Bendicións do Aninovo

Comeza un ano novo e na Eucaristía do primeiro de ano, na bendición final aos fieis, a Igrexa deséxanos a paz, a protección de Deus e un feliz e próspero ano cargado de bondade e de ben na proximidade do amor de Deus e dos irmáns. No cristianismo bendinse as persoas, os tempos, os lugares e as cousas. E todo iso para que, mantendo viva a presenza de Deus na nosa existencia, coidémonos mutuamente e contribuamos xuntos ao progreso e á paz.
Bendicir (dicir-ben, facer-ben) é un belo xeito de comezar o ano. De feito, pertencemos a unha cultura na que habitualmente se fomentan os bos desexos, condición indispensable para as boas obras. Así, desexámonos os bos días, as boas noites, sorte, saúde, paz e ben. Algo tan sinxelo e natural que adoitamos facer rutinei0ramente pero que sería, sen dúbida, un bo propósito para este novo ano. Un ano no que os católicos viviremos, por indicación do Papa Francisco, como Ano Extraordinario da Misericordia. Por iso, invito aos lectores a recuperar na súa memoria, e en forma de bos desexos, que de feito o son, as catorce obras de misericordia. Se todos procurásemos practicalas, os políticos poñeríanse de acordo para o esencial do ben común, as inxustizas irían a menos, o paro baixaría inmensamente, os anciáns serían queridos e escoitados, os malos tratos desaparecerían e os máis pobres (presos, sedentos, famentos, peregrinos) sentiríanse acollidos, honrados, queridos e valorados.
Unha antiga bendición celta, entre outros fermosos desexos, reza así nalgúns dos seus fragmentos: «Que o sol brille sempre cálido e fraterno na túa cara, que a choiva caia suave entre os campos e ata que nos volvamos a atopar, Deus che teña na palma da súa man e non aperte moito o seu puño. Que vivas cen anos, cun ano extra para o arrepentimento; que sexas respetado polos teus veciños, que fuxan os problemas, teñas a protección dos anxos e sexas acollido polo ceo».
Que Deus vos bendiga a todos, e que aprendamos a acollelo na pequenez da súa humanidade para que cada ano, cada mes, cada día, estea cheo do seu eterno Amor.

Mario Vázquez
Vicario Xeral

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: