Galicia na Xornada Mundial da Xuventude

Foto Mario

Entre gritos de xúbilo dos mozos polacos presentes en Río de Janeiro, o Papa Francisco anunciaba, fai tres anos, que a seguinte Xornada Mundial da Xuventude, (en diante XMX), celebraríase en Cracovia (Polonia) en xullo de 2016. Chegou o momento dun dos grandes acontecementos deste verán. Case catro decenas de mozos de Lugo e máis dun centenar de Galicia representarán ás dioceses da nosa terra na XMX. Os participantes das cinco dioceses de Galicia irán xuntos nunha viaxe organizada pola Subcomisión de Mocidade da Conferencia Episcopal Española.

Coñezo a case todos os mozos de Lugo que están en Cracovia. Hainos de todo tipo de procedencia e son de rica diversidade e complementariedade. Algúns dan comida ao famento, outros axudan aos parados, case todos estudantes e traballadores, voluntarios en accións sociais nada doadas cando todo invita ao botellón e ao disfraz do pan e o circo. Todos, buscan a Cristo en compañía doutros mozos convencidos de que El sae ao encontro tamén no verán. Moitos deles non tiñan diñeiro para a viaxe e crearon obxectos de artesanía, vendéronos para recadar diñeiro e así atoparse con mozos católicos do mundo, compartir as súas experiencias e celebrar a fe nun ambiente de festa e de Igrexa nun contexto de catolicidade. Cracovia é a meta, a cidade na que San Xoán Paulo II foi arcebispo e cardeal ata que en 1978 foi elixido pontífice da Igrexa. Pasaron por Berlín onde celebraron xuntos a Eucaristía, participaron en catequeses e visitaron os lugares máis significativos da cidade. Despois pasaron por Dresde, Praga e finalmente Poznán (Polonia) onde foron acollidos por familias e participaron nas Xornadas chamadas “Días nas Dioceses”. En Czestochowa atopáronse con todos os mozos españois que van á XMX e xa, preto de Cracovia, participan nas distintas actividades das Xornadas. De regreso, visitarán Viena e, o dous de agosto, Deus mediante, regresarán ás nosas dioceses.

As XMX creáronse en 1984, cando tras concluír o Ano Santo da Redención, Xoán Paulo II entregou a súa cruz de madeira de catro metros de altura aos mozos para que a levasen por todo o mundo. Por certo, xa pasou por Lugo e presidiu encontros de mozos na nosa Catedral e na maioría das parroquias da cidade.

Roma, Bos Aires, Santiago de Compostela no ano 1989, Czestochowa, Denver, Manila, París, Roma de novo, Toronto, Colonia, Sidney, Madrid, Río de Janeiro, son as cidades que acolleron tan significativos eventos.

Como Delegado Diocesano de Mocidade participei en varias xornadas e podo testemuñar o seu efecto rexenerador e saudable na vida de moitos mozos. Algúns, como me conta un dos nosos sacerdotes, ían buscando esmorga e acabaron ingresando no Seminario tras unha profunda conversión. En calquera caso, o importante é que esta XMX da Misericordia sírvanos a todos para ser practicantes de boas obras de misericordia: dar para comer ao famento, corrixir ao que se equivoca, dar bo consello ao que o necesita, ensinar ao que non sabe, vestir ao espido…

 Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: