que nunca falla e que nunca aparta a súa mirada dos nosos ollos.

Sei que algúns membros da Capela Universitaria len estas liñas, o mesmo que o delegado de pastoral xuvenil e universitaria, José Antonio Adrio. Por iso, desde aquí animo a que sigan con esta obra que é unha gran riqueza para a cidade e para eles mesmos. Prometo acompañalos máis días, pois tamén necesito alimentarme da paz do Señor que alí se respira.

Aínda que se chama “universitaria”, todos os que o desexen poden asistir a esta oración comunitaria semanal. Está pensado para os mozos, pero tamén se acolle e agradécese a presenza dos que son “mozos de máis anos”: 30, 40, 50, 60… ata 100 e pico. A experiencia non defrauda.

Miguel Ángel Álvarez
Párroco de San Froilán

Xornada de autoemprego organizada por Cáritas

O día 23 de setembro terá lugar no local da avda. das Américas, 93-97 unha xornada de autoemprego co título Por que non?. Trátase dunha actividade incluída no proxecto “Emprégate II”, no marco do Programa de Emprego de Cáritas Diocesana de Lugo.
A xornada será como segue:
10:00-10:15 Acollida e presentación da xornada.
10:15-11:15 Mesa redonda “O emprendemento na actualidade”.
Participan: Dña. Beatriz Varela Regueira, Presidenta da Asociación Mulleres Empresarias de Lugo. Inés Maseda Francos, xerente da Asociación de Novos Empresarios de Lugo. Norman Veiga Álvarez, Subdirector do CEI-NODUS.
11:15-11:30 Descanso
11:30-13:15 Mesa redonda “Historias Reais”.
Participan: Pilar Fernández Neira, (empresa A Cociña de Pilar), Mª José González Antolín, (Empresa A mercería de Chus) e Mª del Carmen Encarnación Sosa, participante de “Emprégate II”.
13:15-13:30 Despedida Proxección Empresa Arranxos “Proxecto Emprégate I”

Darwin versus Kropotkin

darwin vs kropotkin

Non deixa de sorprenderme que persoas que se din socialistas recorran a Darwin para criticar á Igrexa católica. Sorpréndeme por varias razóns.

A primeira é que non hai ningunha declaración pública da Igrexa católica na que se rexeiten as ensinanzas de Darwin nin a evolución. É mais, hai intervencións dos pontífices nas que se fala positivamente da evolución.

A segunda, que é sorprendente, é atoparse con persoas, mesmo con formación universitaria, que descoñecen a existencia de Kropotkin.

Charles Darwin (1809-1882) e Piotr Kropotkin (184Z-1921) foron ambos membros da Academia das Ciencias do seu país, ambos participaron en expedicións científicas de exploración da natureza, pero un era crente (Darwin) e o outro ateo (Kropotkin) e ambos aceptan a lei da evolución, aínda que a maneira de explicar a evolución é moi distinta como pode verse nestes dous parágrafos que condensan a súa clave interpretativa.

Darwin: «A loita pola existencia entre individuos e variedades da mesma especie é a máis encarnizada (….) Así, da guerra da natureza, da fame e da morte resulta directamente o máis excelso obxeeto que somos capaces de concibir, a saber: a aparición dos animais superiores». (`A orixe das especies’):

Kropotkin: «Nos organismos vivos e no organismo social, a medida que se sobe, ocupa un lugar máis decisivo o apoio mutuo (…). O home está suxeito ó gran principio da axuda mutua que asegura as mellores oportunidades de supervivencia só aos que mutuamente se prestan o máximo apoio» (`O apoio mutuo’).

Ler máis

Unha imaxe vale máis que mil palabras…

Aylan
Dicímolo moitas veces: unha imaxe vale máis que mil palabras. A nosa conciencia insensible xa esqueceu aquelas imaxes de nenos esfameados e moribundos que fai dúas décadas aparecían en televisión. Quizais, ata chegamos a pensar que agora xa non morrían nenos nestas condicións tan lamentables. Tivemos que volver ver unha soa imaxe para decatarnos de que estabamos equivocados ou, talvez, durmidos, porque aínda que os nosos ollos non visen estes sucesos nunca deixaron de ser realidade.
Medio mundo alarmouse por esta fotografía e todos temos claro o que hai que facer. Outra cousa distinta é saber se estamos dispostos a facelo e por que chegou a humanidade a estes extremos de inhumanidade.
Díxeno máis veces tratando situacións similares máis próximas: hai cousas que só Deus é capaz de arranxar. Se non lle deixamos a Deus estar no mundo nin na nosa propia vida, dun modo xenuíno, o único que conseguimos é erixirnos en deuses de mundo onde todo está permitido, sobre todo se é en beneficio propio. As consecuencias non fai falta describilas, hoxe vense claramente nesta imaxe, convertida en “viral”, como se di agora.
Esta fotografía é máis que unha simple imaxe. É o símbolo de todos os que sofren as consecuencias dun mundo que se emancipou de Deus e agora só impera a lei da selva. Os afectados non están só en Siria ou no Terceiro Mundo. Aquí, tamén entre os que non teñen maiores problemas económicos, a infelicidade e a falta de sentido da vida e de valores está facendo estragos.
Miguel Angel Álvarez

Non creo no deporte porque non existe

deporte
Estou pensando en dedicarme á política. O punto central do programa electoral será a eliminación do deporte. O motivo é que non creo no deporte, xa que non existe. A proba de que non existe é evidente: eu non o práctico.

Se gaño, farei o seguinte: non se concederá un só euro para actividades deportivas; as instalacións habilitadas para iso serán destinadas a outros usos; nos colexios deixará de impartirse a asignatura de Educación Física e nos patios de recreo só poderá comerse o bocadillo. Tamén se vixiarán os xogos clásicos dos nenos por se puidesen ser confundidos con algunha actividade deportiva (o pilla-pilla, agachadas ou saltar á corda, etc) e suprimiranse os xogos de naipes nos bares. Serán máis duros os requisitos para a apertura de ximnasios; facer deporte é algo que corresponde só a un acto estrictamente persoal polo que só poderá facerse na intimidade da casa, garaxe ou leira, nunca en lugares públicos. Como alcalde, non representarei aos cidadáns en actos públicos ou privados que teñan relación co deporte, pois non é o meu cometido e, ademais, poden ofenderse os que non practican ningún deporte ou os que son simpatizantes dun deporte ou equipo distinto do que sexa obxecto un acto concreto. Trataríase, ao fin, de conseguir unha sociedade sedentaria e “adeportiva”.

Poucas veces leron tantas estupideces xuntas nunhas poucas liñas, verdade? O suposto que acabo de expoñer é un absurdo. O deporte existe desde sempre, aínda que non o practique por preguiza ou falta de oportunidade.

As cousas existen coa autonomía que o Creador concedeulles no momento que lles deu a existencia (GS 36). Polo tanto, o seu ser non depende da miña vontade ou das ideas que estean de moda en cada momento.

Se agora cambian a palabra “deporte” por “relixión” ou “Igrexa Católica” teñen o capítulo principal dos programas da maioría dos partidos políticos e os argumentos que se están dando para non asistir a actos relixiosos en representación do pobo que os elixiu.

O peor de todo é que mentres loitamos esta batalla, estamos privando ao mundo dos beneficios da relixión na vida das persoas e da sociedade. Alguén dixo que «as Biblias non son permitidas nas escolas. Pero si as permiten en prisión. Se deixasen aos nenos lelas nas escolas, moitos deles non chegarían á prisión»

Negar a existencia de Deus e das relixións cos argumentos que expoñen algúns é un acto de moita temeridade. Outra cousa é que teñamos dificultade para coñecer a Deus. Somos limitados e Deus ilimitado, xa que logo, sempre nos vai a quedar moito sen coñecer, pero non é razón para negar a súa existencia e a necesidade das relacións dos homes con Deus, incluíndo a súa manifestación pública.

Neste tema hai moito odio, indiferenza e ignorancia. O odio non se explica nunha sociedade que se di tolerante. A indiferenza mostra o adormecemento de Occidente que esqueceu as súas raíces. E a ignorancia véncese cun simple achegamento, neste caso, á Igrexa Católica e ver que todo é moi distinto ao que algúns pensan.

Miguel Angel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán

A %d blogueros les gusta esto: