Cristiás e felices vacacións

Vivimos un novo curso pastoral que comezabamos baixo a guía da carta apostólica do Papa Desiderio desideravi e do escrito do noso Bispo Un encontro actual convidándonos a redescubrir a vida litúrxica despois da pandemia. Agora algúns iniciaron o descanso estival. Outros agardarán a agosto. Como ben sabemos, as vacacións non deben ser un tempo perdido, nin unha paréntese no noso camiño de maduración sobrenatural. Son máis ben un período necesario para o repouso físico e un dereito que todos deberiamos poder disfrutar. As vacacións ofrécennos a oportunidade de crecer, de formarnos, de reconstruírnos por dentro e de recuperar a serenidade e a paz que nos rouban as présas urxentes da vida cotiá. Son días para o encontro e a convivencia, para a charla apracible, para compartir a mesa, gozar da amizade e robustecer as relacións familiares que, ás veces, durante o ano, resultan escasas ou insuficientes.

Pois este período, sexa como sexa, non pode ser unha hibernación das nosas relacións con Deus ou unha fuxida de Aquel no que atopamos o verdadeiro e auténtico descanso. Isto quere dicir que na nosa relación con Deus non pode haber vacacións. Todo o contrario. Ao dispoñer de máis tempo libre, buscaremos espazos para a interioridade, o silencio, a reflexión, a oración e o trato apracible, prolongado e relaxado co Señor.

Como no caso dos discípulos de Emaús, o Señor acompañaranos sempre no noso camiño (Lc 24, 13-15), Queira Deus que nós tamén o acompañemos a El.

Daniel García García

Párroco de San Lourenzo de Albeiros e San Xosé das Gándaras

[Recursos para un verán cristián]

O verán, don de Deus

Veran tempo para Deus

Todo o que é bo para o ser humano tamén é querido por Deus. Ou mellor dito, Deus quere o mellor para nós, por iso tamén nos regala o verán e todas as súas bondades.

Ninguén di que non aos días grandes, claros e asollados. Ninguén rexeita uns días de vacacións para descansar e gozar da familia e os amigos. Ademais, os cristiáns tamén convertemos os días estivais nunha ocasión para achegarnos máis e mellor a Deus.

En varias ocasións vemos a Xesús que se retira a un lugar apartado para descansar e orar. Algunhas veces, mesmo leva aos apóstolos con El. Destes momentos e lugares sempre saen todos fortalecidos e máis “amigos fortes de Xesús”, como di Santa Teresa.

Unhas vacacións preto de Xesús sempre son unha graza para os cristiáns. Non teñamos medo a participar na Eucaristía dominical na comunidade parroquial do lugar onde nos atopemos descansando. Pode ser un motivo para estimular e animar a nosa fe ao ver como viven e oran os nosos irmáns doutras parroquias.

Tamén haberá quen non poida ter vacacións ou que non poida saír do seu lugar habitual. Aínda así, continúa sendo un tempo de graza e un agasallo de Deus. Na parroquia haberá menos movemento e poderemos aproveitar o tempo doutra forma e con máis calma.

Atrévome a recomendar unha lectura para estes días estivais: Laudato Si, a encíclica do Papa Francisco sobre o coidado de “casa común”. Teñamos máis ou menos tempo para a contemplación da creación, sempre será bo que nos acheguemos a ela desde a perspectiva dos ollos do Creador. É o que atoparemos na Encíclica.

Pido ao Señor un bo verán para todos.

Miguel Ángel Álvarez

A %d blogueros les gusta esto: