Cristo resucitou. Estamos en Pascua

resurrección

Cristo resucitou. Esta é a boa noticia. A mellor noticia de todos os tempos. Non hai outra que se lle pareza. É única. Non foi superada nin sequera polo máis grande descubrimento da ciencia nin por ningún dos máis grandes acontecementos da historia da humanidade. Cristo resucitou e nel todos estamos chamados a resucitar.

Non se trata de volver a esta vida. Coa súa resurrección, Cristo inaugurou un novo modo de vida, a do Reino de Deus na súa plenitude. Non é tampouco algo que teñamos que esperar para o futuro. É unha vida que xa empezamos a gozar agora porque Cristo xa está connosco para sempre, xa que a morte foi vencida.

Esta presenza do Resucitado é a que fai novas todas a cousas e axúdanos a vivir con dignidade e esperanza malia os nosos pecados e limitacións. No medio das tebras, nas que estamos moitas veces, Xesucristo brilla como unha luz incombustible para iluminar a nosa historia e restablecer a dignidade de cada persoa.

Temos por diante un día de 50 días, a Pascua, que é imaxe do día novo que nunca se acaba. Acabáronse as procesións e os eventos propios da Coresma e Semana Santa. Agora toca festexar o gran acontecemento da resurrección do Fillo de Deus acompañados polo rexurdir da natureza na primavera, que tamén parece alegrarse por esta noticia. É o momento de vivir a alegría do Evanxeo, da que nos fala o Papa Francisco, e contaxiala a todo o mundo. Está necesitado de sementes de vida eterna que transformen os corazóns dalgúns para que todos poidan vivir con esperanza e dignidade. Desgraciadamente aínda hai moitos que están sufrindo o seu particular éxodo e loitando para cruzar “ríos” que lles permitan entrar na “terra prometida”.

Feliz Pascua para todos.

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: