Cristiás e felices vacacións

Vivimos un novo curso pastoral que comezabamos baixo a guía da carta apostólica do Papa Desiderio desideravi e do escrito do noso Bispo Un encontro actual convidándonos a redescubrir a vida litúrxica despois da pandemia. Agora algúns iniciaron o descanso estival. Outros agardarán a agosto. Como ben sabemos, as vacacións non deben ser un tempo perdido, nin unha paréntese no noso camiño de maduración sobrenatural. Son máis ben un período necesario para o repouso físico e un dereito que todos deberiamos poder disfrutar. As vacacións ofrécennos a oportunidade de crecer, de formarnos, de reconstruírnos por dentro e de recuperar a serenidade e a paz que nos rouban as présas urxentes da vida cotiá. Son días para o encontro e a convivencia, para a charla apracible, para compartir a mesa, gozar da amizade e robustecer as relacións familiares que, ás veces, durante o ano, resultan escasas ou insuficientes.

Pois este período, sexa como sexa, non pode ser unha hibernación das nosas relacións con Deus ou unha fuxida de Aquel no que atopamos o verdadeiro e auténtico descanso. Isto quere dicir que na nosa relación con Deus non pode haber vacacións. Todo o contrario. Ao dispoñer de máis tempo libre, buscaremos espazos para a interioridade, o silencio, a reflexión, a oración e o trato apracible, prolongado e relaxado co Señor.

Como no caso dos discípulos de Emaús, o Señor acompañaranos sempre no noso camiño (Lc 24, 13-15), Queira Deus que nós tamén o acompañemos a El.

Daniel García García

Párroco de San Lourenzo de Albeiros e San Xosé das Gándaras

[Recursos para un verán cristián]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: