Construamos o noso futuro

Escribimos moitas páxinas da nosa vida: unhas escuras e tristes; outras claras e fermosas. Pero a máis importante é a páxina en branco que temos ante os nosos ollos e nas nosas mans, a de hoxe. Dela podemos facer unha páxina fermosa, preciosa aos ollos de Deus, da Igrexa e da sociedade. Traballemos para que así sexa. Para iso pídesennos unhas disposicións que nos predispoñan para que o futuro sexa un éxito.

A primeira ha de ser un «amén» á vontade de Deus pola nosa banda, para que logo El inscriba o que crea conveniente segundo o seu plan salvifíco: Amén a Deus, aos compañeiros, á misión confiada a cada un. Actitude de dispoñibilidade; de docilidade ao que Deus queira de cada un de nós. Para iso requírese un coñecemento do noso interior, un coñecemento da nosa vontade. Despois un acertado diagnóstico que facilite o tratamento acertado para poñer remedio ao mal que nos afecta.

Este diagnóstico é como un alto no camiño para recuperar forzas e poder camiñar máis de présa. O descanso no camiño non é renuncia ao esforzo, senón recuperar forzas para poder chegar á meta. Os verdadeiros protagonistas da peregrinaxe son Deus e o camiñante. Deus é o que garante o poder chegar ao santuario, e o peregrino facilita esta posibilidade articulando o camiñar co descanso. A vida do cristián é un aprender, non conceptual, senón un aprender útil, unha `metanoia’, un pasar dunha actitude de desexo a unha actitude de `resposta’, que integra todas as miñas forzas: un Deus que me chama, eu que respondo; unha vocación de resposta.

Este obxectivo implica dúas cousas: entrar máis dentro; non quedarme na superficialidade, senón pasar do desexo á realidade. Pasar da vocación do desexo a unha vocación de paixón, de apaixonamento por Deus e pola igrexa. A unha actitude que nos converta en seguidores de Xesucristo. A dinámica cristiá implica contemplación e esforzo. Empecemos contemplándonos a nós mesmos e perdoándonos a nós, como Deus nos perdoa. Partiremos de que non somos nós os que buscamos a Deus, senón que é El quen nos busca a nós.

A nosa fe sitúanos nunha actitude de confianza radical en Deus. Aínda recoñecendo as nosas limitacións, a confianza en Deus ponnos nunha radical seguridade. Deus dásenos como don. Se eu quixese conquistar a Deus, non o conseguirei. El dásenos gratuitamente. El é o Deus dos homes, que se nos revela como próximo. É o Deus liberador, o Deus do éxodo, que sae ao noso encontro. É o Deus que se nos revela como Iavé no Antigo Testamento; e como Xesús, encarnándose no seo de María.

Deus é unha proximidade «benevolente», que nos fai ben; é o Deus de Xesucristo, que deu a vida por nós. Deus non é indiferente ante os homes. É o pai dos cristiáns, que non fere, senón que cura; que ten corazón. Consecuentemente, confianza e responsabilidade, pola nosa banda, e isto abóndanos.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: