Cristianismo dialogante

A relixiosidade implica diálogo entre Deus e o home. O diálogo é intercambio de ideas e de sentimentos entre Deus e o home. No diálogo relixioso a iniciativa sempre é de Deus, que se revela ao home como verdade e como benfeitor. Deus é o creador; amigo e Salvador que na súa actitude amorosa, reclama unha correspondencia de fidelidade afectiva. O diálogo relixioso enriquécese co coñecemento mutuo entre Deus e o crente. O coñecemento relixioso non é tanto froito do estudo teolóxico, senón máis ben consecuencia de trato amoroso entre Deus e o crente. Deus achégase ao home, e maniféstase como próximo, amigo e Salvador, provocando no cristián confianza e seguridade. A imaxe que Deus presenta está saturada de cordialidade, de proximidade e de xenerosidade prometedora, o cal provoca admiración e afecto no corazón do home, e é así como xorde a dimensión dialogal do cristián co Señor. O amor pide correspondencia e proximidade de intimidade oracional. Un día preguntáronlle ao intelectual francés Tagore, se coñecía a Xesucristo, e el contestou: “coñézoo pero non o trato”.

O coñecemento relixioso non é un coñecemento teolóxico (que tamén), senón máis ben un coñecemento cordial. A riqueza do corazón é o amor, e condiciona as relacións e o comportamento dos amigos. As relacións dos amigos non son meramente informativas, senón intercambio de sentimentos. Transvasamento de mutuas inquietudes e ilusións. E todo isto converte en diálogo o trato entre ambas as partes. A amizade auténtica converte ao amigo “nun ti” do outro.

Pois a este nivel de intimidade debemos elevar as nosas relacións os cristiáns: pasar dunha amizade mercantilista, a unha actitude afectiva de amizade sincera, que nos atraia cara ao outro, como ningún imán pode atraer a forza do seu magnetismo. Cando isto suceda o noso cristianismo empezará a ser evanxélico de verdade. Desde este momento o perfil de Deus é de verdade perfil paterno, e a Xesucristo contemplarémolo como Salvador e a providencia é para nós garantía de plena confianza de fronte ao futuro. A nosa relixión é unha relación de proximidade coa divindade. A intimidade é o que separa o Ceo da terra. E a piedade é o clima que respira todo fiel crente. O seu diálogo co Deus santo é como a súa respiración permanente, como Deus necesita do home para ter a quen amar.

A piedade é a vida cristiá como o aire é a vida do home.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: