Domingo de Ramos

Domingo de Ramos

Achegámonos a un dos domingos do ano no que máis persoas acoden a Misa ou máis ben, á bendición dos ramos. Como noutras ocasións, a liña que separa o sentido xenuíno da celebración do equivocado é moi fina.

Todas as persoas teñen sentimentos relixiosos, pero cando estes non están ben encauzados fan que convertan os ritos en maxia. É o que pode pasar en moitos casos co Domingo de Paixón e a bendición dos ramos.

A relixión e a liturxia son o que son, e a maxia é tempo perdido, porque algo que non existe non serve para nada, só para confundirnos. Outra cousa distinta é o ilusionismo, que se trata dun espectáculo artístico.

O Domingo de Ramos celebramos a entrada triunfal de Xesús en Xerusalén antes da súa paixón e resurrección. Como naquel día, tamén nós queremos aclamalo con ramos que, previamente bendixemos porque son para o noso Rei. Os cristiáns pedímoslle a Deus que bendiga aquelas cousas que proveñen del ou que son para El.

Non se trata, xa que logo, de facer pivotar a fe ou crenzas en se ao noso ramo chegou suficiente auga bendita, para que quedase ben bendicido, non sexa que por iso nos vaia mal durante o ano ou entre algún espírito estraño na nosa casa.

Ás veces os ramos (de todo tipo) impídennos ver a Xesucristo. Emocionámonos tanto contemplando o noso “ramo” que esquecemos o importante de verdade. Falo por propia experiencia. Vin a persoas case desesperadas porque non chegaron a tempo á bendición do ramo, e agora que?… pero non están tan preocupadas cando chegan tarde a Misa ou non van.

Teño teima con este tema. Perdoen. Pero dáme moita pena cando cambiamos o esencial polo accidental, o auténtico polo falso, a persoa pola aparencia e ao Deus verdadeiro por unha meigallada

Iniciamos a Semana Santa. Non é unha semana calquera. É un tempo para axudarnos a ser un pouco máis santos contemplando o misterio pascual do que é santo de verdade: Xesucristo. É unha semana para facer un alto nas cousas máis mundanas para cultivar máis intensamente a dimensión espiritual. É unha ocasión para centrar todo o noso ser en Xesucristo que entregou a súa vida e resucitou para salvarnos.

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: