Antón Negro: Como formar correctamente a conciencia cristiá?

Para unha persoa de conciencia cristiá o centro da súa conciencia deben ocupalo Cristo e os pobres; a eles ten que responde-la súa vida.

Partindo deste núcleo central, Cristo e os pobres, a formación da conciencia cristiá na Igrexa ten estes catro eixos:

1) A persoa humana. ser libre e solidario, imaxe e semellanza de Deus, valor sagrado para nos.

2) A Palabra de Deus, a Sagrada Escritura proclamada na asemblea e na historia, e, especialmente, o Mandamento Novo.

3) A eclesialidade, a Igrexa como comunidade que se evanxeliza e evanxeliza, que é Corpo de Cristo e Sacramento de Salvación para o Mundo. Tomás Malagón afirmaba que facer Igrexa é a mellor forma de facer sociedade.

4) A historia (democracia, política, economía, sindicalismo, ciencia, cultura…) como presenza salvífica de Deus e historia de Salvación. o que o Concilio chama os Signos dos Tempos. Responder a isto é o obxectivo das encíclicas, especialmente as sociais.

Dos catro non se pode suprimir ou minusvalorar ningún deles, anque haxa  épocas concretas nas que sexa necesario resaltar especialmente algún deles.

A responsabilidade persoal é realiza-lo Reino e a súa xustiza.

Que sucede se só priorizamos algún destes eixos?

– Se absolutizámo-la Sagrada Escritura teriamos unha relixión do libro, unha

lectura fundamentalista da Biblia e perderiamos ó Deus que se manifesta na

Historia, na Persoa e na Comunidade.

A Palabra de Deus dános as claves de discernimento para escoltar a Deus hoxe. (Non se trata de facer unha arqueoloxía bíblica, anque isto ten a súa importancia).

– Se so nos remitimos á experiencia persoal, temos a validación de todo tipo de alucinacións ou esquizofrenias coma fonte de espiritualidad e, ou fundadores de relixións e sectas.

– Se nos centramos na persoa e na Sagrada Escritura con exclusividade, levaríanos ó individualismo relixioso (protestantismo), á concepción cristiá que é respaldo relixioso do capitalismo.

– Se o que tomamos en exclusiva é a Igrexa e a Sagrada Escritura imos facilmente facer teocracias. Igrexa pechada -unha cultura semita, alonxada da problemática actual e ahistórica.

– Se a prioridade a leva a historia, témo-lo secularismo relixioso, o supeditarnos as modas, pois hai que ir cos tempos e pérdese o sentido profético de cara á sociedade (so quedaría o ir contra a xerarquía como única dimensión profética, que tanto se da en certos progresismos).

– Se a prioridade absoluta a ten a Igrexa, estaremos nunha Igrexa de normas. de disciplina, de estructura e poder, ‘sociedade perfecta”, de ritos. etc. (sociedade eclesiástica, piramidal)…

Segundo isto, que diriamos dos diversos grupos eclesiais que coñecemos? Como xulgariamos as diversas catequeses recibidas?

Poderiamos explicitar algo máis os catro eixos na formación da conciencia cristiá ou engadir un apartado sobre actitudes concretas na formación da conciencia, pero pode chegar con que teñamos moi presente a Mt. 25. 34 ss: “Vinde, benditos de meu Pai… “

Antón Negro

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: