Clausura de centenario nas Servas de Xesús

 O día 20 de marzo o bispo da Diocese, D. Alfonso Carrasco Rouco, clausurou, cunha Eucaristía celebrada no convento das Servas de Xesús, os actos celebrados con motivo do centenario da morte da fundadora das Servas de Xesús, Santa María Xosefa do Sagrado Corazón de Xesús.

            O Papa concedera, con tal motivo, un Xubileo con indulxencia plenaria ós fieis que visitasen as igrexas ou oratorios da Congregación desde o 20 de marzo de 2011 ata a mesma data de 2012.

            As Servas de Xesús chegaron a Lugo o 13 de abril de 1893, instalándose no número 43 da Ronda da Muralla desde  1914. Dedícanse, preferentemente, ó coidado dos enfermos no seu domicilio familiar durante a noite, prestando servizos de enfermería durante o día.

José Río: Dereitos e deberes da persoa

É propio do cristianismo considerar a tódalas persoas coa mesma dignidade. Non sempre se levou isto á práctica, porque en tempos pasados non había conciencia de que se debería aplicar escrupulosamente esa idea.

Esa aplicación dos dereitos humanos non se limita ao ámbito das relacións entre países senón tamén na vida cotiá. E un dos primeiros dereitos que se puxeron de manifesto foron os relativos á liberdade relixiosa.

En canto á fundamentación dos dereitos, témola na razón e no feito de seren os humanos fillos de Deus. Os estados non deben vendernos o favor de gozar dos dereitos, senón que os temos pola nosa natureza, por Deus.

Na encíclica Pacem in Terris fálase do dereito á vida (e que sexa digna), á liberdade relixiosa (tratar co trascendente), á cultura (que incluiría por exemplo, o dereito a ser instruído nas habilidades sociais), dereito á vocación persoal, ao honor.

Pacem in Terris tamén expresa que aos dereitos correspóndelles unha mesma cantidade de deberes, e que ambos son conferidos ou impostos pola lei natural. Ao dereito á vida correspóndelle o deber de conservala, ao dereito a ter unha vida decorosa, correspóndese o deber de vivir con decoro, e ao dereito á liberdade o deber de buscala.

Pero non só é deber do home corresponder os seus propios dereitos cos seus propios deberes cara á súa persoa, senón con respecto aos demais. Os dereitos do home é un tema que demandou moitos séculos no seu recoñecemento, e actualmente son unha conquista importante da humanidade, consagrados en 1789 na Revolución Francesa e con carácter universal pola ONU, en 1948.

A cada dereito do home correspóndelle un deber a cumprir, sen o cal resultaría ilusorio o exercicio do dereito. Se alguén ten dereito a que se lle respecte a súa propiedade non pode á súa vez pretender quitarlle a propiedade a outro.

Hai deberes específicos para coa sociedade, para cos fillos e os pais, o deber de adquirir instrución primaria, o de sufragar, o de obediencia á lei, o de servir á comunidade e á nación, o de cooperar coa asistencia e seguridade social, o de traballar, o de pagar impostos.

Concurso “Debuxa a túa bolsa solidaria coa Vida”

Con motivo de celebrarse a partir do día 19 de marzo a Semana Mundial da Vida, en Lugo convócase o I Concurso de Debuxo. Aos inscritos antes do día 10 de marzo entregaránsenlles bolsas de tela para pintalas.

O tema é “Debuxa a túa bolsa solidaria coa Vida”.

O material de debuxo, é por conta do participante, xa que é libre a utilización de materiais e cores.

Tamén hai un certame de narrativa, poesía e música.

Información: lugo@derechoavivir.org

Ciclo de conferencias Occidente ante o século XXI

O día 12 de marzo ás 8 da tarde no Salón de actos da Deputación de Lugo. O título da charla: Tempo de comunicación, evanxelización e conversión. O relator é o Rvdo. Padre Esteban Munilla Aguirre.

Esteban Munilla é a cabeza visible de Radio María España, que está a vivir un momento de consolidación. Se hoxe Radio María España é como é, en gran medida débese ao labor do Padre Munilla nos últimos anos e ao equipo de voluntarios.

O día 13 de marzo ás 8 da tarde no mesmo lugar, a charla titúlase: Igualdade radical nunha trama de diversidade. Igrexa e liturxia. O relator é o Rvdo. Padre José Antonio Ferreiro Varela

José Antonio Ferreiro foi colaborador da parroquia de Nosa Señora das Dores de Lalín, Vicario Parroquial de San Francisco Xavier da cidade de Lugo e agora é Moderador do Equipo Sacerdotal da Milagrosa, Lugo.

Estivo no Instituto de Pastoral Litúrxica de Barcelona entre os anos 2001 e 2003.

Na súa actividade docente temos que é Profesor no Seminario Diocesano e no Instituto Teolóxico Lucense.

Membro da Comisión Diocesana de Arte Sacra. Foi Delegado de Pastoral de Voca-cións e desde o ano 2009 é o Delegado de Liturxia e dirixe o recentemente creado Lucense Eucharisticum Centrum.

Antón Negro: Como formar correctamente a conciencia cristiá?

Para unha persoa de conciencia cristiá o centro da súa conciencia deben ocupalo Cristo e os pobres; a eles ten que responde-la súa vida.

Partindo deste núcleo central, Cristo e os pobres, a formación da conciencia cristiá na Igrexa ten estes catro eixos:

1) A persoa humana. ser libre e solidario, imaxe e semellanza de Deus, valor sagrado para nos.

2) A Palabra de Deus, a Sagrada Escritura proclamada na asemblea e na historia, e, especialmente, o Mandamento Novo.

3) A eclesialidade, a Igrexa como comunidade que se evanxeliza e evanxeliza, que é Corpo de Cristo e Sacramento de Salvación para o Mundo. Tomás Malagón afirmaba que facer Igrexa é a mellor forma de facer sociedade.

4) A historia (democracia, política, economía, sindicalismo, ciencia, cultura…) como presenza salvífica de Deus e historia de Salvación. o que o Concilio chama os Signos dos Tempos. Responder a isto é o obxectivo das encíclicas, especialmente as sociais.

Dos catro non se pode suprimir ou minusvalorar ningún deles, anque haxa  épocas concretas nas que sexa necesario resaltar especialmente algún deles.

A responsabilidade persoal é realiza-lo Reino e a súa xustiza.

Que sucede se só priorizamos algún destes eixos?

– Se absolutizámo-la Sagrada Escritura teriamos unha relixión do libro, unha

lectura fundamentalista da Biblia e perderiamos ó Deus que se manifesta na

Historia, na Persoa e na Comunidade.

A Palabra de Deus dános as claves de discernimento para escoltar a Deus hoxe. (Non se trata de facer unha arqueoloxía bíblica, anque isto ten a súa importancia).

– Se so nos remitimos á experiencia persoal, temos a validación de todo tipo de alucinacións ou esquizofrenias coma fonte de espiritualidad e, ou fundadores de relixións e sectas.

– Se nos centramos na persoa e na Sagrada Escritura con exclusividade, levaríanos ó individualismo relixioso (protestantismo), á concepción cristiá que é respaldo relixioso do capitalismo.

– Se o que tomamos en exclusiva é a Igrexa e a Sagrada Escritura imos facilmente facer teocracias. Igrexa pechada -unha cultura semita, alonxada da problemática actual e ahistórica.

– Se a prioridade a leva a historia, témo-lo secularismo relixioso, o supeditarnos as modas, pois hai que ir cos tempos e pérdese o sentido profético de cara á sociedade (so quedaría o ir contra a xerarquía como única dimensión profética, que tanto se da en certos progresismos).

– Se a prioridade absoluta a ten a Igrexa, estaremos nunha Igrexa de normas. de disciplina, de estructura e poder, ‘sociedade perfecta”, de ritos. etc. (sociedade eclesiástica, piramidal)…

Segundo isto, que diriamos dos diversos grupos eclesiais que coñecemos? Como xulgariamos as diversas catequeses recibidas?

Poderiamos explicitar algo máis os catro eixos na formación da conciencia cristiá ou engadir un apartado sobre actitudes concretas na formación da conciencia, pero pode chegar con que teñamos moi presente a Mt. 25. 34 ss: “Vinde, benditos de meu Pai… “

Antón Negro

A %d blogueros les gusta esto: