…E ao sétimo día, Deus descansou

día do SeñorMalia que no mundo occidental consideramos que o primeiro día da semana é o luns, en realidade éo o domingo, xa que antes de chamarse así se referían a el como o «primeiro día da semana» que é cando resucita Xesucristo. Por este motivo, o primeiro día da semana empézase a designar como o Día do Señor e de aí o nome de Domingo (señor en latín dise dominus).

O acontecemento de todo o misterio de Xesucristo marca o arranque dunha nova era da historia que coñecemos como despois de Cristo (d. C.), e con iso un novo significado para o domingo ou primeiro día da semana, sendo para os cristiáns o día da reunión da comunidade para celebrar a Eucaristía.

No ano 321, o domingo convértese nun día de descanso do traballo por decreto de Constantino. Este decreto respondía a unha cuestión de dignidade da persoa que necesita repousar do traballo e gozar da familia.

No século XXI xa ninguén dubida da necesidade dun día de descanso semanal, ata o punto de que consideramos bo ou malo un emprego en función do ritmo flexible de horas de traballo e descanso que nos permite.

Nos últimos anos as cousas foron cambiando e, case sen decatarnos, chegamos a unha situación nova na que o domingo perdeu a súa importancia. Esta situación non está provocada en principio, como poderiamos pensar, pola crecente secularización que fai que sexan menos persoas as que vaian a misa.

O afán de consumismo provoca que esixamos que os locais comerciais teñan horarios e, como consecuencia, empregados que nos permitan comprar a calquera hora e en calquera día da semana. Convértense así os grandes centros comerciais nas novas catedrais do mundo actual, ás que asistimos en masa as fins de semana, incluídos os domingos.

Cando era formador do Seminario, lembro que estabamos organizando unha viaxe a Ponferrada para visitar ‘As Idades do Home’. Para aproveitar mellor o día, preguntámoslle a un alumno que era de alí que outras cousas poderiamos visitar. O neno respondeu: «Hai un centro comercial novo».

É inevitable que sempre haxa alguén que teña que estar no seu posto de traballo a calquera hora e día: hospitais, seguridade, electricidade, transportes, etc. Pero tamén é certo que todo o mundo ten dereito a descansar e a poder estar un día coa súa familia, todos xuntos. Se o pai descansa o luns, a nai o martes e os fillos a fin de semana, non poderán estar nunca todos xuntos.

Cando o noso plan é ir de compras o domingo, estamos provocando que haxa persoas que teñan que sacrificar a vida familiar para poder atendernos, impedíndolles o mesmo que reivindicamos para nós.

Coa resurrección de Xesucristo a dignidade da persoa vese incrementada ata o infinito. Vivir o domingo co descanso e a Eucaristía é celebrar esta dignidade, e que o traballo e as cousas estean ao noso servizo e non ao revés.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán – Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: