Domingo de Ramos: unha revolta política?

A festa do Domingo de Ramos é unha das celebracións e manifestacións populares católicas máis concorridas e multitudinarias da Semana Santa. Por algo é o pórtico da Semana Grande da cristiandade que comeza cun ton festivo no que se reproduce, con gran participación de todas as xeracións, especialmente dos nenos e novos, aquela alegre entrada triunfal de Xesús en Xerusalén. De feito, na nosa cidade de Lugo e en moitas vilas da nosa Diocese, as procesións do Domingo de Ramos teñen un gran arraigo. En contra do que algúns pensadores e teólogos cristiáns pensaron (Reimarus, Brandon…), o acontecemento da entrada triunfal de Xesús en Xerusalén non foi por causa dun movemento político contra o poder establecido, semellante ao movemento dos zelotas. No ambiente tenso que se vivía entón en Palestina, especialmente polas concentracións masivas durante a Pascua en Xerusalén, coa vixilancia dos militares romanos desde a Torre Antonia, estes movementos reprimíronse fácilmente.

Por iso, desde as fontes cristiás de que dispoñemos, podemos afirmar que foi un acontecemento sinxelo de aclamación popular, no que algúns habitantes de Xerusalén acolleron con sinxeleza e expresión de gran afecto, con ramos de oliveiras e palmas, ao Mestre de Nazaret. A verdade é que o Mestre humilde que alborotara ás masas, montado nunha borriquiña, era unha figura política de pouca transcendencia, comparada cos grandes fastos dos triunfadores imperiais nas campañas bélicas que se celebraban en Roma.

A nosa antiga tradición popular de Ramos selou a miña infancia. Lémbroa con gran ilusión en compañía da miña nai e familiares. Preparabámola con tempo. Adornabamos os ramos con laranxas e lambetadas. E cantabamos nas procesións ao redor das igrexas e ermidas dos nosos pobos. Unha tradición que en Lugo cidade, non soamente non se perdeu, senón que está florecendo. A procesión coñecida popularmente como da Borriquiña, fundada en 1943 co esforzo e o tesón da gran entusiasta Rosita (q.e.p.d.) e cos nenos da catequese da Parroquia de San Froilán de Lugo, manteñen hoxe o mesmo carácter de espontaneidade e sinxeleza.

Segundo datos moi recentes, o boom da piedade popular engancha a maiores e mozos no medio do deserto da incredulidade e da secularización. Nos últimos vinte anos, os confrades en España (en Lugo creceron tamén) pasaron dun millón a tres millóns de membros. É o movemento asociativo máis significativo e importante de España.

Acabada a procesión de Ramos, a liturxia adquire un ton máis meditativo. En Lugo, entramos na Catedral. Comeza a Eucaristía. Escoitamos e meditamos a Paixón. E mergullámonos xa no clima que debe recordar esta semana, á que a tradición da Igrexa cualificou como “santa“. Cristo ensínanos a entender a realidade do sufrimento. Como dixo Bonhöeffer, “só un Deus que sofre -no silencio- pode salvarnos“.

Oxalá tamén nós, iluminados pola luz radiante da fe, afirmemos co Cristo do domingo de Ramos, en silencio ou con aclamacións, que: “Realmente este home era (e é) o Fillo de Deus“.

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: