D. Alfonso Vilariño escribe sobre os 25 anos das Irmás da Cruz en Lugo

Unhas Vodas de Prata son, sen dúbida, un acontecemento singular, entrañable e gozoso. Así vivimos a maioría da sociedade lucense, amigos e admiradores das Irmás da Cruz as súas Vodas de Prata, da súa chegada á nosa cidade.

Foron 25 anos nos que o carisma de Sta. Ángela da Cruz de servizo, amor e tenrura aos máis pobres, anciáns, enfermos, marxinados… estivo presente nas parroquias de Lugo.

O acontecemento merecía unha celebración extraordinaria e así se fixo. Un triduo solemne no marco incomparable da Santa Igrexa Catedral Basílica ante o Santísimo Sacramento, permanentemente exposto, privilexio desta catedral, acollía o desenvolvemento dos actos, cuxo punto central era a celebración da Eucaristía.

Iniciou o triduo o Sr. Bispo, titular da Diocese de Lugo, Excmo. Sr. Don. Alfonso Carrasco Rouco; bendixo unha imaxe de Sta. Ángela da Cruz, obra do artista  sevillano, Don Ricardo Rivera Vélez de Tomares, que soubo captar perfectamente o sorriso da santa. A imaxe foi por doazón de devotos; sacerdotes e seglares, da Coruña e Lugo. Despois da bendición, Monseñor Carrasco Rouco, presidiu a Eucaristía; a súa homilía foi especialmente dirixida á mocidade, á que se dedicou a xornada.

O segundo día estivo dedicado á familia. Presidiu a celebración eucarística e pronunciou a homilía o Sr. Cardeal Arcebispo emérito de Sevilla, Emmo. Don. Carlos Amigo Vallejo.

Foi o Sr. Arcebispo Castrense, Excmo. Don Juan del Río Martín, o que pechou o triduo. A homilía da Misa estivo dirixida aos anciáns, enfermos, pobres…

As tres homilías foron moi fermosas pola doutrina e o afecto, sen dúbida, un estímulo para o fervor. O Excmo. cabido catedralicio, sacerdotes e fieis en xeral, encheron cada día as naves do templo catedralicio.

As Irmás da Cruz, vinculadas a Lugo, algunhas chegadas de Andalucía, Valencia, Madrid e Valladolid, puxeron nos actos a nota máis entrañable e máis fermosa coas súas voces nos cantos litúrxicos; escoitándoas parecía que un coro de anxos irrompera na catedral.

Foron momentos preciosos, ocasións especiais para a gratitude e o recordo; estivo moi presente a beata María da Purísima, Madre Xeneral, fundadora da comunidade de Lugo.

Termínamos dicindo como o salmista.- “O Señor estivo grande connosco e estamos alegres. Laus Deo”.

Deixamos, o esforzo, a alegría e o froito destas xornadas no colo da Virxe dos Ollos Grandes, a nosa patroa, que ela nos axude a fortalecer a nosa fe e que o testemuño das Irmás da Cruz, fundadoras en Lugo, esperte en nós entusiasmo polo señor e o seu seguimento.

 Alfonso Vilariño Blanco

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: