San Xosé

Este sábado celebraremos en Lugo e en Galicia, con gran solemnidade, a festa de San Xosé. Coincidindo con esta popular festa celébrase tamén o Día do Pai e dos Seminarios Diocesanos. Na nosa cidade, únense tamén a esta festa as Irmás Xosefinas e o Colexio de San Xosé.

Desde o punto de vista litúrxico, é Solemnidade e de precepto, para todos aqueles a quen o traballo lles permita participar na Santa Misa xa que este día foi declarado laborable na Comunidade Autónoma de Galicia. Segundo as prescricións dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago, ante a necesidade de fixar claramente o tratamento que esta festa debe ter por parte da comunidade católica, acordaron manter nas dioceses respectivas o carácter festivo desta xornada. É verdade que os fieis que teñan xornada laboral ordinaria quedan dispensados do precepto, aínda que se lles pide e recomenda vivamente a participación na Eucaristía dese día de festa dedicado a San Xosé, Esposo da Virxe. Pídese aos párrocos e reitores que informen aos fieis e acomoden no posible os horarios de misas ás posibilidades e necesidades deles. Este ano, dada a coincidencia da festa en vésperas do Domingo de Ramos, a súa festa litúrxica celébrase desde a hora de nona do venres de paixón até a mesma hora do sábado. As misas vespertinas do sábado 19 celebraranse xa co formulario do Domingo de Ramos.

Moitos honrámonos de levar este santo nome, con frecuencia o primeiro dun composto, porque os nosos pais, padriños ou avós querían que os seus fillos, afillados ou netos levasen tamén o seu nome. É o meu caso. O meu querido avó, coa súa autoridade, decidiu que o neno se chamase tamén Xosé. E orgulloso estou de estar entre os Pepes de Lugo e do mundo enteiro. Pepe, o máis popular dos hipocorísticos de Xosé, interpretouse popularmente como un acrónimo formado polas siglas «P.P.» que aparecían nas pinturas de San Xosé e que significan pater putativus (pai oficial de Xesucristo). A festa é especialmente popular en Galicia e en España onde son moi frecuentes as representacións artísticas.

San Xosé Catedral 1Na nosa Catedral de Lugo temos un precioso altar e retablo neoclásico, obra dos escultores de Santiago de Compostela Manuel de Prado e Mariño e Luis Antonio Puente, do ano 1804 recentemente restaurados, situado na entrada da xirola no lado do Evanxeo. Alí están riseiras, cos rostros resplandecentes de serena e gozosa alegría, as belísimas imaxes policromada sde San Xosé e o neno, collido da man. Segundo algúns expertos, é a máis fermosa talla de vulto redondo que posúe a nosa Catedral. É obra do escultor madrileño Francisco Javier Meana quen en 1803, expedía en Madrid o recibo de pago da imaxe. Feliz festa a todos, neste día dun santo de corazón puro e humilde que “fixo o que lle mandou o anxo do Señor” (Mt 1, 24ss).

José Mario Vázquez Carballo, Vicario Xeral da Diocese

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: